Recentemente publicou Tempos Dixital un documentado informe sobre a ampliación da balsa de lodos vermellos que precisa a planta de alúmina-aluminio de Alcoa na Mariña luguesa. Pola miña banda téñome ocupado desta factoría dende hai non poucos anos (pode que a miña achega máis recente fora tamén en Tempos Dixital en novembro do 2024).
Coa que está a caer cunha nova crise de prezos e subministracións de hidrocarburos e gas natural a escala mundial, e dando por disparatada calquera opción nuclear para xerar electricidade, o asunto penso que non vai de procurar en que condicións é viable a factoría (prezo da electricidade, balsa de lodos ou calquera outra condición) senón se é chegado o momento do seu peche definitivo (coa recolocación dos seus traballadores nunha empresa pública de enerxías renovables de Galiza).
Non porque coa materia prima (bauxita) teñamos un problema que non sexa que sempre houbo que importala, senón porque os custos de oportunidade da enerxía eléctrica desta factoría son estratosféricos para a sociedade galega. E entendo por custo de oportunidade o que poderíamos conseguir aforrando esa electricidade ou destinándoa a outros usos.
No informe do CES (2023) “O sector enerxético galego” anótase (páxina 190) que Alcoa consumía en 2022 uns 3,8 millóns de Mwh dos 15,4 millóns do total galego de electricidade consumida dentro do país (nada menos que a cuarta parte, o 25 % do total de Galicia). Co que os consumos anuais de electricidade de Alcoa equivalen ao consumo estimado de todos os fogares de Galiza.
Como nese ano a produción de electricidade de Galicia foi de 23 millóns de Gwh (INEGA) -dos que case 8 millóns eran de orixe en hidrocarburos e gas importado- restando o consumo interno dedúcese que tamén exportamos 8 millóns de Mwh de electricidade fora de Galicia (ver balance enerxético, INEGA 2022 páxina 25).
En resumo:
- Precisamos importar enerxías primarias fósiles para xerar o 35 % da electricidade.
- Exportamos directamente electricidade por un 40 % da nosa produción.
- Exportamos en forma de aluminio o 25 % do consumo interno de electricidade, o que tamén equivale ao 27 % da electricidade verde xerada en Galicia
Como queira que, por riba, precisamos importar gas para a calefacción dos fogares (que deberamos pasar a aquecer con electricidade verde), e tamén precisamos importar petróleo para combustibles de transporte (que deberamos pasar progresivamente a electrificar)… nesta situación non queda outra que tirar dúas conclusións de máxima urxencia[1], e máis á vista do escenario enerxético mundial destes comezos do ano 2026:
- Suprimir as exportacións directas e indirectas (en forma de aluminio) de electricidade de Galicia.
- Con estes aforros de electricidade reducir os combustibles fósiles (gas e petróleo) que agora importamos, ao pasar a dispor de electricidade verde para calefacción (que agora vai con gas) e tamén para transporte (agora cubertos con gasolinas e gasoil).
- Só así poderíamos xestionar sen graves impactos sociais un colapso dos mercados mundiais de hidrocarburos -como o actual e outros que virán- con resiliencia e autonomía. Que nos garantisen o subministro de electricidade limpa a prezos estables. A boa nova é que podemos facelo … se somos quen de remover os obstáculos que o impiden. Que non son pequenos. Noutras latitudes non poden nin mesmo imaxinar poder facelo.
A mala é que o Decreto 7/2026 do Goberno sobre a guerra contra do Irán -do que estes días tanto se fala como “escudo social”- nos seus artigos 7.1. e 32 (nada menos que por 220 millóns de euros) traballa na dirección contraria. Axudas que, mesmo así, son consideradas insuficientes pola patronal do sector (AEGE).
[1] Desbotada a opción nuclear, e unha ampliación temeraria dun parque eólico xa nestes momentos sobre dimensionado e precisado dunha reconversión do privado ao público. Como tamén sucede no parque hidroeléctrico.








