O Congreso dos Deputados sacou adiante, co voto favorábel da maioría da investidura coa notoria ausencia do BNG -que se opuxo-, a convalidación do decreto-lei de renovación urxente da Radio Televisión Española coa que pretende desbloquear a mudanza dos membros do consello do ente público. Fíxoo nunha sesión marcada polos terríbeis acontecementos en Valencia e o levante español tras o paso da DINA (depresión illada en niveis altos) que deixou preto dun centenar de mortes. O PP e Vox ausentáronse do pleno, botando man da traxedia para construír o relato dun goberno que lexisla sen escrúpulos para controlar con man de ferro os medios públicos mesmo no medio dunha catástrofe nacional.
A nova normativa permite reducir a maioría parlamentar necesaria para o nomeamento dos membros do consello a unha simple maioría absoluta, ademais de ampliar o número de membros deste ata os 15 (once persoas propostas polo Congreso e outras catro polo Senado, dominado hoxe con maioría absoluta polo PP). Este cambio na composición permitiría, en principio -e sempre que o dite a lóxica da dependencia parlamentaria- que houbese conselleiros propostos por grupos minoritarios, nomeadamente os nacionalistas.
O proxecto de 2017 contemplaba unha maioría de dous terzos do Congreso para o nomeamento dos membros do consello e, máis importante aínda, establecía por primeira vez que a elección se realizase a través dunha convocatoria pública e concurso de méritos.
Foi precisamente o deputado do BNG Néstor Rego a única voz discordante. O nacionalista comparou esta reforma co anteproxecto que prepara en Galicia o PP para os medios públicos, e afeou ao PSOE defender o contrario en Madrid que no noso país. O certo é que as reformas de ambos os entes, o español e o galego, comparten máis paralelismos dos que cadanseu impulsor estaría disposto a admitir, e ambas as dúas operan no sentido contrario ao do reforzo da independencia dos medios públicos.
Con esta reforma, Pedro Sánchez enméndase a si mesmo e a reforma que pactou, en 2017 e dende a oposición, con Ciudadanos e Podemos para aprobar unha lei de RTVE que acabase coa contrarreforma de Mariano Rajoy en 2012. O proxecto de 2017 contemplaba unha maioría de dous terzos do Congreso para o nomeamento dos membros do consello e, máis importante aínda, establecía por primeira vez que a elección se realizase a través dunha convocatoria pública e concurso de méritos. Os colexios profesionais lembran que calquera executivo con maioría absoluta poderá no futuro, coa lei na man, controlar os contidos da radio e televisión pública directamente. “É exactamente o mesmo obxectivo que persegue a Xunta de Galicia coa reforma da Compañía de RTVG que tramita o Parlamento de Galicia para perpetuar o seu dominio absoluto sobre a radiodifusión autonómica galega”, salienta a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas.
As boas intencións da norma de 2017 atoparon sempre, con todo, escasa vontade política. Acabado de aterrar no palacio da Moncloa, Sánchez aprobou outro decreto en 2018 ante os retrasos no concurso público e o bloqueo da renovación na dirección do ente. O nomeamento final de membros do órgano fíxose sen ter en conta as puntuacións atribuídas pola comisión de avaliación do concurso, como resultado dun novo pacto político e reparto de cromos, e cada partido colocou a súa ou as súas persoas de confianza ignorando descaradamente o criterio dos expertos.
Agora, a reforma promovida polo Goberno español afonda no mesmo camiño, co agravante de centralizar as competencias na presidencia do consello. Esta persoa gozará dun nivel de atribucións inédito que lle permitirá tomar decisións como nomeamento e cese do equipo directivo da corporación, ademais da aprobación de varios tipos de contratos, convenios, acordos e negocios. Ignórase o debido carácter colexiado dun órgano coma o Consello da RTVE.
A TVG vive a primeira folga xeral da súa historia, cunha plantilla de traballadores que se planta ante O Termómetro, a enésima externalización na produción da cadea.
Aínda que unha das voces máis firmes en contra desta reforma sexa a dun Partido Popular notabelmente galeguizado, o certo é que este movemento do Goberno Sánchez parece ser outro deses balóns de osíxeno que de cando en vez, inexplicabelmente, se envían dende os distintos executivos centrais progresistas ao goberno conservador de San Caetano. Porque nas augas turbias do debate estatal pode diluírse o escándalo dunha reforma, a da CRTVG, que asociacións profesionais, sindicatos e a oposición en pleno denuncian como un ataque, se cadra desta vez si definitivo, á independencia dos medios públicos galegos. No debate no Congreso, só Néstor Rego expuxo esta similitude.
A TVG vive a primeira folga xeral da súa historia, cunha plantilla de traballadores que se planta ante O Termómetro, a enésima externalización na produción da cadea. Non parece afectar aos plans da directiva nin convidar ao Goberno galego a repensar a súa estratexia. O apagón informativo sobre a folga é unha extensión da lei do silencio sobre os Venres Negros.
Alfonso Rueda está decidido a que a elección da dirección da CRTVG poida facerse pola mínima, dado que lle abonda. A vixente lei de medios, aprobada hai trece anos e sistematicamente incumprida en aspectos chave -a elección da dirección é un deles- quédalle pequena. Nunca pasou polo Parlamento a elección do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, de forma que o sistema contemplado no texto de 2011 pasará a mellor vida nos próximos meses sen nunca ter sido operativo, mentres a interinidade de Sánchez Izquierdo ten superado en extensión o longo período da presidencia Feijoo. É unha mostra do carácter de “servizo público de baixa intensidade” que se asignou á TVG durante os últimos lustros, cunha institucionalización feble na súa base de lexitimidade e un baleirado constante de traballo e funcións. O seu espírito fundacional semella tocado, e afundido, nunha proposta de reforma que mesmo contempla que o galego non sexa, en todos os casos, a lingua vehicular dos contidos da CRTVG.
Paralelismos preocupantes
O desprezo polas maiorías cualificadas na elección dos órganos directivos é a letra común de cadanseu proxecto de reforma. A consideración dos órganos directivos dos medios públicos como un xogo de cotas e sumas parlamentarias e dos propios medios como caixas de resonancia dos gobernos de quenda impediron a consolidación de sistemas de medios públicos estábeis e duradeiros no tempo. En Madrid e en Compostela, a alternancia partidaria no goberno non permitiu, con excepcións e con responsabilidades dispares, a consolidación dun sistema que noutros países funciona con envexábel e longa traxectoria.