Comemos peixe fresco, ou pagamos o alugueiro?

Case dous de cada dez fogares viven en Galicia en réxime de alugueiro segundo o IGE, cifra que vai en crecemento (uns 160.000) e que, ademais afronta unhas mensualidades que se disparan ao non existir un parque público de vivendas en réxime de alugueiro taxado en liña coa media europea.

Vou utilizar nesta breve análise cifras para o gasto medio anual da poboación no conxunto de Galicia (sempre en prezos e euros correntes dende 2006 ata 2023, pero tomando como base 100 ese ano). Polo tanto esta media inclúe aos que pagan e non pagan o alugueiro. Mesmo así creo que poderemos facermonos unha idea do que está a implicar o aumento destes prezos no deterioro do benestar social do país. Nin que dicir ten que se o INE ofrecese estes mesmos datos que vou comentar por niveis de renda e/ou dos fogares con e sen pagamento de alugueiros, os efectos que se van comentar veríanse seriamente amplificados (para as rendas máis baixas e para os fogares ou persoas afectados polo pago do alugueiro). Pois sabemos que para estes o peso das mensualidades van dende o 50 % das rendas máis baixas ao 17 % nas rendas máis altas.

Dito isto, e con estas cautelas, vemos como foi a evolución do gasto medio por persoa entre os anos 2006 e 2023 nun primeiro gráfico moi resumido, pero ben paradigmático na liña do que adianto no título desta breve análise. A nosa referencia debe ser que a capacidade media de gasto por persoa dende 2006 ata hoxe aumentou lixeiramente (de 100 a 134), mentres os gastos medios de alugueiro da vivenda principal disparáronse (de 100 a 289), case ao triplo. Algo que penalizará de xeito singular ao vinte por cento dos fogares que non teñen outra opción que o alugueiro.

Fonte: elaboración propia con datos do INE

Fonte: elaboración propia con datos do INE [Ampliar cadro]

Tivo isto consecuencias no benestar social das persoas? Para responder a esta pregunta centrareime na calidade da dieta alimenticia, que concreto en dous elementos ben significativos: peixe fresco e carne. Pois é razoable supoñer que cun gasto total que medra moito menos que unha partida que case se triplica (o alugueiro), os cidadáns non tivesen que recortar o seu consumo de alimentos de maior calidade e con prezos máis elevados.

E así sucedeu para o o peixe fresco e a carne de vacún, que medraron moito menos que o gasto medio entre 2006 e 2023. E reitero: é unha cifra media para todas as persoas e fogares. Arrepía imaxinar o que terá sucedido sobre aqueles con menor poder adquisitivo e que teñen que pagar o alugueiro.

Esta mesma mutación (que provocou o aumento dos alugueiros, tendo que apertarse o cinto na comida de calidade) recólloa cunha rateo ou relación dos euros que se pagan por alugueiro e os que se gastan nestas dúas clases de comidas entre eses anos.

Fonte: elaboración propia con datos do INE [Ampliar cadro]

Comprobamos de novo que o impacto do aumento do gasto en alugueiro é devastador. Pois nos dous casos máis que duplica o peso en relación ao que teñen estes dous alimentos básicos. Provocando que o seu peso nos gastos familiares diminúa. Esto en cifras medias para todas as persoas, non digamos para as que vivan en alugueiro e teñan menor renda.