Parece que hai unha certa coincidencia xeral en que a Intelixencia Artificial será a grande revolución tecnolóxica do século XXI. Unha revolución que afectará a practicamente tódolos ámbitos da nosa vida, dende o laboral ao ocio, pasando pola saúde, o ensino e a formación, o medio ambiente e o transporte. En definitiva será, segundo os seus maiores propagandistas, algo sen precedentes na historia da humanidade.
Sen negar o enorme potencial da IA, consonte un afonda no coñecemento da mesma e a súa actual marcha, por caso, nos investimentos, no consumo de enerxía e materiais e nos resultados das grandes empresas éntranlle serias dúbidas, incluso temores, sobre os auténticos beneficios da IA se atendemos a tal e como se está desenvolvendo.
En primeiro lugar sobre a propia viabilidade financeira das compañías de IA. Así e tomando como referencia unha das máis relevantes, Open IA, apúntase a que os investimentos iniciais se cifran en centos de miles de millóns de dólares, incluso chegan a situarse en billóns de dólares. Algo sen precedentes pero de tremendo risco se temos en conta que nas etapas iniciais -cantos anos?- estas empresas non obterán beneficios. Se as necesidades financeiras son tan elevadas parece normal que xurdan dúbidas como, por caso, quen está en condicións de cubrilas? Parece que entre os principais investidores está a “shadow bank” -entidades financeiras que realizan operacións, maiormente especulativas, que escapan ao control das entidades reguladoras-. Se isto é certo parece oportuno sinalar que aquelas estiveron entre as que alimentaron a burbulla financeira que terminaría explotando no 2019 coas consecuencias xa sabidas. Razóns suficientes para temer que poidamos estar diante dunha nova burbulla que, como todas, rematará estourando pero agora con impactos destrutivos aínda superiores e de maior amplitude.
Se as necesidades financeiras son tan elevadas parece normal que xurdan dúbidas como, por caso, quen está en condicións de cubrilas?
Non menos interrogantes levantan os consumos. En concreto o consumo de enerxía que resulta formidable -avalíase en xigavatios, miles de millóns de vatios-. O HSBC, por caso, estima que a demanda de enerxía eléctrica por parte de Open IA de aquí ao ano 2030 será xe 36 xigavatios: unha auténtica barbaridade se consideramos que se trata dunha soa compañía. Un consumo que nos leva a preguntar sobre o impacto ambiental. Alguén o sabe?
Non menor dimensión ten o consumo de chips. Na fabricación dos microchips informáticos deseñados para xestionar as tarefas da IA utilízase silicio, grafito, cobre, terras raras, litio, cobalto, níquel, etc. Un montón de minerais críticos e de metais de terras raras que, como é ben sabido, non abundan, pero que estes chips consomen en cantidades exorbitantes. Como se van cubrir estas necesidades? Como se pensa atender unha demanda que se subliña medrará exponencialmente? Un informe da AIE (Axencia Internacional de Enerxía) apunta a que a demanda de minerais críticos podería medrar entre un 300% e un 500% para 2040.
Finalmente, non é menor a dubida de que pode pasar coas novas ferramentas da IA como, por caso, o modelo de IA desenvolt por Antropic, denominado Mythos Preview, se “cae en mans desaxeitadas”.
Finalmente, non é menor a dubida de que pode pasar coas novas ferramentas da IA como, por caso, o modelo de IA desenvolt por Antropic, denominado Mythos Preview, se “cae en mans desaxeitadas”. Estamos diante de un modelo que pola súa grande potencia desperta moita preocupación, moita mais cando a propia compañía propietaria chega a afirmar que “as capacidades deste sistema son tan avanzadas que, no caso de caer en mans de axentes maliciosos, poderían representar unha grave ameaza para a economía, a seguridade pública e a seguridade nacional”. Como se vai evitar que caia en “mans desaxeitadas”?
Velaí algunhas das dúbidas e interrogantes que nos levanta o actual desenvolvemento da IA, especialmente porque parece escapar a un control público que consideramos imprescindible. Dúbidas e interrogantes que nin son menores nin pouco relevantes.





