Acabar co pobo palestino

“No he de callar, por más que con el dedo,/ Ya tocando la boca, ya la frente,/ Me representes o silencio o miedo”.
Francisco de Quevedo.

Cando xa pasaron máis de 13 meses dos atentados de Hamás -nunca saberemos con  certeza quen realmente moveu os fíos- a situación en Oriente Medio é case apocalíptica. Só faltaba que se producira, como así sucedeu, a vitoria de Donald Trump nas eleccións presidencias estadounidenses para que as perspectivas dun “alto o fogo duradeiro” se volveran utópicas. O xenocidio do pobo palestino e a destrución das infraestruturas en Gaza, as accións violentas e colonialistas dos ortodoxos xudeus en Cisxordana, o enfrontamento entre o exercito israelí e a milicia de Hezbola e as ameazas mutuas entre Israel e Irán debuxan nesa rexión unha senda ao precipicio.

A estas alturas todo parece indicar que o auténtico propósito de Netanyahu é o de rematar nun conflito directo con Irán logo de arrasar Gaza, Cisxordania (que pasarían a seren territorio israelí) e o Líbano. A Netanyahu non parecen importarlle os custos en vítimas humanas nin a destrución de infraestruturas (vivendas, escolas, hospitais) nunha aventura militar que el pensa que lle dará a gloria cando a realidade é que pasará a historia como o principal responsable militar dun dos xenocidios mais crueis do século XXI (4.000 mortos de media mensual: na actualidade xa superan o 2% da poboación gazatí, unha cifra sen precedentes no presente século). Un xenocidio que se acompaña dun nivel de destrución que lembra ao dalgunhas cidades alemás durante a II Guerra Mundial (Dresde, Hamburgo…). Unhas actuacións que poñen en evidencia como un dos obxectivos do goberno israelí é realmente o de acabar co pobo palestino.

O pobo palestino seguirá existindo aínda que o expulsen de Gaza e Cisxordania e teña que volver vagar polo mundo sen un lugar fixo e seguro para vivir.

Pero o “problema” para Netanyahu é que, a pesar de contar cun exercito moi poderoso que lle vai permitir destruír Gaza e posiblemente Cisxordania, isto non vai implicar que acabe co pobo palestino. Máis cando se sabe, segundo informacións dos medios internacionais mais fiables, que Hamás a pesar dos golpes recibidos, dos lideres asasinados e das brigadas desmanteladas, non para de recrutar voluntarios entre unha poboación palestina cuxo odio (plenamente xustificado) ao invasor lles leva a non temer pola súa vida. Velaí que a día de hoxe o goberno israelí non só non lograra eliminar a Hamás senón que está contribuíndo a que medre o apoio entre unha poboación palestina que ve a esa organización como a única que os defende e que lle pode garantir manterse como pobo.

¿En que vai rematar toda esta barbarie? ¿Que actitude tomarán os Estados Unidos agora baixo a presidencia de Donald Trump, un declarado sionista? Difícil dar unha resposta, pero algo debera estar claro non só para Netanyahu senón para os Estados Unidos e a Unión Europea: o pobo palestino seguirá existindo aínda que o expulsen de Gaza e Cisxordania e teña que volver vagar polo mundo sen un lugar fixo e seguro para vivir. Ao tempo, e a pesar da propaganda, Israel irá atopándose cada vez mais illado no mundo, especialmente entre os cidadáns de ben que non podemos mais que repudiar a súa barbarie.