Antoni Castells, exconseller de Economía: “Precisamos un novo pacto de autogoberno co apoio da sociedade catalá.”

Antoni Castells (Barcelona, 1950) coñece ben a política catalá desde dentro. Catedrático de Facenda Pública na Universidade de Barcelona, é unha voz autorizada para falar do Santo Graal do catalanismo: un financiamento satisfactorio para Cataluña como alicerce do autogoberno. Conseller de Economía e Finanzas da Generalitat durante sete anos con Pasqual Maragall e José Montilla, posteriormente afastouse do PSC, pero non perdeu o interese pola actualidade catalá nin por unha reformulación do catalanismo político para unha nova maioría. Co arranque dun curso político marcado polo primeiro presidente non independentista na Generalitat en década e media, e pola polémica reforma do financiamento de Cataluña, conversamos con el para botar sobre a situación catalá unha mirada de amplo enfoque.

 

Cal é a súa impresión sobre a situación política en Cataluña?

Por unha banda, agora temos un goberno do Partido Socialista que recibiu o apoio suficiente para a investidura, grazas ao voto de Esquerra e os Comuns. É un apoio de 68 escanos, xusto a maioría absoluta e nin un máis. Pero trátase dun pacto de investidura, non de lexislatura, o que se pode traducir nunha certa intestabilidade parlamentaria. Terá que ir renovando acordos frecuentemente. Por outra banda, temos que falar da situación do procès independentista, que se atopa estancado. A idea dunha independencia para mañá mesmo, como hai seis ou sete anos, está descartada. Con todo, hai que sinalar que o problema de fondo, que son as regras do xogo do autogoberno e da relación entre Cataluña e España, segue sen solución. De acordo: os independentistas fracasaron en obter a independencia pola vía rápida. Pero tampouco triunfou a outra opción. Non se resolveu a situación para o futuro. Segue pendente.

A polarización política rebaixouse notablemente. A isto contribuíron a excarceración de presos, os indultos e a lei de Amnistía. Produciuse unha distensión, que era o primeiro que facía falta, como primeiro paso para o diálogo e a negociación. Distensión, rectificación e negociación.

Véndoo desde fóra, parece que vivimos unha “restauración da normalidade”. Viuse en dúas fotos recentes do presidente Illa: por unha banda, sendo recibido polo rei Felipe VI, tratándose da primeira vez en moitos anos que se fai unha foto así entre un presidente da Generalitat e o monarca español. Por outra banda, está a foto con Jordi Pujol, que acaba de ser recibido polo novo presidente… É unha reconciliación?

É un signo de seriedade institucional reunirse cos expresidentes. Respecto da relación co rei teño a miña propia opinión. Creo que Felipe VI aínda debe unha explicación, de feito ou de palabra, aos cidadáns de Catalunya polo seu discurso do 3 de outubro de 2017, que se inscribe na peor tradición represiva do Estado español ao abordar o conflito con Catalunya.

Pero á impresión é a dunha ferida que se pecha.

O clima social e a polarización política rebaixáronse notablemente. A isto contribuíron a excarceración de presos, os indultos e a lei de Amnistía. Produciuse unha distensión, que era o primeiro que facía falta, como primeiro paso para o diálogo e a negociación. Distensión, rectificación e negociación. A rectificación, en dobre sentido: por parte das forzas independentistas de considerar que isto non se pode resolver pola vía unilateral -esta rectificación produciuse polo menos dentro de ERC- e pola outra parte, quero crer que se comprendeu que a vía represiva non resolve nada. E sobre o último aspecto, a negociación, parece que esta se produciu, polo menos por parte de ERC e o PSC. Hai que ver até que punto resulta fértil o diálogo entre as institucións de Cataluña e do Estado.

As regras do xogo cambiaron tras a sentenza do Tribunal Constitucional. Estas regras do xogo, que regulaban o autogoberno de Cataluña en España, quedaron en suspenso. Son unhas regras impostas, non pactadas. O Tribunal Constitucional fixo de todo menos de Tribunal Constitucional.

Está por ver o resultado…

Temos que ser conscientes de que as regras do xogo cambiaron tras a sentenza do Tribunal Constitucional. Estas regras do xogo, que regulaban o autogoberno de Cataluña en España, quedaron en suspenso. Por que? Porque son unhas regras impostas, non pactadas. O Tribunal Constitucional, ao meu entender, fixo de todo menos de Tribunal Constitucional. A Constitución quere que o Estatuto se pacte, non se impoña. No momento en que o Estatuto votado pola cidadanía de Cataluña foi modificado polo Tribunal Constitucional converteuse nunha norma imposta. Debemos establecer un novo pacto de autogoberno co acordo das dúas partes. O preocupante, o rechamante, é que durante catorce anos non se presentou ningunha opción entre os extremos da independencia ou de seguir como até agora, Os partidos independentistas propuxeron a independencia co apoio de máis ou menos a metade do electorado. Os partidos que representan o nacionalismo español pediron de todo, co PP e Vox defendendo practicamente volver ao franquismo. O Partido Socialista de Cataluña, que debería propor algo sensato, non propuxo nada. É necesaria unha proposta de autogoberno de Cataluña dentro de España que obteña o respaldo dunha maioría clara e ampla da sociedade catalá. Pero o PSC non o pode facer só.

Que papel lle deixa iso a ERC? Ao meu entender, o PSD debería manter o bloque de investidura para gobernar e amplialo para formular esta proposta de autogoberno. Vexo difícil que Junts, cos formulamentos en que se situou, se aveña a un pacto destas características. Pero se se fan as cousas ben, o antigo electorado de Convergència podería apoiar unha proposta deste tipo.

Vostede sinalou algunha vez que España dificilmente será un Estafo federal…

Véxoo moi complicado. Creo que as nacións dentro de España, que é un Estado plurinacional, poderían alcanzar as súas aspiracións a través do establecemento dunha relación con España semellante á que teñen os estados nos países federais. Isto é, se o autogoberno de Cataluña se correspondese coa media, se é que puidésemos calculala, do autogoberno que teñen os estados nos Estados Unidos, as provincias, como Quebec, en Canadá, os cantóns en Suíza, os Länder en Alemaña e Escocia no Reino Unido, sería satisfactorio. Creo que unha ampla maioría de cataláns estaría de acordo. Se preguntásemos o mesmo no País Vasco, seguramente sairía o mesmo. E en Galicia, probablemente tamén. Pero converter España nun Estado federal é moi complicado. En primeiro lugar, porque o problema non é tanto a cuestión da distribución do poder político entre o goberno central e o goberno autonómico, senón a cuestión do recoñecemento nacional. En segundo lugar, porque, como demostran as enquisas, os resultados electorais e a realidade cotiá, os españois non queren en estado federal, senón que están encantados cun bo estado unitario, capital Madrid. E, en terceiro lugar, precisamente, está o factor Madrid. Non hai ningún país federal cunha capital como Madrid. Ningún! Se Ottawa fose Toronto, Canadá non sería un país federal. Como non o serían os Estados Unidos se Washington fose Nova York, nin Australia se Canberra fose Sidney. Por que? Porque ante a rivalidade lóxica entre territorios que existe nun país federal, o Goberno estaría a favor dun destes estados de antemán. rompe por completo o equilibrio e a competencia entre territorios. En España, nesta competencia, o árbitro está a favor dun territorio. Como vas crear así un país federal?

A existencia dunha Comunidade de Madrid é un obstáculo para a federalización de España?

Totalmente. Xa o dixo Tarradellas: “para que queren a autonomía se son eles os que mandan?”. E isto vémolo cada día, o rumbo a favor de Madrid do Goberno central. É un partido onde o árbitro o nomea Florentino Pérez. Cando estabamos na Transición, vivimos un momento de gran emotividade e entrega política. Naquel momento queriamos dúas cousas: a democracia en España e o recoñecemento do autogoberno e a identidade das nacionalidades históricas. O que ocorreu é que, coa excepción do País Vasco, optouse polo café para todos. O resultado é que o concepto “nacionalidades” da Constitución quedou baleiro de todo contido político, a pesar de que o sistema de partidos e os resultados electorais nos mostran de maneira bastante clara a realidade nacional de Cataluña. En boa parte, o mesmo ocorre en Galicia.

Alén dunha solución federal ou non, dá a impresión de que o mero feito de falar de Cataluña crea suspicacias en España. Ámbitos de autogoberno que non se discuten para outras autonomías crean desconfianza cando os reclama Cataluña. Hai unha especie de “pecado orixinal” co autogoberno catalán?

O consenso catalanista que abarcaba un 80% da poboación rompeu coa sentenza do Estatut. O bloque central do catalanismo desprazouse cara ao independentismo. Isto non ocorrera en 150 anos. Cimentáronse tres bloques: o independentista, o claramente españolista e o PSC, nadando entre dúas augas.

Totalmente. Eu estaba no goberno cando se redactou o Estatuto de 2006. Vivín en primeira persoa aquela campaña do PP en contra do Estatut en toda España. Para min foi unha triste sorpresa que, pasados case trinta anos desde 1978, comprobar até que punto era fácil acender fogueiras de odio contra Cataluña. Eu cría que a choiva fina deste período abrandara o terreo. Estaba equivocado, de súpeto, entre 2005 e 2006 deime conta de que o terreo estaba seco. Que substrato existe aínda! Hai algo atávico, que se explota cunha tremenda indecencia política. Cando ves a Ayuso sinalando que a independencia é o obxectivo dunha burguesía que se aproveitou de todos os españois. Pero se a burguesía catalá marchou de Cataluña o 1 de outubro! Como vai estar detrás do procès? Así son as cousas. Tamén está claro que a forma na que o independentismo expuxo a cuestión non era para facerse querer. Dixéronse cousas completamente esaxeradas e o menos que se pode dicir é que se actuou de forma absolutamente irresponsable. O encontro fíxose máis difícil. Se desde Cataluña se di que España nos rouba e desde España que Cataluña rouba a España, onde está o punto de encontro?

A revisión do sistema de financiamento de Cataluña espertou as pantasmas dos privilexios. Será sustentable fronte a outras comunidades?

Este acordo propón case literalmente o mesmo que o Estatuto de 2005. Eu tiven unha certa participación naquel momento como conseller de Economía e Finanzas. É obvio que estou moi de acordo. O que se propón é relativamente aceptable. Non busca nin un concerto como o das comunidades forais nin unha confederación. Ten tres elementos chave. Primeiro, que a Axencia Tributaria de Cataluña sexa a administración tributaria. Segundo, que unha porcentaxe a determinar dos impostos corresponda ao Estado para atender os seus gastos. En terceiro lugar, que outra parte se destine ao financiamento da solidariedade con outras comunidades. O primeiro punto está moi claro e os outros dous están por definir aínda. Isto significa que o resultado podería ir dun extremo a outro. Agora mesmo o Estado xa ten unha participación nos impostos das comunidades: IVE, IRPF… O grao de nivelación da contribución á solidariedade pode ir do 0% ao actual 100%. Unha vez máis, acendéronse alarmas por todas partes para soltar barbaridades, mesmo, e isto é penoso, por parte de supostos especialistas na materia. Como se pode falar dun sistema confederal cando todo o poder tributario das comunidades autónomas emana de leis estatais. Agora haberá unha negociación complicada e difícil que definirá como se concreta. É complicado para a Generalitat obter unha proposta satisfactoria, e tamén para o Goberno central obter unha maioría no parlamento e facela aplicable. É difícil obter resultados sen consensos entre grandes partidos. En definitiva, o pacto pode dar lugar a un modelo bastante aceptable. Sobre se é factible politicamente, xa o veremos.

Acábase de celebrar a Diada cunha mobilización moi baixa. Parece que o independentismo está de canga baixa. Cal pode ser a evolución dese espazo? Ou espazos?

Está por ver. Houbo un gran cambio de fondo. Durante aproximadamente 150 anos, entre finais do XIX e a sentenza do Estatut en 2010, existiu un amplo consenso catalanista. Era transversal a esquerda e dereita. Existía unha axenda básica do catalanismo: autogoberno, recoñecemento nacional e influencia no Estado español, se é posible desde o posto de mando -o que nunca se conseguiu-. Este consenso, que abarcaba a un 80% da poboación, rompeu coa sentenza do Estatut. O bloque central do catalanismo desprazouse cara ao independentismo. Isto non ocorrera en 150 anos. Cimentáronse tres bloques: o independentista, o claramente españolista e o PSC, nadando entre dúas augas. Un PSC que non renuncia ao catalanismo, pero que á vez vai á manifestación do 8 de outubro de 2017 á beira do PP e Vox, e que, coa digna excepción de Montilla, apoiou o 155. De maneira que agora imos ver como se recompón, se é que o fai, non só o independentismo, senón o catalanismo. Gustaríame que se recompuxese ao redor da proposta que xa mencionei, dun autogoberno forte dentro de España. Unha proposta que superase o Estatuto fracasado, sen ser independentista. Pero non estou seguro de que isto vaia a suceder, nin podo saber que vai pasar, despois dos movementos tectónicos aos que asistimos. Veremos se se pode reconstruír un amplo consenso catalanista. En canto ao independentismo, para saber que vai suceder dentro deste bloque hai que ser un auténtico especialista. Existe unha pugna entre ERC e Junts, pero tamén unha interna en ERC entre Oriol Junqueras e Marta Rovira. Xa veremos. Faría falta un liderado forte que faga posible esta proposta de reconstrución do catalanismo. Pero non teño claro que exista.

Desde o 2012 non gobernou a primeira forza en Cataluña. O seu sistema de partidos está notablemente fragmentado. Illa vai atopar algo pouco común: el representa lexitimamente a Cataluña como presidente, pero a relación co Estado tamén se define polo comportamento de Junts e ERC no Congreso, que é de supor que tenten erixirse como representantes ou valedores de Cataluña…

Por suposto. Ninguén gobernou con maioría absoluta desde Pujol. Mas gobernou co apoio do PP inicialmente, non o esquezamos. En 2012 hai a primeira Diada masiva, e Mas disolve o Parlament confiando en alcanzar unha sólida maioría. Sucedeu o contrario. Entón, de 2012 a 2015 goberna en solitario co apoio externo de ERC. Despois chegou a lista de Junts pel Si. Quen representa a Cataluña? Eu estiven no Goberno catalán e sei o duro que é que a voz de Cataluña en Madrid sexan o portavoz de Junts, ERC, a CUP ou dos Comuns, porque ti non tes un grupo parlamentario propio. Quen é a voz do PSC no Congreso? Patxi López? Ter un grupo parlamentario é crucial, e gobernar sen contar cun grupo político en Madrid é moi duro.