A Conferencia antifascista e antiimperialista de Porto Alegre

| As claves, Global

Entre os días 26 e 29 de marzo celebrase en Porto Alegre a Primeira Conferencia Internacional antifascista e antiimperialista organizada por CADTM internacional, que contou co apoio e colaboración de diferentes organizacións sociais como ATTAC España, así como movementos sindicais.

Porto Alegre, capital do estado de Rio Grande do Sul, na rexión sur de Brasil, ten unha grande experiencia na celebración de eventos internacionais. Foi alí onde se celebraron as tres primeiras edicións do Foro Social Mundial nos anos 2001, 2002 e 2003. Así mesmo cabería salientar que está considerada a cidade con maior calidade de vida (Metrópoles nº1) en Brasil, que recibiu o premio Cidade Educadora, que é referencia nacional na recollida selectiva de lixo, sede do Foro Internacional de Software Libre e que no seu día foi elixida pola ONU, xunto a outras cidades de Latinoamérica, para participar nunha experiencia piloto de Cooperación Intermunicipal.

O CADTM (antes coñecido como Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, agora como  Comité para a abolición das débedas ilexítimas), fundado o 15 de marzo de 1990 en Bélxica e que conta entre os seus promotores iniciais e cerebros actuais con Eric Toussaint –activista de indiscutible prestixio internacional que, entre outras actividades, asesora a gobernos diferentes sobre como anular a súa débeda externa- é unha rede internacional que conta con comités e membros en Europa, America Latina e Asia. Ademais de asesorar gobernos, maiormente do Sur global, en como abolir unhas débedas externas que se consideran ilexítimas, tamén traballa na procura de propostas alternativas á mundialización neoliberal, á cobertura das necesidades, ás liberades e aos dereitos humanos en todo o mundo, pero con especial atención ao Sur global.

Na devandita conferencia -da que daremos conta con maior detalle en próximas publicacións- trátanse asuntos como a viabilidade dos BRIC´s como alternativa á vella orde imperialista, que durante décadas liderou Estados Unidos, nun momento especialmente preocupante pola presencia na Casa Branca dun neofascista como Donald Trump que ameaza con romper os actuais marcos internacionais e sementar o caos mundial. Un momento no que o neofascismo está en auxe, e non só pola presencia tanto do citado Trump ao fronte da maior potencia militar do mundo, senón tamén pola de gobernantes e dirixentes igualmente neofascistas como os latinoamericanos Milei (Arxentina), Bolsonaro (Brasil), Kast (Chile) ou os europeos Le Pen (Francia), Orban (Hungría), Meloni (Italia), Abascal (España)…

Na Conferencia trátase tamén o novo fenómeno imperialista de acaparamento dos recursos naturais (petróleo, minerais, terras raras, superficie agrícola…) polas grandes empresas multinacionais e tamén polos fondos voitres que, ademais de apropiarse deses recursos, poñen en cuestión a soberanía dos pobos.

Farase tamén un repaso dos distintos movementos sociais antiimperialistas que agroman no mundo, dende rexións de Asia (Bangladesh, Nepal) até Africa (Sahel, Kenia, Marrocos), pero que apenas reciben atención dos medios con maior difusión e audiencia.

Rematarase cunha chamada ás forzas de esquerda de todo o mundo para que xunten esforzos de cara a facer fronte a este ascenso da extrema dereita e tamén ás agresións imperialistas como, por caso, a de Rusia en Ucraína e a dos Estados Unidos en Cuba e en Irán -coa inestimable colaboración de Israel neste último caso-. Un chamado que seguramente contará co apoio de activistas e militantes de todo o mundo (inicialmente sumáronse 1.800 pertencentes a 30 países).

Proximamente, dende TEMPOS DIXITAL daremos máis detalles desta Conferencia, así como das súas conclusións e avaliacións por parte dalgúns dos organizadores e asistentes. Un dos obxectivos será a redacción da Carta de Porto Alegre, documento que buscará sintetizar acordos e concretar proxectos e liñas de acción para fortalecer a cooperación entre movementos sociais, partidos políticos e intelectuais.