Cogobernanza fallida

Nun sistema federal como o que temos en España os diversos niveis de goberno deben cooperar entre si para mellor atender os intereses de cada territorio. No ámbito da facenda pública o instrumento central desta actividade cooperativa é o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). Pois ben, nas dúas últimas reunións celebradas (febreiro e novembro de 2025) prevaleceu a estratexia partidista fronte á lealdade institucional: as CCAA gobernadas polo Partido Popular levantáronse da mesa para evitar ter que pronunciarse sobre a condonación da débeda (febreiro); ou votaron en bloque en contra da senda de estabilidade (novembro), que incorporaba unha décima de déficit sobre o PIB para cada rexión.

A condonación supón un aforro en xuros (sobre 15 mil millóns até 2030), unha notable melloría da saúde financeira das CCAA e unha normalización progresiva da súa relación cos mercados de crédito. A senda de déficit fai posible un limitado nivel de endebedamento para aqueles que o precisen, ampliando a capacidade de gasto en algo máis de 1.500 millóns de euros para 2026 para o conxunto das facendas autonómicas comúns. Esa posición anuncia a negativa do Partido Popular nas Cortes a avalar esa proposta, o que augura severas dificultades para a súa aprobación (e dificulta aínda máis o trámite orzamentario).

Con cegueira estratéxica, as CCAA con gobernos conservadores non teñen présa: prefiren agardar a que teña lugar o cambio de ciclo político que moitos inquéritos anuncian.

Unha estratexia de colaboración crítica faría posible, en cambio, que os aspectos máis discutíbeis do decreto de condonación puidesen ser corrixidos, cun resultado máis equilibrado en termos territoriais; e que as regras de estabilidade españolas, necesitadas de adaptación á recente reforma europea, tivesen un axuste máis rápido e que contemplase os diversos intereses das comunidades. Coa oposición frontal, o goberno central ten máis liberdade pero menos lexitimidade; o que, no contexto de polarización e fragmentación representativa en que nos movemos, conduce ao bloqueo.

Con cegueira estratéxica, as CCAA con gobernos conservadores non teñen présa: prefiren agardar a que teña lugar o cambio de ciclo político que moitos inquéritos anuncian. Mentres, os réditos fiscais da exitosa política económica española garanten recursos en ascenso -e unha regra de gasto, limitadora dos orzamentos públicos, máis xenerosa. A ausencia de colaboración que evidencian os últimos Consellos de Política Fiscal e Financeira inviabiliza acometer seriamente a reforma do financiamento autonómico ou das regras de estabilidade.

Pero as reformas hai que facelas co tempo seco (e marxe de dispoñibilidade de ingresos), non con temporal. E unha orientación máis centralista da política territorial, inevitable con VOX sustentando a un goberno, dificilmente vai facilitar o acomodo das pretensións das CCAA.