Dous modelos de crecemento: Galiza e España no 2025

Cos datos de crecemento económico para o conxunto do ano 2025 comprobamos que Galiza segue a ser un país minguante no PIB español (pois medramos dúas décimas menos), pero tamén que os dous motores do crecemento se comportan de xeito desigual.

Fonte: elaboración propia con datos do INE e do IGE [ampliar cadro]

Nos dous casos o motor máis importante é o da demanda interna (o consumo privado e público) pero cunha forza moi superior no conxunto de España que na Galiza. Para nós o motor externo aínda é lixeiramente positivo, pero estase desacelerando a grande velocidade pois xa so é da quinta parte do que era ao comezo do ano (0,2 fronte a 1,1).

 

Certo que no conxunto de España o motor externo xa non axuda nada dende hai tempo (e mesmo resta oito décimas). Conseguen, iso si, compensar cunha acelerada demanda interna esa forza negativa.

Pero na Galiza cunha demanda interna moito máis feble (asunto ao que non é allea a nosa baixa natalidade, alto envellecemento e migración da poboación autóctona) o declive da demanda externa vai supor -xa o está a facer- un impacto moito máis duro nas oportunidades de emprego. Movémonos nun círculo pouco virtuoso.