Altri: o ‘sentidiño’ pisa o acelerador

O 14 de marzo, a Xunta de Galicia fixo pública a Declaración de Impacto Ambiental favorábel á instalación da fábrica de Altri en Palas de Rei. A comparecencia, malia o carácter declaradamente estratéxico do proxecto, non lle correspondeu ao presidente, Alfonso Rueda, senón ás conselleiras das áreas relacionadas, Medio Ambiente e Economía, isto é, Ángeles Vázquez e María José Lorenzana respectivamente. Un aval tan pouco sorprendente como moi cuestionado que achaia o camiño para a materialización dun proxecto que está, porén, moi lonxe aínda da meta. Na carreira de obstáculos que o grupo portugués atopará antes de cortar a fita e inaugurar a fábrica, acaba de superar un moi cativo.  

Manifestación contra Altri en Pobra do Caramiñal (foto: Xavier Carvajal)

Durante a súa comparecencia, ambas as dúas conselleiras optaron pola excusatio non petita, dedicando unha boa parte do tempo a filosofar sobre o concepto de DIA no canto de sobre o proxecto que esta avala. Así, Vázquez recordou que a Xunta emite máis dun cento de declaracións de impacto ambiental desfavorábeis cada ano, arredor dun terzo do total. Pola súa banda, Lorenzana enredouse nunha explicación sobre a natureza correctora ou compensatoria das DIA ante un impacto ambiental evidente, xa que “calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio”. “Estamos ante un trámite”, indicou Ángeles Vázquez, “do máis esixente”. Un case escoita os ecos daquela frase do capitán Renault en Casablanca, transmutados para se adaptar á situación: “Que escándalo! Descubrín que a industria contamina!”. A conselleira Lorenzana aínda aproveitou o día para, nun encontro co empresario pontevedrés, criticar a existencia dunha “xenofobia empresarial” que rexeita “por principio e por capricho” calquera proxecto industrial e enerxético. Novamente, a coalición do sentidiño que goberna Galicia case ininterrompidamente dende que o monarca Hermerico outeou Braga, marcou as liñas do debate e, sobre todo, expuxo a quen carece dese particular seny galego.  

A planta de Altri en Palas de Rei continúa o seu camiño cara a unha materialización que segue sen resultar nítida.

Unha queixa, a da electricidade, moi oportuna para abrir camiño a resolver unha das grandes eivas de Altri: o acceso á rede eléctrica. O proxecto GAMA precisa dunha subestación para dotalo de interconexión eléctrica. Un recado que a Xunta manda ao Goberno central e que será unha carta máis da endiañada partida de póker a, polo menos, tres bandas á que asistiremos nos próximos meses.  

Así pois, a planta de Altri en Palas de Rei continúa o seu camiño cara a unha materialización que segue sen resultar nítida. Esta DIA é só un paso na tortuosa historia dun proxecto cuxa narrativa naceu para describilo como unha experiencia de innovación e economía verde que ía colocar Galicia no mapa europeo e agora semella outro episodio de industria de enclave. Aínda falta unha autorización definitiva sautonómica e, sobre todo, o visto bo do Goberno central para garantir que poida acceder aos tan demandados fondos europeos. Con este escenario no horizonte, os principais actores políticos, sociais e institucionais dispoñen forzas e discursos para facer valer a súa posición. 

Manifestación contra Altri en Pobra do Caramiñal (foto: Xavier Carvajal)

Por unha banda, o Goberno galego -e por extensión o Partido Popular- é o gran valedor da instalación da fábrica de Altri, que tamén conseguiu o apoio da Confederación de Empresarios de Galicia. A ampla maioría do ecoloxismo galego e os principais partidos políticos da oposición fan campaña en contra. No caso de nacionalistas e socialistas, tras ter apoiado inicialmente o proxecto no Parlamento cando a súa configuración era outra: unha fábrica de fibras téxtiles pioneira en España que procuraba pechar na propia Galicia o ciclo da produción de madeira, a situar preferentemente na Mariña de Lugo como unha sorte de compensación pola crítica e crónica situación de Alcoa, que viña de acordar deter durante dous anos a produción de aluminio.  

A ampla maioría do ecoloxismo galego e os principais partidos políticos da oposición fan campaña en contra.

O BNG foi o primeiro en trocar a súa posición cando saíu a exposición pública no DOG, poucos días logo das eleccións autonómicas, o proxecto na súa configuración actual, unha macrocelulosa no canto dunha fábrica de fibras téxtiles sostíbeis. Os socialistas galegos non abandonaron unha certa ambigüidade até datas máis recentes, se ben nos días que se seguiron á DIA as voces críticas viron medrar a súa exposición, caso do eurodeputado Nicolás González Casares. Este recordoulle á Xunta que non ten garantidos os fondos europeos mentres o proxecto non pase unha avaliación DNSH (Do Not Significant Harm), isto é, se garanta que non cause un prexuízo significativo ao medio ambiente. É exactamente o mesmo argumento polo que a Sociedade Galega de Historia Natural se ten dirixido ao ministerio de Transición Ecolóxica pedindo que informe desfavorabelmente a concesión de Fondos Next Generation para o proxecto de Altri.  

Porén, a situación dos socialistas é difícil. En certo modo, coa celulosa de Palas, o partido atópase entre dúas tensións contrarias, exercidas polo PP e o BNG con cadansúa posición rotunda, SI e NON, pero tamén ante un problema en orixe: a súa autonomía sobre este tema queda moi diluída pola súa dependencia orgánica do PSOE e por extensión do que decida o Goberno central. E o executivo Sánchez móvese en terra de ningures cando se fala de Altri. Nin sequera ante preguntas directas, como as do deputado nacionalista Néstor Rego no Congreso, dá respostas claras. O ministro de Industria restou importancia á polémica en sede parlamentar ao sinalar que analizarán “coma calquera outro” o proxecto de Altri, reservando o debate para os técnicos do mesmo modo que fixo a Xunta. Na liña do que sinalou o eurodeputado González Casares, Jordi Hereu afirmou que a DIA non implica a concesión directa das axudas do PERTE de descarbonización, un proceso aberto de concorrencia competitiva. O ministro fíxose eco das diferenzas entre o proxecto tal como se anuncia agora e o que se prometeu hai cinco anos, e tamén se referiu ao valor paisaxístico e ambiental da zona, a un paso da Rede Natura da Serra do Careón e do Camiño de Santiago -non deixa de ser irónica a contradición entre dúas das grandes teimas do Goberno galego nos últimos lustros, o Xacobeo e Altri-. Pero o ministro non quixo mollarse máis ou, como diría calquera pluma ilustrada na villa y corte, optou por hacerse el gallego 

O certo é que o Goberno español pode non estar demasiado interesado nun enfrontamento directo coa Xunta de Galicia. En primeiro lugar, porque no ámbito estatal a polémica de Altri non pasa dunha anécdota. En segundo lugar, porque logo da experiencia coa Lei do Litoral de Galicia, unha liorta que chegou até ao Tribunal Constitucional ao recorrer o executivo Sánchez a norma e que rematou cunha derrota xudicial deste, é de supor que o presidente español e o seu equipo teñan tomada a medida do goberno Rueda e saiban que ninguén xoga a carta do aldraxismo tan ben coma o PPdeG. Permitirlle a Alfonso Rueda envolverse, novamente, na bandeira azul e branca como unha musa de Ramón Cabanillas non sería máis ca outra forma de reforzar e cronificar este ciclo sen fin de maiorías populares e gobernos conservadores. É moi difícil tombar o PP en Galicia, pero non é tan complicado identificar os vellos e reiterados erros dos progresistas que cimentaron esa hexemonía. 

Tampouco é doada a situación do BNG, aínda que o pareza. Un partido que desfruta dunha representación institucional sen precedentes e que acumula xa cinco anos como líder da oposición non pode vivir toda a vida instalado na negación. Para moitas galegas e galegos o BNG é “os do non”, unha imaxe con moito de caricatura pero tamén, como todas as lendas, cun pouso de realidade. Se os nacionalistas acadaron un terzo do Parlamento nas eleccións de 2024 é, entre outros motivos, porque falaban nitidamente do país que queren e non das cousas que desprezan. Esta loita supón, por unha banda, pisar terreo coñecido -a defensa ambiental de Galicia é un dos grandes catalizadores do  movemento social no país- e, pola outra, e precisamente por iso, rexeitar a exploración doutras vías, doutros discursos e doutros xeitos de actuar politicamente nas coordenadas do nacionalismo. Nos últimos meses, é difícil saber quen goberna en Galicia. Collan un xornal e busquen as declaracións do presidente ou dos conselleiros sobre calquera tema. Revisen o timeline en redes sociais do PPdeG. Verán a práctica dunha arte tan antiga como eficiente: a oposición da oposición. O BNG vive unha lexislatura fundamental. Ten o mesmo apoio con que Touriño conquistou a Xunta en 2005, cun socio máis feble. Dos próximos tres anos depende non tanto 2028 -que tamén- como a configuración política de Galicia para os próximos lustros. Se o BNG quere ser un partido de goberno terá que seguir falando da Galicia que quere e de como quere construíla, tamén dende o punto de vista económico e ambiental.  

De momento, o Bloque lanzou un órdago no Congreso. Por boca de Rego, fixo saber que condiciona o apoio no futuro ao Goberno central -o Bloque formou parte da xa rompida maioría da investidura- á non concesión de fondos públicos para Altri. Unha “liña vermella”, indicou o deputado do BNG. En todo caso, unha oportunidade de ouro para os apoloxetas do Estado pequeno de demostrar a solvencia do proxecto. Ou seica non era mellor que o mercado se autorregulase?