O recente -e moi axeitado- Decreto 8/2026 (sobre prorroga forzosa dos alugueiros por dous anos e de tope para a suba mensual nun 2%), pode considerarse un bo escudo social transitorio fronte a burbulla especulativa da vivenda (en propiedade e, sobre todo, para alugueiro), unha burbulla que están a sofrer sobre todo os máis mozos no conxunto de España.
Unha burbulla que agrava o diagnóstico das nosas cidades como enfermas, xentrificadas e non resilientes. Que expulsan fora delas aos traballadores precarios que as fan funcionar (no comercio, na hostalería, nos servizos persoais, et.) moitas veces inmigrantes que rematan en infra vivendas. Unha burbulla que moito ten que ver co negocio turístico descontrolado, pero tamén coa non remuneración do aforro por parte das entidades financeiras.
Pero máis aló do citado Decreto non teño dúbidas que a medida de fondo para abrir unha expectativa contra desta burbulla -si non se quere vivir nun Nomadland– é a vivenda social, pública ou de protección oficial.
Recentemente publicaba en Nós diario un breve informe sobre o minguante peso da vivenda de protección oficial rematada cada ano en Galicia no conxunto de España. Agora con datos do mesmo Ministerio da Vivenda paso a completar aquela análise cun par de datos dun informe de xaneiro de 2025 sobre a Vivenda Social en todas as Comunidades Autónomas.

Fonte: elaboración propia con datos do Ministerio da Vivenda [ampliar cadro]
Sabemos que tamén foi minguante, respecto do noso peso demográfico, o investimento global da Xunta de Galicia nas políticas de vivenda entre os ano 2015-2023, pois só supomos o 3,7 % do total de España. E de novo o conxunto de España non é ningún referente axeitado nestes investimentos para a mellora dos barrios e da non xentrificación das nosas cidades. Esta é a resaca da austeridade post crise de 2007: facilitar a xentrificación (por exemplo turística en vilas como Madrid, Barcelona ou Compostela) e reducir os gastos para vivenda pública e bens comúns urbanos.
Por todo o que antecede é patético comprobar como estas necesidades de vivenda social para Galiza no contexto español, e dunha converxencia coa media española axustada a parámetros europeos, están moi por riba dos obxectivos declarados (neste mes de abril) polo presidente da Xunta de “acadar as 10.000 vivendas públicas en 2030”. Tampouco o Plan Estatal de Vivenda entre 2026-2030 con duascentas mil vivendas protexidas máis se acercará ao máis de un millón necesarias para acadar parámetro europeos medios.
A man invisible ten estas cousas. Sendo hoxe mesmo incapaz de promover vivendas para o mercado privado que non sexan para sectores privilexiados da sociedade. Pero nin con esas os defensores do capitalismo inmobiliario (dos prestamistas bancarios e dos fondos de investimento) caen da burra. E, por suposto, para seguir a vivir felizmente como galegos, destas cousas compre non falar na TVG.





