A caída das medidas de protección social en materia de vivenda non é un erro técnico nin un feito inevitable. É unha decisión política consciente, froito da actuación de forzas que decidiron bloquear, deixar caducar ou non apoiar instrumentos básicos de protección para miles de fogares vulnerables. O resultado é inmediato e devastador: decenas de miles de familias quedan outra vez expostas a desafiuzamentos, á pobreza enerxética e á exclusión social máis crúa.
Nun contexto de emerxencia habitacional estrutural; con alugueiros disparados, salarios que non chegan e un parque público de vivenda claramente insuficiente, deixar caer o escudo social é unha irresponsabilidade maiúscula. Non se pode alegar ignorancia nin confusión: sabíase perfectamente que a non renovación destas medidas implicaría a reactivación masiva de lanzamentos xudiciais e cortes de subministracións básicas.
Neste escenario, cómpre sinalar responsabilidades políticas claras. O PP, VOX e Junts optaron por antepoñer o seu cálculo parlamentario, as súas liñas vermellas e as súas guerras tácticas á protección efectiva de miles de persoas. Mesmo desde a oposición, permitir que se reactiven desafiuzamentos sen alternativa habitacional non é facer política: é asumir como dano colateral que haxa nenos, persoas maiores ou doentes quedando sen fogar.
Especialmente grave é o uso deliberado de relatos falsos para xustificar esta inacción. Falouse de “barra libre” ás ocupacións, cando a realidade é ben distinta: as medidas decaídas limitábanse a casos de vulnerabilidade acreditada, afectaban a grandes propietarios e excluían ocupacións recentes. Esta manipulación do debate non é inocente: serve para protexer os intereses de fondos de investimento e grandes tenedores, mentres se criminaliza a quen só intenta sobrevivir nun mercado absolutamente roto.
As consecuencias xa se están deixando sentir. Os xulgados retoman procedementos paralizados, os servizos sociais, xa saturados, non dan abasto, e a pobreza enerxética volve converterse nun problema cotián para milleiros de fogares. Todo isto era perfectamente previsible.
Por iso, non abonda con lamentos nin con discursos abstractos. Cómpre un compromiso firme e inmediato: ningún desafiuzamento sen alternativa habitacional, políticas reais contra a especulación inmobiliaria e unha aposta decidida pola creación de vivenda pública. A vivenda non pode ser moeda de cambio nin refén de xogos parlamentarios.
Cando as institucións fallan, a sociedade civil responde. A organización, a solidariedade e a mobilización volverán ser necesarias. Porque sen dereito á vivenda non hai dereitos, e sen dereitos non hai democracia real.





