Nestas datas marcadas polos accidentes ferroviarios que todos lamentamos acumúlanse as investigacións, as causas e as múltiples opinións. Agora xéranse dúbidas sobre o transporte ferroviario, por iso é importante e necesario precisar como está a situación ferroviaria en Galicia aínda que só sexa por comparación con outras rexións como pode ser Catalunya.
Infraestruturas/transporte de proximidade
Podemos comparar a situación das áreas metropolitanas de Barcelona e de Vigo.
A área metropolitana de Barcelona: esta área ten unha poboación de 3,4 millóns de persoas. Nos servizos ferroviarios de media distancia, considerando só de Barcelona a Tarragona prodúcense máis de 30 circulacións/día nun sentido e 7 circulacións en sentido Girona. Os servizos de proximidade de Barcelona a Tarragona (Vilanova G.) son 70 circulacións/día nun sentido e 36 en sentido Granollers (Girona).
A área metropolitana de Vigo-Pontevedra ten 600.000 habitantes e da área da Coruña 500.000. A provincia de Pontevedra 1 millón e a Coruña 1,1 millóns. Os servizos de rexionais ou media distancia entre Vigo e a Coruña teñen unha frecuencia media de 15 circulacións/día por sentido. Non existen servizos de proximidade.
Neste marco a pregunta que nos podemos facer é: se a poboación de Pontevedra ou da Coruña é unha terceira parte da poboación de Barcelona, porque os servizos de transportes non o son? Os rexionais non chegan nin á metade e os de proximidade en Galicia nin existen. Noutras áreas de Galicia tamén deberan existir, considerando os aspectos sociais ou obrigas de servizo público, OSP.
Infraestruturas de alta velocidade
Podemos comparar o traxecto Sevilla-Huelva co traxecto Ourense-Vigo.
Existe a infraestrutura da AVE a Sevilla e a Málaga e está previsto a súa prolongación ao traxecto de Sevilla a Huelva. A distancia entre Sevilla e Huelva, ferroviariamente é de 108 quilómetros, a poboación é de 827.000 habitantes (684.00 + 143.000). O tempo de desprazamento actual é de 1,5 horas e prevese a súa redución a 25 minutos. Aprobouse o estudo informativo e está en fase de construción a plataforma de alta velocidade.
Entre Ourense e Pontevedra–Vigo a distancia é de 100 quilómetros, a poboación é de 600.000 habitantes. O tempo de desprazamento tamén é de 1,5 horas. Non existe ningún tipo de previsión; desde hai máis de 25 anos está en estudo o traxecto en alta velocidade para esta área xeográfica.
En mercadorías é máis do mesmo. Galicia está nun extremo, a falta e o non desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias prexudica seriamente a economía galega.
Unha proposta desde Galicia
Nese contexto vexo necesario para Galicia un servizo de transporte eficaz de proximidade, con auténticos trens de proximidade e complementado cun servizo completo en alta velocidade. A existencia destes servizos públicos contribúe para un desenvolvemento económico e, naturalmente, social.
Onde primeiro se nota o progreso dunha sociedade é na súa correspondencia co desenvolvemento dos servizos públicos, xa que son o argumento e a forma eficaz para o desenvolvemento dunha sociedade. Isto debería ser unha opinión unánime en Galicia, debería ser a única forma posible e deixar a un lado desenvolver opinións discrepantes que xeran distorsións e falta de eficacia.
Miguel Pavón é enxeñeiro industrial





