Recentemente ocupábame deste asunto para o conxunto de España no semanario dixital Sin Permiso e agora vou a facer o propio moi brevemente para Galicia. En función do nivel educativo dos pais dos estudantes universitarios, o asunto vai ser ver si hai “castas hereditarias” en lugar da “mobilidade social” ou “escada social” prometida nunha sociedade decente.
Noutras palabras, se moitos dos estudantes universitarios proveñen de pais que non necesariamente teñen estudos superiores (daquela habería mobilidade social), pois se proceden principalmente de pais con estudos superiores, entón estariamos vivindo entre castas hereditarias. E fareino nesta ocasión con datos do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para o ano 2022 (último dispoñible).
Pois ben, do total de matriculados nas Universidades galegas ese ano, o 62% tiña ou ben os dous proxenitores universitarios ou ao menos un deles. É esta unha porcentaxe moi semellante á media española (65%). A segunda parte pasa por saber que porcentaxe da poboación galega entre 35-54 (os potenciais pais deses alumnos) tiña estudos universitarios. Segundo o INE o dato é do 31%, pois o resto serían potenciais pais non universitarios. Recollo esta simetría nun gráfico.

Fonte: elaboración propia con datos citados no texto [ampliar cadro]
E a cousa é máis de lamentar porque sabemos que entre o ano 2000 e a actualidade o número de universitarios (ver aquí) caeu case a metade na nosa Galicia minguante. Mentres se mantiveron as mesmas oportunidades de prazas nos centros universitarios. O que nos indica que non estamos diante dun asunto de oferta insuficiente.
Outra cousa é que a esa oferta poidan chegar doadamente moitos dos mozos e mozas que non teñen pais universitarios, e que van quedando excluídos de montarse nese ascensor social. Un ascensor que cada vez o é menos coa actual especulación da vivenda e porque agora serán os estudos de pos grao (de poder ser en centros privados exclusivos) os que marquen a diferencia no mercado laboral.





