A administración de Donald Trump está á ofensiva para aumentar o seu acceso aos recursos naturais estratéxicos de diferentes países. Entre os seus obxectivos: Ucraína e a República Democrática do Congo. En canto a Ucraína, a principios de maio de 2025 asinouse un acordo entre Kiev e Washington. No que se refire á RDC, as negociacións seguen en curso. Este artigo repasa o estado da cuestión en resposta a unha interpelación realizada por un líder dunha organización campesiña africana.
Os recursos naturais de Ucraína, cobizados polos Estados Unidos, Rusia e a UE
David Otieno, da liga de Campesiños de Kenia, organización membro da rede CADTM e da Via Campesiña, fíxome a seguinte pregunta sobre a débeda de Ucraína: “No teu artigo de principios de xaneiro de 2025 titulado “A débeda de Ucraína: un instrumento de presión e espolio nas mans dos acredores”, demostras que a Unión Europea (UE) quere utilizar a débeda que presta a Ucraína para logo reclamarlle acceso aos seus recursos naturais, as súas terras cultivables, as súas terras raras e outros recursos do subsolo ucraíno. Agora Trump quere el mesmo ter acceso a estes recursos naturais. É a mesma estratexia que Europa?”.
A miña resposta é a seguinte.
No artigo de xaneiro de 2025, expliquei que a débeda máis grande de Ucraína é coa UE, e é de pouco máis de 50 mil millóns [1]. A UE, que se presenta como xenerosa, presta moito a Ucraína, en lugar de facerlle doazóns. Fai doazóns en forma de armas, pero todo o resto da asistencia financeira é en forma de créditos que Ucraína terá que empezar a pagar algún día, e a cantidade é moi importante. Segundo a miña análise, a UE quere utilizar os créditos que ten con Ucraína para obrigar a Ucraína a darlle acceso aos seus recursos naturais. As potencias dominantes na UE son Alemaña e Francia. Podemos engadir Italia, os Países Baixos, Bélxica e outros países. Obviamente, estes países e as súas empresas queren beneficiarse da súa relación con Ucraína, que ten unha grande cantidade de terras de cultivo de boa calidade.
A UE, que se presenta como xenerosa, presta moito a Ucraína, en lugar de facerlle doazóns. Fai doazóns en forma de armas, pero todo o resto da asistencia financeira é en forma de créditos que Ucraína terá que empezar a pagar algún día, e a cantidade é moi importante.
En efecto, Ucraína e Rusia atópanse entre os principais produtores e exportadores de trigo do mundo [2]. Ucraína e Rusia exportan masivamente a Senegal, Exipto, Tunes, Alxeria, Marrocos e outros países da África subsahariana.
Exportan cereais, porque os países da África subsahariana, que eran autosuficientes en materia de cereais, víronse obrigados a abandonar os cultivos alimentarios e fomentar os cultivos de exportación. Por exemplo, nos anos 1940-1950, Senegal foi empurrado cara ao maní, Ghana e Costa do Marfil cara ao cacao. Isto foi en detrimento do cultivo alimentario, en particular dos cereais locais. Por tanto, os países da África subsahariana e do norte de África volvéronse cada vez máis dependentes, para alimentar á súa poboación, da importación que fan de cereais ucraínos e rusos.
No Leste de Ucraína, hai importantes zonas mineiras. Rusia, de feito, anexou gran parte desta rexión de Ucraína, o que se chama Donbass. A UE, pola súa banda, quere facerse coa parte central e occidental de Ucraína, tanto polas terras cultivables como polas terras raras, esenciais para a reconversión da súa industria automobilística cara aos vehículos eléctricos e, en xeral, para o chamado capitalismo verde. Ás empresas agroindustriais privadas da UE gustaríalles facerse con grandes cantidades de terras moi fértiles. Para lograr os seus obxectivos, os líderes da UE decidiran utilizar a arma da débeda e a vontade de Ucraína de unirse á UE. En esencia, a UE di á poboación ucraína e ao goberno de Zelenski: «Se queren formar parte da UE, deben abrir completamente os seus mercados, permitir que as empresas estranxeiras europeas compren terras ucraínas, compren os seus minerais e obteñan concesións do subsolo». Isto é tamén o que fan os gobernos das grandes potencias e as empresas europeas, estadounidenses e chinesas con respecto aos gobernos africanos. Utilizan a axuda oficial e a débeda.
A ofensiva de Trump para ter a súa parte dos recursos naturais ucraínos
Cando escribín o artigo sobre Ucraína en xaneiro de 2025, Trump aínda non anunciara o que quería de Ucraína. O que escribía correspondía á política da administración Biden, que estivo na presidencia dos Estados Unidos durante o período posterior á invasión de Ucraína por parte de Rusia, unha invasión que comezou a finais de febreiro de 2022. Biden achegou axuda financeira e militar en forma de doazóns, a diferenza dos líderes europeos.
A cambio destas doazóns, Biden quería que Ucraína dependese estruturalmente de Estados Unidos fronte a Rusia no presente e no futuro. Tamén pensou en obter acceso aos recursos naturais e para logralo, pór na balanza o feito de que Estados Unidos fora moi xeneroso con Ucraína. Pero aínda non puxera en marcha unha estratexia agresiva para ter acceso a estes recursos naturais. Mentres que Trump, así que volveu ocupar a presidencia a partir de finais de xaneiro de 2025, afirmou aproximadamente o seguinte: “Ucraína débenos diñeiro, as axudas que Estados Unidos achegou é débeda e esixo que Ucraína pague a súa débeda en especie. En efecto, para pagar a súa débeda, Ucraína debe darnos acceso aos seus recursos naturais”. Expresábase brutalmente, como fixo ao dicir que quería recuperar o control da Canle de Panamá e que quería anexar Canadá e Groenlandia.
Unha observación importante é que Trump, desde o punto de vista do dereito internacional, non pode dicir en absoluto que as doazóns que a administración Biden fixo a Ucraína son débedas.
Unha observación importante é que Trump, desde o punto de vista do dereito internacional, non pode dicir en absoluto que as doazóns que a administración Biden fixo a Ucraína son débedas. Non se pode decidir, a posteriori, que unha doazón se converte nunha débeda. Legalmente non é posible. Pero, como sabes, a Trump impórtalle un pemento o dereito internacional. O que importa para este presidente, mesmo máis que para os que lle precederon, é o dereito do máis forte, a lei da selva. Así pois, afirma falsamente que as doazóns eran en realidade préstamos. Como resultado, segundo Trump, Ucraína contraeu unha débeda con Estados Unidos. Trump quere quitarlle esta baza a Europa. Decátase de que Europa, coa que considera competir, ía facerse cos recursos naturais que el cobizaba, en particular as “terras raras”.
O que Trump quere é comparable ao que queren os líderes da UE?
Trump quere facer o mesmo que os líderes europeos, pero ao seu xeito. Os europeos queren dar a impresión de que respectan o dereito internacional, xa que fixeran préstamos e Ucraína quería entrar na UE. Os europeos poñen condicións e entre estas condicións está a apertura do mercado ucraíno a todos os investimentos europeos. Calquera país membro da UE debe abrir completamente as súas fronteiras a todas as empresas do resto da Unión. Esta é a regra básica, regra que atacamos. Denunciamos esta política da UE.
Trump, de maneira máis brutal, sen respectar o dereito internacional, di: “Non, son eu, presidente dos Estados Unidos, quen ten dereito aos recursos naturais de Ucraína. Enviamos máis armas que a UE, demos máis cartos que a UE e ti, Zelenski, como presidente de Ucraína, necesítasnos absolutamente fronte a Putin. Nós, Estados Unidos, temos un bo diálogo con Putin”. Trump díxolle a Zelensky: “Tes que renunciar ao leste do teu país, Putin pode tomalo. Vexo que Putin tomou o Donbass (e Crimea). É un feito”.
Calquera país membro da UE debe abrir completamente as súas fronteiras a todas as empresas do resto da Unión. Esta é a regra básica, regra que atacamos. Denunciamos esta política da UE.
Trump considera que se Putin está de acordo con el en que Estados Unidos tome o resto dos recursos naturais de Ucraína, Washington pode presionar a Kíiv para que acepte a perda de parte do seu territorio. Para lograr este obxectivo, quería que Zelensky dese o seu consentimento e asinase un acordo bilateral con Estados Unidos que lles outorgase acceso e propiedade sobre os recursos naturais de Ucraína. Segundo Trump, era necesario que Zelensky recoñecese a anexión de Crimea, que se produciu en 2014, e a anexión de feito de Donbass, e que Putin aceptase que Estados Unidos tome o control dos recursos naturais que se atopan no Oeste e o centro de Ucraína. Con esta condición, podería haber un cesamento do fogo ou, no mellor dos casos, un acordo de paz. Nestas condicións, Trump dixo: “Eu garantirei o cesamento do fogo e evitarei que Putin che ataque, farei cumprir o acordo”.
As e os dirixentes europeos dixeron que estaban enfadados coa actitude de Estados Unidos, que xa non protexe directamente a Ucraína. Afirmaron que se organizarían entre eles e que “rearmarían” moi fortemente á UE, que xa gastaba moito en armamento. Os países de Europa occidental xa estaban moi militarizados, pero o gasto militar diminuíra un pouco a principios da década de 2000. Contrariamente á narrativa dominante, o aumento precedeu á invasión de Ucraína en febreiro de 2022. Desde 2022, o aumento foi moi forte e non fixo máis que empezar [3]. As e os líderes europeos só critican o feito de que Trump abandona a Ucraína e quéixanse das taxas que Trump quere impor a toda unha serie de produtos europeos. O que os europeos non din, porque lles dá vergoña dicilo, é que están enfadados porque Trump quere facerse cos recursos ucraínos porque pensaban que podían facelo eles mesmos. As grandes empresas alemás, francesas, italianas, belgas e holandesas pensaban que terían acceso aos recursos naturais da parte de Ucraína que aínda está baixo o control do goberno constitucional de Zelensky. Así que os europeos están enfadados pero non poden protestar porque oficialmente non poden dicir que querían os recursos naturais. Pensaron que os conseguirían gradualmente e sen facer ruído. Como é un obxectivo inconfesable desde o punto de vista da política oficial dos europeos, non protestan respecto diso.
O que os europeos non din, porque lles dá vergoña dicilo, é que están enfadados porque Trump quere facerse cos recursos ucraínos porque pensaban que podían facelo eles mesmos.
Finalmente, a principios de maio [4] asinouse un acordo entre o goberno de Ucraína e a administración Trump. Como escribe The Guardian, este acordo “exclúe en particular do seu ámbito de aplicación o diñeiro enviado previamente a Ucraína en concepto de axuda militar e humanitaria, que o Sr. Trump declarou en varias ocasións que quere recuperar. Tamén establece explicitamente que debe aplicarse de maneira que non obstaculice a integración de Ucraína na UE e que as empresas estadounidenses non terán o monopolio das transaccións en Ucraína, senón que simplemente obterán o dereito a participar en licitacións competitivas en condicións iguais ás demais”.
Segundo The Conversation que fai propaganda en favor do acordo: “Ucraína terá acceso á tecnoloxía e o investimento estadounidenses, e Estados Unidos finalmente obterá unha parte dos beneficios. O resto utilizarase para financiar a recuperación do país devastado pola guerra, se se asina un acordo de paz con Rusia. (…) A diferenza dos proxectos anteriores, o país segue sendo propietario dos seus recursos naturais. Todos os beneficios deben investirse en Ucraína durante os dez anos seguintes á entrada en vigor do acordo”.
Sobre o papel, o acordo parece moito menos desfavorable para Ucraína do que Trump quería. Como di The Guardian, neste acordo non se fai ningunha referencia a unha débeda que Ucraína debese aos Estados Unidos. Pero está claro que Trump e as grandes empresas privadas estadounidenses buscarán aproveitar ao máximo a dependencia de Kíiv da «axuda» estadounidense. Sen que isto forme parte do acordo asinado sobre recursos naturais, tamén parece que a partir de agora, as armas fornecidas por Washington terán que ser pagadas por Ucraína, mentres que na época de Biden doábanse. Esta disposición, se se aplica, sen dúbida perturbará os plans da UE e Gran Bretaña, cuxos líderes se preguntarán por que ofrecer armas a Ucraína se Washington fai que se paguen. E a vontade de Macron e outros líderes de ter tropas no territorio de Ucraína corresponde á vontade de estar alí para defender os intereses imperialistas das empresas europeas e os gobernos ao seu servizo fronte a Washington e Moscova. Os verdadeiros intereses dos ucraínos non se teñen realmente en conta.
Sen que isto forme parte do acordo asinado sobre recursos naturais, tamén parece que a partir de agora, as armas fornecidas por Washington terán que ser pagadas por Ucraína, mentres que na época de Biden doábanse.
A posición de Vitaliy Dudin, membro en Ucraína de Sotsialny Rukh (Movemento Social) é claramente crítica co acordo Kíiv – Washington, que finalmente foi ratificado polo parlamento ucraíno o 8 de maio de 2025 sen que houbese unha consulta real coa poboación. Vitaly Dudin escribe: “O acordo mineiro asinado entre Ucraína e Estados Unidos reflicte a vontade do capital estadounidense de acceder sen obstáculos aos recursos minerais ucraínos. (…) O imperialismo estadounidense explotou a posición vulnerable de Ucraína para impor unha serie de condicións de desvantaxe. (…) Os beneficiarios deste acordo son o capital estadounidense e, talvez, parte da oligarquía ucraína, pero non as e os traballadores ucraínos”. Engade: “Os termos finais do Acordo mantivéronse en segredo até o último momento, o que impediu calquera debate público sobre este tema. As negociacións e os preparativos leváronse a cabo en segredo, e a posición do goberno ucraíno permaneceu en segredo. A votación para ratificar o Acordo tamén se levou a cabo nun clima de opacidade e no menor tempo posible. O público ucraíno aínda non dispón de información completa sobre os anexos do acordo (denominado ‘Acordo de sociedade en comandita simple’)”.
Pero este responsable de Sotsialny Rukh non se rende e afirma que se necesita unha alternativa: “Con todo, sería un erro cualificar este acordo como unha catástrofe nacional irreversible. Ucraína aínda podería liberarse do xugo colonial e renunciar ao acordo no futuro, se se desfai do capitalismo oligárquico e reafirma a súa soberanía”. É realmente útil ler toda a análise de Vitaly Dudin publicado no sitio web do CADTM e outros sitios.
Cómpre oporse aos diferentes imperialismos que interveñen en Ucraína
Estamos en contra da guerra declarada por Putin a Ucraína e a ocupación de parte do seu territorio, estamos en contra da política de Trump cara a Ucraína e estamos en contra da política da UE cara a Ucraína. Este tres grandes potencias queren, dunha forma ou outra, facerse cos recursos naturais do país, aproveitarse dos ucraínos. Denunciamos esta política, denunciamos a guerra e a invasión. Tamén criticamos a Zelensky porque é un goberno neoliberal que está disposto a privatizar e seguir con políticas neoliberais.
Estamos a favor do dereito do pobo ucraíno a resistir con armas a invasión rusa. O pobo ucraíno que tamén debe ter dereito a criticar a Zelensky e oporse a Trump e á UE.
Como facemos polo pobo palestino fronte ás tropas de ocupación israelís e ao xenocidio que o goberno de Netanyahu perpetúa co apoio activo de Washington (e a complicidade activa dos líderes europeos), debemos apoiar o dereito do pobo ucraíno a resistir contra a invasión rusa, que é unha invasión imperialista que causa inmensas perdas humanas e unha enorme destrución. Estamos a favor do dereito do pobo ucraíno a resistir con armas a invasión rusa. O pobo ucraíno que tamén debe ter dereito a criticar a Zelensky e oporse a Trump e á UE, o que obviamente é moi complicado.
Estamos a favor da cancelación das débedas reclamadas a Ucraína, estamos a favor da creación dun fondo para a reconstrución xestionado baixo o control da poboación de Ucraína e alimentado pola expropiación de oligarcas, por impostos sobre os superbeneficios das empresas de armamento…
As grandes potencias e o leste da República Democrática do Congo
A administración de Donald Trump tamén está a manobrar cara ao goberno da RDC para ter un maior acceso aos recursos naturais do Leste do Congo. Trump di que está disposto a presionar a Ruanda e ao seu presidente Paul Kagamé para atopar unha solución á ocupación do territorio da RDC por parte de Ruanda e do M23, que é aliado de Ruanda. En efecto, o goberno de Ruanda participa directamente no saqueo dos recursos naturais da RDC intervindo no leste do país que ten unha fronteira común con Ruanda. As primeiras vítimas son os civís e en particular as mulleres. Nos últimos 30 anos, o número de vítimas ascende a varios millóns, a violación de mulleres utilízase sistematicamente como arma de guerra, humillación e terror. As grandes potencias déixano pasar e as súas empresas participan activamente no saqueo e a desesperación das poboacións.

Branco: territorio congoleño controlado polas Forzas Armadas da República Democrática do Congo. Vermello: Controlado polo M23 e os seus aliados Situación militar a 3 de abril de 2025. [Fonte: Vertcamin Wikipedia]
O autor dá as grazas a Jawad Moustakbal, Maxime Perriot, Claude Quemar e Christian Varin pola súa revisión. Traducido a partir da versión castelá de Alberto Nadal Fernández.