As desigualdades triunfantes

Estes días foi aireado un gráfico como proba de que en Galicia se pode ser un “profesional” (o xornal fala de grandes executivos) moi ben retribuído. E que polo tanto xa estaría ben de andar chorando polas esquinas destes finisterres, pois Galicia semella ser nese gráfico toda unha “subcampiona” despois de Madrid. Impresionante!

Pero se nos detemos en precisar o detalle “triunfal” de Galicia respecto da media española vemos que ten que ver coas rendas máis altas (por riba dos 600.000 euros ao ano).

Daquela, se facemos cálculos sobre a relación que hai entre a renda media dos de maiores ingresos e a renda media global do país vemos que:

en España: 615.934 / 23.697 = 26 veces

en Galicia 636.384 / 21268 = 30 veces

En consecuencia, ou é que presumimos dunha maior desigualdade galega (debida aos nosos milmillonarios) ou é que imaxinamos estar axiña nesa minoría moi privilexiada (vía ONCE ou semellante). Ou as dúas cousas. Mírese como se mire, mal asunto.

Porque convén ter claro que segundo os datos directos da AEAT citados por Cinco Días, mentres no conxunto de España o número de declarantes (un asunto crucial do que non se fala) por riba dos 150.000 euros son un 0,7 % do total (160.000 privilexiados de entre case 23 millóns de declarantes en 2022), en Galicia apenas son un 0,4 % do total (apenas 5.800 privilexiados de entre 1,4 millóns de declarantes).

Co que non só temos unha maior desigualdade social en Galicia, senón que beneficia a unha parte moito menor e residual da poboación. Para tirar foguetes!

Sobra dicir que para a inmensa maioría da poboación galega que non chega aos citados 150.000 euros de ingresos ao ano o asunto crucial -a noticia que habería que por en destaque- é que (21.268 / 23.697) vivimos cun dez por cento menos dos ingresos medios do conxunto de España.

Cando non, un asunto triste do que me teño ocupado neste dixital, temos que emigrar.