O verán pasado, a Reserva Federal, o banco central de Estados Unidos, anunciou que era necesario aprobar novas garantías de capital para os bancos. Para que entenda ben, esas garantías son como o «colchón» que pode protexelos en casos de perdas, shocks ou crises inesperadas. Sen protección abondo, calquera incidencia pódeos levar á quebra e volvería ocorrer o que pasou desde 2007 ou, en menor escala, o ano pasado, dentro e fóra de Estados Unidos.
Pois ben, a Reserva Federal dixo entón que establecería un aumento total do 16% dos requisitos de capital para os 37 bancos con máis de 100.000 millóns en activos (e para os que, tendo menos, realicen unha actividade comercial significativa). Trataba así de evitar que se produzan novos episodios de falta de liquidez ou solvencia bancaria que xeren problemas letais ao conxunto da economía. Algo que é seguro que terminará ocorrendo unha vez máis, dada a acumulación esaxerada de activos financeiramente explosivos nos balances dos grandes bancos. Só os catro maiores de Estados Unidos (Goldman Sachs, JPMorgan, Citibank e Bank of America) posuían a finais de 2023 un total de 168,26 billóns de dólares en produtos financeiros derivados, os cualificados por Warren Buffet como «armas de destrución masiva para a economía».
En canto se fixo o anuncio, os grandes bancos opuxéronse a esa medida e levaron a cabo unha inxente campaña de publicidade nos programas de maior audiencia de televisión, con anuncios nos demais medios e en redes sociais, e cunha web chea de afirmacións falsas, como se demostrou aquí. Finalmente, ameazaron con demandar á Reserva Federal se se aplicaba.
Ante a ofensiva dos bancos, esta última cedeu e finalmente aprobou en agosto pasado unha subida mínima e, segundo as súas propia análises previas, insuficiente nos requisitos de capital. A gran banca privada volveu gañar, impoñendo a súa vontade á banca central «independente».
Como dixen, a Reserva Federal consideraba necesario establecer máis garantías de capital para dar seguridade ao sistema financeiro e evitar crises bancarias, das que se produciron 151 en todo o mundo de 1970 a 2018. E o argumento en contra que dá a banca (tanto en Estados Unidos como en Europa) para opoñerse ao incremento das garantías de capital é moi simple: con máis garantías para asegurar ao sistema, habería menos fluxo de crédito á economía e diminuirían os seus beneficios.
Trátase, pois, dunha auténtica e clara confesión, dunha sorprendente autoinculpación da banca privada.
Os seus directivos recoñecen que, para obter os beneficios extraordinarios que obteñen, ou incrementan sen parar a inseguridade que pon en perigo certo ao conxunto da economía, ou deixan de proporcionarlle crédito. Non se pode expresar dunha forma máis transparente e sincera que a gran banca privada do noso tempo é unha bomba de reloxería que, antes ou despois, como en realidade xa pasou varias veces, rebentará levando por diante o conxunto da economía. Son os seus propios dirixentes e analistas os que recoñecen implicitamente que se trata dunha institución mal deseñada, moi perigosa e ineficiente. Eles mesmos están a dicir a berros que o coherente é acabar con ela.
E levan razón. A única alternativa posible para garantir que a economía internacional funcione con seguridade e que empresas e fogares dispoñan do crédito que necesitan para xerar riqueza produtiva e ingresos é desmantelar os grandes bancos. As consecuencias de non facelo vímolas xa varias veces e volveremos velas de novo, máis pronto que tarde e con peores danos.
______
Artigo orixinal dispoñible en Ganas de Escribir. Página web de Juan Torres López (juantorreslopez.com)