O 2 de decembro de 1948 un grupo de intelectuais xudeus, encabezados por Albert Einstein e Hannah Arendt, remitiron unha carta aberta ao New York Times, publicada o 4 de decembro, na que alertaban da condición fascista e supremacista do partido Haherut, creado por Menachem Begin no novo Estado de Israel para enfrontarse ao laborista de Ben Gurion. Haherut nacía nos grupos terroristas sionistas que operaban en Palestina, como Irgún, protagonistas da Nakba e autores de múltiples ataques e asasinatos contra a poboación árabe ou de atentados como o do hotel Rei David, no que morreron cen británicos. Haherut é o antecesor directo do Likud, fundado en 1973 polo propio Menachem Begin e Ariel Sharon, quen ordenou os masacres de Sabra e Chatila. Non é preciso facer arqueoloxía bíblica nin escarvar moito para atopar o programa de xenocidio e lebensraum de Benjamin Netanyahu e a súa coalición de goberno.
Os intelectuais da carta serían agora cualificados de antisemitas, pese a seren xudeus, non só polas forzas reaccionarias do Estado de Israel senón polos Estados Unidos ou mesmo polos gobernos dalgúns membros da Unión Europea. Téñase en conta que Arendt e Einstein lanzaron a súa alerta contra o fascismo cando a destrución, a morte e a crueldade desatadas polo exército de Israel eran unha ínfima parte do que hoxe vemos día tras día en Gaza.
Carta ao New York Times1:
Novo Partido en Palestina: Visita de Menachem Begin e Obxectivos do Movemento Político en Cuestión
Aos editores do New York Times:
Entre os fenómenos políticos máis inquietantes destes tempos está a emerxencia no acabado de nacer Estado de Israel do “Partido da Liberdade” (Tnuat Haherut), un partido político ben semellante na súa organización, métodos, filosofía política e tirón social aos partidos Nazi e Fascista. Formouse a partir dos membros e seguidores do coñecido como Irgun Zvai Leumi, organización terrorista, reaccionaria e xenófoba en Palestina.
A visita agora de Menachem Begin, líder deste partido, aos Estados Unidos está orquestrada obviamente para dar unha impresión de apoio norteamericano ao seu partido nas vindeiras eleccións israelís, e para consolidar os vencellos políticos cos elementos Sionistas conservadores nos Estados Unidos. Varios Norteamericanos de prestixio nacional saíron cos seus nomes a celebrar esta visita. Resulta inconcebíbel que aqueles que combaten o fascismo polo mundo adiante, se dispoñen da información axeitada sobre o historial político e as perspectivas do Sr. Begin, puideran sumar os seus nomes e apoio ao movemento que el representa.
Antes de que o dano causado pola contribucións financeiras, as manifestacións públicas en apoio a Begin e o xurdimento en Palestina da impresión de que un segmento importante dos EUA apoia os elementos Fascistas en Israel sexa irreparábel, a opinión pública estadounidense debe ser informada do historial e os obxectivos do Sr. Begin e o seu movemento.
O que o partido de Begin declara en público non é unha guía en absoluto do seu carácter real. Hoxe falan de liberdade, democracia e anti-imperialismo, mentres que ata hai ben pouco proclamaba abertamente a doutrina do estado Fascista. Son os seus actos os que delatan o carácter real deste partido terrorista; polas súas accións pasadas podemos xulgar o que se pode esperar que fagan no futuro.
Ataque a unha Aldea Árabe
Un exemplo estarrecedor foi o seu comportamento na aldea árabe de Deir Yassin. Esta aldea, afastada das vías principais e rodeada de terras xudías non participara en absoluto na guerra, mesmo combatera os grupos árabes que quixeran empregar a súa aldea como base. O 9 de abril grupos terroristas atacaron a pacífica aldea, que non era obxectivo militar, asasinaron a maioría dos habitantes: 240 homes, mulleres e nenos e deixaron uns cantos vivos para facelos desfilar como prisioneiros polas rúas de Xerusalém. A maior parte da comunidade xudía ficou horrorizada polos feitos, e a Axencia xudía enviou un telegrama de desculpa ao rei Abdullah de Xordania. Os terroristas, lonxe de avergoñarse dos seus actos, fachendearon polo masacre, difundírono amplamente e convidaron os correspondentes internacionais presentes no país a contemplar os cadáveres amoreados e a destrución total en Deir Yassin.
Dentro da comunidade xudía, o Partido da LIerdade promove unha mestura de ultranacionalismo, misticismo relixioso e supremacismo racial. Coma outros partidos Fascistas é utilizado para romper folgas e eles mesmo teñen presionado pola destrución dos sindicatos libres. No seu lugar fomentan os sindicatos amarelos seguindo o modelo do Fascismo italiano.
Durante os últimos anos de esporádica violencia anti-británica, o IZL e os grupos Stern2 inauguraron un reinado de terror na comunidade xudía de Palestina. Os mestres recibían malleiras por falaren contra eles, pais e nais foron tiroteados por non permitiren que os seus fillos se uniran a eles. Con métodos gangsterís, malleiras e rotura de cristais, así como roubos a grande escala, os terroristas intimidaban a poboación e extorsionábana con fortes tributos.
A xente do Partido da Liberdade non xogou papel ningún nos logros construtivos en Palestina. Non conseguiron ningunha terra nin construíron asentamento ningún, unicamente restaron lexitimidade á actividade de defensa xudía. O seu cacarexado empeño en favorecer a inmigración foi minúsculo e limitouse maiormente a introducir compatriotas Fascistas.
Discrepancias Observadas
As discrepancias entre as proclamas solemnes feitas por Begin e o seu partido e o seu historial en Palestina leva a pegada un partido político a marxe do resto. O seu selo é o dun partido Fascista inconfundíbel para o cal o terrorismo (sexa contra os xudeus, os árabes ou os británicos) e a representation política desigual son medios, e un “Estado Líder” é a meta.
Á luz das consideracións expresadas, resulta indispensábel que a verdade sobre o partido do sr. Begin e o seu movementyo sexan coñecidos neste país. É unha traxedia pensar que os representantes máximos do Sionismo Norteamericano se negasen a facer campaña contra as pretensións de Begin, ou sequera explicarlles aos seus representados os perigos que para Israel conleva o apoio a Begin.
Os e as abaixo asinantes recorren pois a este medio para dar a coñecer publicamente algúns dos feitos salientabeis en relación a Begin e o seu partido; e apelan a todas as persoas implicadas a non apoiar esta nova manifestación do fascismo.
ISIDORE ABRAMOWITZ, HANNAH ARENDT, ABRAHAM BRICK, RABBI JESSURUN CARDOZO, ALBERT EINSTEIN, HERMAN EISEN, M.D., HAYIM FINEMAN, M. GALLEN, M.D., H.H. HARRIS, ZELIG S. HARRIS, SIDNEY HOOK, FRED KARUSH, BRURIA KAUFMAN, IRMA L. LINDHEIM, NACHMAN MAISEL, SEYMOUR MELMAN, MYER D. MENDELSON, M.D., HARRY M. OSLINSKY, SAMUEL PITLICK, FRITZ ROHRLICH, LOUIS P. ROCKER, RUTH SAGIS, ITZHAK SANKOWSKY, I.J. SHOENBERG, SAMUEL SHUMAN, M. SINGER, IRMA WOLFE, STEFAN WOLFE.
New York, Dec. 2, 1948
1Trad. Xurxo Borrazás
2Grupos paramilitares sionistas aliados coa Italia fascista e a Alemaña nazi que cometeron atentados e masacres contra británicos, árabes e xudeos desde 1931 ata 1948.





