O acordo de financiamento para Cataluña: Modelo confederal? Cota vasca?

Cando se trata de algo que afecta a Catalunya, non resulta doado atopar informacións e opinións obxectivas e razoadas. A maioría das veces domina un certo dogmatismo que crispa o ambiente político e provoca duros enfrontamentos. Nos últimos anos tivemos abondosas probas desta visceralidade, como sucedeu por caso co Estatuto de Mariven, o procès e a DUI, a aplicación do artigo 155, o xuízo aos políticos do procès, a amnistía….. e agora volve pasar co gallo de acordo entre o PSC e ERC sobre o financiamento singular de Cataluña, que facilitou a presidencia de Salvador Illa, candidato do primeiro dos partidos citados.

Non podo evitar pensar que non son poucos os que critican o acordo sen telo lido. Tamén entre os que o avalan. Fagamos un esforzo e revisémolo cunha visión democrática, progresista e moderna da organización territorial do Estado español.

O primeiro que se tería que aclarar é o de que son rotundamente falsas non poucas das afirmacións que sobre o acordo se teñen feito dende distintas tribunas políticas e periodísticas Unha a de que estamos diante dun acordo que abre a porta a un estado confederal: de ningunha das maneiras. Como ben sinala o profesor e un dos maiores expertos na materia Toni Castells (LA VANGUARDIA, 31.08.2024) “os puntos básicos do acordo ….prefiguran un modelo que resulta equiparable ao dos países federais que nos deberan servir de referencia (Estados Unidos, Canada, Suíza e Alamaña). Un modelo que coordina axeitadamente os dous elementos esenciais que ten que reunir unha facenda territorial: unha ampla responsabilidade en materia tributaria e un mecanismo de nivelación razoable”. Algo moi distinto ao modelo dun Estado confederal “que se caracteriza por dar todo o poder tributario aos territorios en detrimento da federación”(T.C.) . En cambio, o modelo acordado “inspírase no que é a esencia do modelo federal: o poder tributario é compartido polo goberno central e o autonómico” (T.C.). Aspecto este que están moi claro no Apartado B (“O modelo de financiamento singular da Generalitat de Catalunya) do “Acordo para un novo modelo de financiamento singular”.

Outra falsidade é a de que este acordo é equiparable á cota vasca, o que non se corresponde coa realidade porque “o sistema de concerto á vasca caracterízase por un conxunto de elementos e o mais característico é diferencial é a figuro da cota. Se non hai cota non hai concerto, e no modelo acordado en Catalunya non hai cota e, xa que logo, non hai concerto. En segundo lugar o acordo prevé unha contribución á solidariedade”  (T.C.) que non se contempla no modelo vasco.

Finalmente, subliñar que acordo deixa sen concretar, pendentes de negociacións futuras,  varios aspectos moi relevantes e decisivos (Apartado D. Implementación). Puntos que fan referencia á participación (%) do Estado nos distintos tributos e a contribución á solidariedade. Como se resolvan estes dos apartados marcaran o financiamento definitivo de Catalunya.

En Tempos Dixital seguiremos analizando distintos aspectos do acordo de financiamento para Catalunya asinado entre o PSC e ERC.