“O plan de Trump para asfixiar Cuba sacode as empresas españolas na illa” (Público)
Non resulta fácil avaliar con obxectividade a actual situación en Cuba quen, como é o meu caso, segue mantendo lazos familiares con xente da illa caribeña. Non resulta fácil porque, se un quere ser rigoroso, non pode pechar os ollos ás indiscutibles responsabilidades dos dirixentes cubanos, pasados e presentes, na crítica situación actual. Responsabilidades que non poden esconderse baixo o manto do embargo estadounidense, un acto criminal que atenta contra o dereito internacional e a soberanía dos pobos.
Un embargo criminal
Cuba segue sometida por parte dos Estados Unidos a un embargo criminal, que dura xa varias décadas, que afecta a produtos básicos —alimentos, medicinas, enerxía, materiais— e que ten como principais damnificados os colectivos máis vulnerables —infancia, maiores—. Un embargo que non está xustificado, que ataca o dereito internacional e a soberanía dos pobos e que agora, coa administración Trump, se acompaña de ameazas con importantes sancións ás empresas con investimentos na illa caribeña que colaboren co GAE (Grupo de Administración Empresarial), un lobby empresarial que se vincula ás FAR (Forzas Armadas Revolucionarias).
Unha vez máis, Donald Trump e a súa administración poñen en evidencia que non respectan o dereito internacional nin a soberanía dos pobos porque o que conta é a súa vontade, que neste caso pasa por “darlle un volco” a Cuba, pois Donald Trump arrógase a facultade de “facer o que queira coa illa”.
Cuba non é unha auténtica democracia
Cuba, ao día de hoxe, segue sen ser unha auténtica democracia. O férreo control que tanto o exército como o Partido Comunista Cubano exercen na illa impiden o libre exercicio dos dereitos e liberdades democráticas, de xeito tal que non se poden negar as evidencias da falta de democracia. Algo que unha organización tan pouco sospeitosa como Amnistía Internacional pon en evidencia nun dos seus últimos informes.
“Continúa a represión sistemática da disidencia e da liberdade de reunión pacífica. Persisten as detencións arbitrarias. A negación dos dereitos humanos, a tortura e outros tratos crueis, inhumanos e degradantes son prácticas recorrentes nos cárceres. As mulleres activistas e defensoras dos dereitos humanos sofren formas de represión diferenciadas en razón do xénero… continúa a política sistemática de represión contra activistas e integrantes da oposición política. Quen defende os dereitos humanos ve restrinxidos os seus dereitos, e o seu labor continúa sendo estigmatizado e criminalizado. Activistas integrantes da oposición política, artistas, intelectuais, estudantes universitarios e persoas defensoras dos dereitos humanos sofren ameazas, asoballamento, acoso dixital, interrogatorios e vixilancia ilegais” (Amnistía Internacional. Informe Cuba 2025).
Neste marco político resulta extremadamente difícil para calquera demócrata manter a solidariedade que o pobo cubano necesita para facer fronte ao criminal embargo estadounidense. Porque, como moi acertadamente afirmara no seu día a grande Rosa Luxemburg, e referíndose á revolución rusa que ela apoiaba, “é un feito notorio e incontestable que sen unha ilimitada liberdade de prensa, sen unha vida libre de asociación e de reunión, é totalmente imposible concibir o dominio das grandes masas populares… a liberdade reservada só aos partidarios do goberno, só aos membros do partido —por numerosos que sexan— non é liberdade. A liberdade é sempre e unicamente liberdade para quen pensa de xeito distinto. Non é por fanatismo de xustiza, senón porque todo o que pode haber de instrutivo, saudable e purificador na liberdade política depende dela, e perde toda eficacia cando a liberdade se converte nun privilexio” (Rosa Luxemburg: A revolución rusa).
Unhas políticas económicas fracasadas
Durante os anos da Guerra Fría a economía cubana logrou manterse en pé grazas á axuda rusa, que lle subministraba petróleo a prezos moi reducidos e lle compraba azucre a prezos moi altos. Non menos importancia tivo a solidariedade internacional e a simpatía que, especialmente entre os países do Sur, espertaba o réxime castrista polo seu desafío ao Imperio estadounidense.
Pero a caída da URSS (1989) supuxo para Cuba o final desas privilexiadas relacións comerciais e a conseguinte necesidade de buscar outros fundamentos económicos, sempre condicionados tanto polo criminal bloqueo estadounidense como pola ortodoxia dos dirixentes cubanos. Unha ortodoxia que, por exemplo, prexudicou a economía cubana en asuntos básicos como a alimentación e a enerxía, cuxa dependencia do exterior resultaría, como estamos vendo, fatal.
Nas últimas décadas a economía cubana apoiouse financeiramente en tres fontes principais: o turismo, as remesas dos emigrantes e a exportación de profesionais. A estas sumouse durante case dúas décadas a axuda venezolana a xeito de subministración de petróleo a prezos moi competitivos. Unha dependencia do exterior que fixo cambalear un sistema monetario onde a presenza do dólar se tornou decisiva, creando a nivel interno crecentes desigualdades entre a poboación (entre os que dispoñían desa divisa e os que non), ao tempo que a economía se dolarizaba fortemente e, a nivel externo, a débeda se disparaba polos desequilibrios das balanzas comercial e por conta corrente. Os intentos por atallar algúns dos problemas máis graves (“Actualización do modelo económico” en 2016), como a debilidade investidora e comercial así como a escaseza duns recursos públicos imprescindibles para, por exemplo, manter o estado de benestar, fracasarían estrepitosamente. O mesmo que os sucesivos cambios na política monetaria buscando unha maior disciplina e unha desdolarización da economía. Cuba fíxose economicamente cada vez máis vulnerable, máis dependente do exterior, cunhas exportacións que chegaron a supoñer o 29% do PIB e unhas importacións o 41%.
A pandemia asestou un golpe brutal á illa. Afectaría, por exemplo, as fontes principais de ingresos, como o turismo e a exportación de bens e servizos. Isto repercutiría nunha caída do emprego e da entrada de divisas que castigarían tanto as economías familiares como o sector público e o conxunto da economía, que tamén se vería afectada polo derrubamento do xa escaso investimento exterior. A isto sumaríase o derrubamento do comercio co socio preferente (Venezuela) —as importacións subvencionadas de petróleo e as exportacións de servizos—, que representaba o 25% do PIB.
Problemas estruturais, acentuados agora por un bloqueo aínda máis duro e violento, e que levan a que a pobreza estea acadando cifras descoñecidas (20 % da poboación urbana) e a que o modelo cubano de benestar, que fora modélico, se cambalee. A escaseza tanto en produtos básicos (alimentos, medicinas) como en enerxía, derivada tanto do bloqueo como dos erros continuados nas políticas públicas, está levando a illa a unha situación límite cuxo desenlace resulta difícil de adiviñar pero que, tendo en conta a agresividade da administración Trump e a xa citada cerrazón dos sectores máis ortodoxos do réxime, que se negan a ceder poder e privilexios, pode ser traumático.
Cuba e o dereito a decidir libremente o seu futuro
Independentemente da actual situación política e socioeconómica, ninguén debería discutir o dereito dos cubanos a decidir libremente o seu futuro. Un dereito que choca co brutal e inadmisible bloqueo ao que Estados Unidos ten sometida a illa caribeña, algo que xa dura moitas décadas. Un bloqueo que atenta contra o dereito internacional pero que aos sectores máis duros e ortodoxos do réxime castrista lles serve para xustificar a falta de democracia en Cuba.
Neste marco, os demócratas, os que honesta e sinceramente queremos o mellor para os cubanos, debemos esixir que se remate con ese bloqueo, que se respecte a soberanía de Cuba para que esta poida iniciar, en paz e liberdade, o camiño cara a un réxime democrático e pluralista. Un camiño que seguramente lle permitiría contar con máis apoios internacionais tanto entre os réximes progresistas do Sur global como en moitas democracias europeas.





