Colapso climático e lecturas de verán

| As claves

Imaxe de apertura: Fotograma da miniserie L´effondrement

Vexo nos noticiarios que as viaxes en avión non fan máis que medrar nestas datas, porque a xente ou ben ten que ir a traballar lonxe (e regresa á casa), ou ben procura ofertas de viaxes de ocio canto máis lonxe mellor. Tamén medran os tránsitos marítimos porque non facemos cerca o que seica hai que traer de moi lonxe para aforrar en salarios ou en custos ambientais e laborais.

Mesmo decidimos na Unión Europea deixar para máis tarde o dos coches eléctricos, e aínda postos nesas a poucos lle importa que fose preferible unha rede de tranvías. Segue a pleno rendemento a importación de gas natural (antes ruso e agora norteamericano) para Galiza, e non digamos de derivados do petróleo. Con esta empanada sería insólito que o derradeiro cumio sobre o clima non rematase como o rosario da aurora.

Véñense tamén arriba -e ganan predicamento social- os negacionistas do colapso climático (dende os Estados Unidos aos Emiratos), mentres os equidistantes e reformistas seguen acordando coas empresas do capitalismo fósil a chamada “transición enerxética” á medida da rendibilidade dos seus investimentos.

E para rematar o panorama tras da desfeita da pandemia do Covid o movemento contra o colapso climático non pasa polos seus mellores momentos; mesmo a vangarda francesa que se mobilizaba contra do capitaloceno berrando “fin de mes, fin do mundo: mesmos culpables” semella estar en retirada.

Esta sensación de derrota explicaría que as vagas incendiarias e as inundacións se considere que pouco ou nada teñen que ver (nun particular trastorno bipolar) con todo o que precede. E, como moito, sucederá que ao que levante a voz lle digan que trague coa enerxía nuclear se quere manter o “estilo de vida”.

Esta sensación de derrota explicaría que as vagas incendiarias e as inundacións se considere que pouco ou nada teñen que ver (nun particular trastorno bipolar) con todo o que precede.

Neste caldo de cultivo xa no ano 2015 R. Scranton publicara o seu libro “Aprender a vivir e morrer no Antropoceno” (Edit. Errata Naturae), e no 2018  o seu colega J. Franzen fixera o propio con “A fin da terra” (Edit. Salamandra). Uns éxitos editoriais nos que certamente se comproba que é máis doado imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo.

Nesta deriva -máis que preocupante- vexo que para os agasallos para as clases medias do Norte global vén de lanzarse  “The Book” (Edit. Duomo), unha especie de manual de instrucións de luxo para xogar a sobrevivir en tempos de colapso climático. Declaran, sen complexos, esta intención para o libro: “se a nosa civilización se enfrontase a unha crise apocalíptica, ¿como poderiamos reconstruíla desde cero?”.

Digo para as clases medias zombies, porque para as clases altas o relato -con moita retranca- é mellor velo nos capítulos 3 e 7 da moi recomendable serie francesa “O colapso”. Ou, para os que sexan máis de lectura que de pantallas, meterlle o dente ao libro de Douglas Rushkoff “La supervivencia de los más ricos. Fantasías escapistas de los millonarios tecnológicos” (Edit. Capitán Swing, 2023) o que el resume como o negocio do apocalipse a longo prazo.