Cara a onde imos, cara a onde nos queren levar?

Cando escribo estas liñas acabamos de saber que Austria tampouco escapa ao virus do ascenso da extrema dereita. Pouco antes fora Alemaña e non está claro que en Europa estas dinámicas de avance dos totalitarismos teñan tocado ao seu fin. Tamén sabemos que Israel segue a súa escalada xenocida e criminal en Oriente Medio sen atender, por caso, as demandas da ONU e de moitos países democráticos. Non só non atende as demandas de para-las invasións senón que se atreve a prohibi-la entrada no seu país ao Secretario Xeral da ONU, señor Guterres, asi como a declaralo persoa non grata. Mentres en Ucraína segue a guerra sen que as partes mostren unha vontade real de negociar un cese de hostilidades que sexa preludio dunha paz duradeira.

Neste marco internacional cabe preguntarse cara a onde imos? Onde nos queren levar? Unha pregunta totalmente pertinente porque quen deberían cuidar da orde mundial (ONU, Estados Unidos, Unión Europea, Rusia, China…..) ben se mostran totalmente impotentes para frear esta deriva, ben alimentan o lume ou agardan a súa oportunidade.

A ONU, carente de medios e prisioneira dun sistema de funcionamento e de toma de decisións na que os grandes teñen a posibilidade de vetar resolucións, mostra cada día que pasa unha meirande impotencia para, por caso, cumpri-la misión central para que fora creada de “aportar garantías mutuas de independencia política e integridade territorial tanto aos grandes como aos pequenos estados”, e tamén de defender un dereito internacional que, entre outros, recoñece o dereito dos palestinos a súa libre determinación.

Estados Unidos, nun certo baleiro de poder, tanto por mor da estar en plena campaña electoral presidencial como polo declive físico e mental do seu actual Presidente, amósase incapaz de poñer freo ás atrocidades do seu aliado Israel, no caso nada probable de que quixera facelo.

A Unión Europea, nunha perda de influencia internacional sen precedentes por mor tanto do ascenso da extrema dereita como da recesión económica interna da que non dá saído ao teimar nas súas ortodoxias e das súas incongruencias, como o apoio a Netanyahu ao tempo que se condena a Putin, dá mostras continuas da súa incapacidade política incluso para parar unha guerra que ten lugar en Europa.

Rusia, controlada con man de ferro por un novo Iván o Terrible (V. Putín), alimenta o lume que desequilibra a orde mundial con actuacións criminais como a guerra en Ucraína. China observa dende fóra os escenarios pero sen atreverse a intervir e vendo como mellor aproveita a oportunidade para seguir vendendo, por caso, no Sur global os seus intereses xeopolíticos e comerciais. Un Sur global que, con razón, critica un comportamento de Occidente que co seu apoio ás barbaridades e crimes de Israel actúa en contra do que é o sentir maioritario a nivel mundial dun alto o fogo tanto en Oriente Medio (Gaza, Líbano, Siria…) como en Ucraína. Un comportamento que o deslexitima para presentarse diante do resto do mundo como defensor dos dereitos humanos.

Neste escenario internacional, se o presente aparece inseguro e incerto, o futuro non se albisca con claridade, xa que a orde nacida logo da II Guerra Mundial aparece sentenciada, non digamos o dereito internacional. As ameazas á paz e á convivencia pacífica increméntanse ao tempo que as dubidas sobre o futuro de Occidente, que é o mesmo que dicir do mundo. Velaí que nos preguntemos con fundadas razóns de cara a onde imos, cara a onde nos queren levar?