Cuba: unha crise sen saída?

| As claves, Global

Nas últimas semanas estamos coñecendo diversas novas a respecto da situación en Cuba: intensificación das medidas da Administración norteamericana para impedir unha mínima normalización na dispoñibilidade dos recursos enerxéticos precisos para asegurar unhas condicións de vida dignas para a poboación da illa; adopción de medidas inéditas por parte das autoridades cubanas para tratar de reactivar a actividade económica; retirada dos investimentos de importantes grupos empresariais españois do sector turístico ante as dificultades orixinadas polas decisións do goberno de Trump.

A grave crise humanitaria que estamos presenciando é a consecuencia da conxunción de tres factores relevantes. En primeiro lugar, a radicalización da tradicional hostilidade practicada polas autoridades dos USA. O que vemos está superando o que se rexistraba en décadas pasadas, debido á pretensión trumpista de establecer unha nova xeira na hexemonía estadounidense sobre os territorios latinoamericanos. Tamén hai unha segunda circunstancia relevante: nos últimos 35 anos, os dirixentes gobernamentais cubanos non foron quen de resolver algunhas deficiencias estruturais do modelo establecido a partir de 1959 (excesiva dependencia dos recursos procedentes da URSS, hipertrofia do sector económico estatal en detrimento dunhas actividades privadas que, tal e como se comprobou posteriormente, podían resultar beneficiosas para o conxunto da sociedade) e cometeron algúns erros importantes na xestión das capacidades dispoñíbeis (non aproveitamento das potencialidades agrarias, poucas melloras nas infraestruturas de transporte, priorización excesiva do sector turístico). Por último -pero non o menos importante- constatouse unha inhibición fáctica de Rusia e China como posíbeis elementos neutralizadores da agresividade hexemonista de D. Trump. Por distintas razóns, en Moscova e Pekín non consideran necesario desenvolver un determinado nivel de confrontación con Washington que faga posíbel rachar o actual bloqueo petrolífero, causante de graves carencias na vida diaria de millóns de persoas na illa caribeña.

As últimas cifras oficiais coñecidas revelan a existencia dunha realidade preocupante: diminución da poboación existente (ficando por debaixo dos 10 millóns de habitantes) por mor da caída da taxa de natalidade e do importante volume de xente nova que ten abandonado  o país e medre significativo dos índices de envellecemento. Todo isto, obviamente, debilita a potencial capacidade produtiva e implica unhas previsións de crecente gasto social (sanidade, dependencia, pensións…).

Se descartamos os dous escenarios aparentemente menos realistas (a redución substantiva do bloqueo norteamericano ou a intervención militar directa para derrubar o réxime) fica un amplo catálogo de variantes que implican, en todo caso, un proceso de negociación mais ou menos transparente entre ambos gobernos.

Existe algunha saída “construtiva” a esta grave situación? Con Trump na Casa Branca calquera hipótese é posíbel e, xa que logo, non é doado formular prognósticos. Se descartamos os dous escenarios aparentemente menos realistas (a redución substantiva do bloqueo norteamericano ou a intervención militar directa para derrubar o réxime) fica un amplo catálogo de variantes que implican, en todo caso, un proceso de negociación mais ou menos transparente entre ambos gobernos. Mentres non se acade ese eventual acordo, seguiremos asistindo a algúns espectáculos de retórica delirante como o protagonizado recentemente por Marco Rubio culpando a Cuba de ser o cerebro organizador dunha estratexia revolucionaria para Latinoamérica e para outras areas do mundo. Sería cómico de non ser emitido por alguén que manexa unha coñecida forza militar. Se fose certo o que di Rubio sobre Díaz Canel, Raúl Castro e os demais dirixentes teriamos que constatar o rotundo fracaso de semellante pretensión. A diferenza do que sucedía hai 10/15 anos, os únicos Estados que actualmente están dirixidos por executivos de esquerda son México Brasil e Uruguai. Venezuela está “intervida” de facto por EE.UU e países como Chile, Colombia, Bolivia ou Arxentina están gobernados pola ultradereita satélite do Departamento do Estado. Por non falar da dinámica que pode acontecer na UE. nos vindeiros meses.

Que pretenden Trump e M. Rubio neste pulso que se esta desenvolvendo arredor de Cuba? Conseguir concesións no eido económico que faciliten a presenza determinante de grupos económicos norteamericanos, singularmente no ámbito do turismo? Ou queren promover novas regras que permitan, nun prazo breve, asegurar o control do poder político na illa?

E a que están dispostos os dirixentes cubanos para diminuír o deterioro das condicións de vida dos seus compatriotas? Aceitarían un sistema económico parecido ao que rexe hoxe en México ou Brasil? Poden ou queren abrir a porta a unhas elección pluripartidistas nun prazo pactado?

Moitas interrogantes e pouco tempo para aliviar o grande sufrimento que están padecendo a grande maioría dos homes e das mulleres dunha terra tan vinculada á nosa historia.