Control da linguaxe e dos medios na política espectáculo trumpiana

 

A bordo do Air Force One Donald Trump anunciou que o avión presidencial estaba “por vez primeira na historia sobrevoando o renomeado Golfo de América”. Namentres os presentes aplaudían e alentaban ao líder, este xactouse: “non é marabilloso? Estamos aquí para facer América grande de novo, verdade? Iso é o que importa”. Trump procedía entón a asinar a proclamación que ratificaba o 9 de febreiro como a onomástica oficial da rebautizada enseada. En aparencia nada fóra do normal, contándose este episodio coma unha enésima performance do 47º presidente estadounidense. Porén, e malia que a devandita deriva non implica impacto algún para a xeografía internacional, o fito deixa ben ás claras a estratexia por controlar a linguaxe, incidir na narrativa pública e alterar os marcos de significado dentro da coñecida como “guerra cultural”, do igual xeito que teñen feito outros réximes autoritarios ao longo da historia, desde Mussolini ata Putin.

Hai autores e políticos que sosteñen que a reelección de Trump é a meirande operación de propaganda da historia.

Hai autores e políticos que sosteñen que a reelección de Trump é a meirande operación de propaganda da historia. Socavando a razón, a experiencia e mesmo a ciencia, o neoiorquino chegou a apuntalar unha imaxe de campión do pobo esquecido e mesmo de vítima dun Departamento de Xustiza que estaba a ser instrumentalizado na súa contra. En menos dun mes desde que asumiu o cargo, Trump superou aos seus predecesores ao asinar 64 ordes executivas e 27 memorandos e proclamacións. As medidas en comercio, inmigración e contra a burocracia federal eran esperadas, pero non tanto a súa teima en redefinir a identidade nacional a través do simbolismo e a linguaxe. Alén do “Golfo de América”, que derivou en prohibición de acceso á Casa Branca para a importante axencia de novas Associated Press (AP) por negarse a cambiar o seu libro de estilo, a administración Trump non deixa de redefinir os termos para prexudicar aos seus adversarios políticos e refractarios.

“Neolinguaxe” e intimidación do omnipresente líder

Na estratexia retórica trumpiana son habituais os alcumes. Joe Biden é “o somnolento” ou “o corrupto”. Kamala Harris, da que se cuestionou a súa identidade étnica, é “a falsa”. A senadora demócrata Elisabeth Warren é “Pocahontas”, en referencia a unhas declaracións sobre a súa ascendencia nativa americana, mentres que Bernie Sanders é “o tolo”. Durante as tensións con Corea do Norte, Kim Jong-un era o “pequeno home cohete”. Recentemente abundan os ataques recentes contra -aínda- aliados occidentais por supostas prácticas de engano e estafa dirixidas a socavar a economía, potencia e recursos estadounidenses; pero tamén contra instancias multilaterais sobre as que verte a sombra da ineficacia e parcialidade. Trump tamén atribúe cualificativos despectivos a grupos que percibe coma opositores, sendo o caso dos empregados públicos ou “activistas do Estado profundo”.

Na primeira viaxe internacional do secretario de Defensa, Pete Hegseth, foron invitados perfís coma Jack Posobiec, un activista da “dereita alternativa”, no lugar dos correspondentes tradicionais.

Mención aparte merecen os medios de comunicación, cualificados de “inimigos do pobo”, que enfrontan un sistema de recompensas e castigos. Na cerimonia de toma de posesión xa vimos aos propietarios do Washington Post e das principais en primeira liña. Nas roldas de prensa na Casa Branca priviléxianse os medios ultraconservadores, ao igual que no Pentágono, que “rotou” a oito das principais cabeceiras do país por soportes máis favorables a Trump. Na primeira viaxe internacional do secretario de Defensa, Pete Hegseth, foron invitados perfís coma Jack Posobiec, un activista da “dereita alternativa”, no lugar dos correspondentes tradicionais. Os medios tamén están a ser perseguidos a través de demandas xudiciais e da Comisión Federal de Comunicacións, que arremete contra canles de informacións críticas. A intimidación contra a prensa semella funcionar, suavizando a realidade e branquexando os designios da dupla Trump-Musk.

Alén da “neolinguaxe” coma instrumento de control e manipulación, e a intimidación e represión dirixida contra os medios de comunicación, o culto á personalidade do líder é omnipresente

Alén da “neolinguaxe” coma instrumento de control e manipulación, e a intimidación e represión dirixida contra os medios de comunicación, o culto á personalidade do líder é omnipresente. Trump domina o ciclo de noticias e as redes sociais as 24 horas, durante toda a semana. Intervén varias veces ao día, nomeadamente cando se pecha cun grupo de reporteiros ben seleccionados a asinar decretos e respostar preguntas. Insólitos aquelarres retransmitidos en falso directo onde se anuncia a medida que se vai adoptar, algún asistente lle pasa a carpeta aberta a Trump, que asina con rotulador groso e xesto de aprobación mentres comenta en alto a xogada. O republicano está a levar máis lonxe que ningún outro o concepto de política espectáculo, sendo o primeiro presidente en exercicio en asistir á Super Bowl, seguida por 127 millóns de espectadores. Trump ocupa todo o espazo e nutre unha avultada inflación de medidas e anuncios co obxecto que non se saiba ben que ocorre.

Roma tornerà ad essere grande

A dinámica de control da linguaxe e símbolos, de intimidación e represión, e de culto á personalidade é comparable coa de líderes de réximes autoritarios e democracias iliberais. Non é sen sentido a equiparación de Trump con Benito Mussolini, quen pretendía restaurar o esplendor do imperio baixo a máxima de Roma tornerà ad essere grande (vs. Make America Great Again), presentándose coma un líder forte e desprezativo das elites tradicionais, silenciando a opositores e redefinindo a linguaxe política para deslexitimar a adversarios ou “antipatriotas” (vs. “inimigos públicos”). Ao igual cun tal Vladimir Putin, Trump tamén ataca á prensa independente e favorece a soportes de comunicacións aliñados coa súa visión, buscando controlar a narrativa histórica e cultural a prol dun novo nacionalismo onde non teñen cabida nin o pluralismo nin os “traidores” e “inimigos internos”.

Ao controlar o relato, redúcense as resistencias e minimízanse as críticas sobre as súas políticas, conformándose una ampla e sólida base de fieis seguidores que rexeitan informacións contrarias á versión oficial.

Acaso non emprega Trump exactamente os mesmos métodos para apuntalar o seu poder? Certamente. Pero, con que fins? Primeiramente, para consolidar o seu poder político. Ao controlar o relato, redúcense as resistencias e minimízanse as críticas sobre as súas políticas, conformándose una ampla e sólida base de fieis seguidores que rexeitan informacións contrarias á versión oficial. Ao polarizar a sociedade entre “nós” e “eles”, confórtase a existencia de inimigos comúns, múltiples pero ben identificados, como “as elites”, “os medios corruptos”, “os comunistas” ou “a esquerda radical”, “os inmigrantes”, “os europeos” ou todo aquel que sirva para unificar ás súas bases sociais. Cambiar nomes de accidentes xeográficos, modificar programas educativos e censurar contidos altera a memoria colectiva e avanza cara a reescritura da historia e identidade nacionais. Se os medios son “inimigos do pobo” e as institucións “corruptas”, acaso non está xustificada calquera medida, sexa a que sexa? Porque para protexer á nación en perigo a violación das normas democráticas entóxase unha “necesidade”.