Os últimos datos provinciais anuais do volume exportado dende Galicia fóra de España que ofrece o Instituto Galego de Estatística (IGE) sitúan as dúas provincias atlánticas en posición moi destacada, tal como recollo nunha primeira gráfica. Pero se nesas dúas provincias descontamos e separamos dous sectores determinantes (o de confección na Coruña e o de automoción en Pontevedra) a distribución modifícase de xeito radical ao considerar estas dúas novas “provincias” exportadoras. Tal como recollo nunha segunda gráfica.
¿Que pon de manifesto esta nova distribución? Pois algo que é ao tempo un éxito e unha debilidade da nosa economía: o feito de que a metade das nosas exportacións dependan de dúas actividades (automoción e confección). Pois a confección iguala por si soa todo o resto do exportado na provincia de Coruña, e a automoción supera nada menos que a suma de todo o exportado en Pontevedra, Ourense e Lugo.
Certo é que con elas a pleno rendemento o noso desempeño exterior ten un balance moi positivo, pero de non ser así nada menos que o 50 % das nosas exportacións pode ter problemas serios, por máis que o resto dos sectores exportadores sigan a pleno rendemento. Temos metidos, como vulgarmente se di, demasiados ovos en só dous cestos.
É bo lembrar isto diante dos nubeiros que medran estes meses no sector da automoción na Unión Europea pola competencia asiática (acusados mesmo no sector da Alemaña), e dos que non é imposible que puideran no futuro dificultar o ata o de agora éxito imparable das exportacións galegas de confección. De momento xa se fala de treboada perfecta na área de Vigo.
Para ter precaución e anticipación deses escenarios temos que deixar, en primeiro lugar, de anotar unha cota de empresas exportadoras no conxunto español (4,5%) moi por debaixo no peso que temos en PIB (5,2%), incorporando unhas 2.500 novas empresas á exportación, e diversificando sectores.
E, en segundo lugar, para o caso da automoción vou deixar aquí dúas reflexións que fago no meu recente ensaio “Galicia. Un país desnortado e minguante” (Universidade de Vigo, 2024), na liña de ir cara o que definiría como industrias da mobilidade sostible, integrando –nunha hibridación transversal- automoción, naval, enerxías renovables e eco industria.
“A localización en Galicia dunha mega empresa de ensamblaxe de automoción, baixo un control significativo do estado francés e chinés, localizada para exportación global depende agónicamente da desvalorización salarial interna, mentres ao tempo alimenta un modelo de transporte insostible. Para ganar en resiliencia interna e en menores impactos ambientais globais, deberamos reorientar as empresas auxiliares deste sector cara a equipos de transporte colectivo e de enerxía sostible co apoio do Estado (por caso Zona Franca) e da Xunta (IGAPE)” (páxina 166).
“Na automoción debemos cambiar a perspectiva e máis que falar, sen deixar de facelo, dunha mega planta de ensamblaxe en Vigo, apostar pola especialización nalgúns ámbitos da industria de compoñentes (para mobilidade colectiva e sostible) con vocación de competir a nivel global, cos debidos e necesarios apoios loxísticos, para depender menos do ensamblador. Tamén ambiciosos e activos na captación de investimentos estranxeiros sobre todo se son en vectores de transición enerxética e dixital para transporte colectivo, porque ademais do seu evidente impacto directo, xerarían enormes economías de aprendizaxe tecnolóxica” (páxina 25)
Son reflexións que encaixan coas análises que nos últimos meses veño tamén facendo no diario Nós e que deixo aquí recollidas por se foran de interese: ¿Electrificamos en serio? e antes Tranvías: batendo na mesma pedra.