O 20 de novembro, Maria Luís Albuquerque, comisaría de Servizos Financeiros e Unión do Aforro e dos Investimentos, urxiu os Estados membros a promoveren fondos de pensións de capitalización obrigatorios: as persoas traballadoras fican automaticamente inscritas, agás que manifesten a vontade de exclusión. A proposta procura dous obxectivos: “dar aos cidadáns máis oportunidades para `construír´ un ingreso `axeitado´ para a xubilación” e “mobilizar 10 billóns de euros en depósitos bancarios … para apoiar as prioridades estratéxicas da UE – en particular defensa e seguranza e as transicións dixital e verde”. Para a dirixente, “as pensións complementarias, tanto plans de emprego como esquemas individuais, axudarán os europeos a manter o seu estándar de vida e asegurar a súa resiliencia económica”.
Argumentarei que: 1) os sistemas públicos de repartición son moi superiores aos de capitalización para garantir pensións suficientes e equitativas, 2) confundir a protección social co financiamento do investimento crea desigualdade e concentración da riqueza, 3) Albuquerque é unha executiva da industria mundial da concentración da riqueza, 4) existen opcións alternativas para financiar o investimento.
En Europa son hexemónicos os sistemas públicos de repartición, nos Estados Unidos os privados de capitalización. Alí, a distribución da propiedade dos activos está concentrada nos máis ricos. A clase traballadora posúe apenas o 2,7% dos dereitos sobre pensións de prestación definida (existe un compromiso sobre o importe da prestación) e de 4,7% dos dereitos sobre pensións de achega definida (existe unha obrigación sobre a achega periódica ao fondo). En accións e fondos de investimento a súa participación é case desprezábel. A riqueza media de cada capitalista e/ou xestor (10% máis rico) multiplica a de cada traballador (50% máis pobre):
- 436 veces en accións e fondos de investimento,
- 83 veces en dereitos sobre pensións de prestación definida, e,
- 60 veces en dereitos sobre pensións de contribución definida.
Esta desigual distribución fai que o sistema de repartición sexa esencial para a maioría traballadora. Porén, alí distribúe menos do 5% do PIB. Na UE, en 2023, o 12,19%. Os xubilados europeos viven máis seguros, libres e protexidos.
EEUU demostra que mesturar a protección social co financiamento do investimento sitúa a primeira como un obxectivo subordinado. Un comisariado que se ocupa dos servizos financeiros, do aforro e do investimento non debería ter nada que dicir sobre a garantía de rendas na vellez. Os niveis de desigualdade e concentración da riqueza nos Estados Unidos son moi superiores aos existente na UE. A privatización das pensións que propón a Comisión Europea camiña na dirección de imitar ese modelo e os niveis de pobreza que xera.
Os xubilados europeos viven máis seguros, libres e protexidos.
A traxectoria de Albuquerque garante lealdade aos intereses hexemónicos. Ministra de Finanzas portuguesa entre 2013 e 2015 finalizou a privatización de Electricidade de Portugal (EDP) vendendo 21,35% do capital que restaba no Estado portugués á empresa pública chinesa Tres Gorxas (TG). O seu marido foi obrigado a dimitir como consultor de EDP pola que fora contratado mentres a ministra negociaba a venda á TG. En 2017, propuxo a privatización do 100% da Caixa Geral de Depósitos. En 2015, defendeu a redución das pensións públicas en Portugal, “vai ser preciso fazer alguma coisa sobre as pensões para garantir a sustentabilidade da Segurança Social” … alguma redução mesmo nos atuais pensionistas”. A vitoria dunha coalición de esquerdas nas seguinte eleccións frustrou a súa determinación. Agora, libre de controis democráticos, conspira para entregar as cotizacións sociais de 200 millóns de traballadores e traballadoras aos capitalistas dos bancos, fondos de investimento e aseguradoras.
Existen instrumentos alternativos para financiar os investimentos en soberanía dixital e transición ecolóxica: 1) o circuíto do Tesouro, “pór a disposición do Estado a liquidez depositada en institucións públicas ou parapúblicas”1. 2) Financiamento directo polo Banco Europeo de Investimento (BEI), aumentando os seus recursos. 3) Financiamento directo polo Banco Central Europeo (BCE). En resposta a Crise Financeira Global, o BCE multiplicou o seu balance por 6 veces, inundando o mercado de liquidez para salvar o sistema financeiro europeo. Agora, trataríase de financiamento directo do investimento produtivo. 4) Por último, poderíase estudar a constitución de fondos soberanos de capitalización de propiedade e xestión pública, cuxos investimentos garantirían capacidade colectiva de planificación colectiva da soberanía dixital europea e da transición ecolóxica. Os fondos soberanos permitirían que parte das cotizacións sociais se convertesen en propiedade colectiva dos sectores estratéxicos da economía europea.
1 LORDON, FRÉDÉRIC, “Para poner fin al chantaje de la deuda”, Le Monde Diplomatique, edición en español, n.º 360, outubro 2025.








