Carta aberta de SGHN ao Presidente da Xunta de Galicia

Sr. Presidente, nestas datas terribles para Galicia fálase moito de que os enormes lumes convectivos que arrasan Ourense e o sur de Lugo crean a súa propia dinámica, que os retroalimenta converténdoos en monstros, humanamente imparables, que devoran todo ao seu paso.

Pola contra, pouco ou nada se fala dun monstro que xurdiu antes. A gran vaga de lumes de 1989, ademais de orixinar unha politización indecente do problema que aínda persiste, abriu unha enorme ‘caixa de Pandora’. A partires de 1990, a Consellería de Agricultura con Romay Beccaría ao fronte incrementou exponencialmente o investimento en extinción. O seu fracaso silenciouse cun férreo control da información sobre a superficie queimada -que infravaloraba claramente a realidade nas zonas montañosas e pouco poboadas- e coa teoría conspiranoica do terrorismo incendiario. Os argumentos de SGHN desmontando a inexistencia de dita trama caeron en saco roto, o mesmo que a súa demanda dunha avaliación independente da superficie queimada empregando imaxes de satélite (si, hai 35 anos xa as había). Larvado durante anos, a partir de entón o monstro da economía do lume comezou a medrar e a crear unha dinámica propia, secuestrando a estratexia contra os incendios no seu propio beneficio que é a extinción, sempre a costa da prevención pre-lume, a restauración post-lume, o patrimonio ambiental e económico, a saúde, a calidade de vida e a propia vida dos galegos/as.

A partires de 1990, a Consellería de Agricultura con Romay Beccaría ao fronte incrementou exponencialmente o investimento en extinción. O seu fracaso silenciouse cun férreo control da información sobre a superficie queimada.

Boa parte dos últimos 35 anos, sempre que a meteoroloxía foi favorable ou dentro da ‘antiga normalidade’, a Xunta foi quen de salvar a situación e conservar toda a roupa, gabándose aos catro ventos dunha magnífica xestión. “Está mal que yo lo diga, pero nuestro modelo es exportable a otros lugares” dixo un fachendoso Carlos del Álamo. Pero ciclicamente, cada vez que coincidían 15-20 días consecutivos sen chuvia, o lume queimaba toda a ‘roupa de vestir’ da Xunta que, xa en ‘panos menores’, botaba balóns fóra recorrendo ao argumento da conspiración dunha inexistente trama incendiaria e impoñía o seu relato controlando a información que se facilitaba sobre a superficie queimada (canto, cando e onde), que sempre infravaloraba a realidade e sempre se comparaba interesadamente co peor ano da serie histórica, é dicir, 1989.

Unha e outra vez, SGHN alertou de que a Xunta estaba espida, advertindo do grave erro que supoñía centrar a estratexia na extinción e en engordar a economía do lume ignorando as causas estruturais do problema. De nada serviu.

Malia a vaga de lumes de 2017, a Xunta continuou ignorando aos claros avisos de que a ‘normalidade’ estaba a mudar

A transparencia informativa da Xunta do bipartito só aguantou a vaga de lumes de 2006, a estratexia anti-incendios apenas mudou e o monstro continuou a medrar. Malia a vaga de lumes de 2017, a Xunta continuou ignorando aos claros avisos de que a ‘normalidade’ estaba a mudar. Os mega-incendios de Valdeorras e O Courel en 2022 deixaron ben claro que a ‘nova normalidade’ climática petaba con forza na porta do PLADIGA e que ningunha estratexia de extinción, por moi obstinada que fose e por moitos medios e cartos que empregase, ía poder controlar as seguintes vagas de lume.

E chegou 2025. O cóctel era explosivo no interior de Galicia. Castigado con extrema dureza por medio século de lumes recorrentes que degradaron a vexetación e reduciron drasticamente a ‘capacidade esponxa’ do solo para almacenar auga, no verán os ecosistemas amosan extensivamente signos de colapso por estrés hídrico ante unha situación meteorolóxica moi adversa. A biomasa vexetal -que demasiados aínda chaman despectivamente maleza ou combustible ou falan de limpar o monte, non sendo a biomasa un lixo dos que algúns guindan- está probablemente máis seca que nunca nun pasado recente. Só falta a chispa que desencadee o inferno. Pero en Galicia a chispa humana sempre está aí, e en Ourense nunca falla, debido a unha realidade socio-demográfica complexa (emprego do lume como ferramenta agro-gandeira, despoboamento, avellentamento,…) que ata agora non se abordou nas perfectamente identificadas ‘parroquias de alta actividade incendiaria’.

Cun dispositivo humano decimado en efectivos e o que semellan fracasos estrepitosos nalgunhas decisións na estratexia de extinción, todo adxectivo se queda curto para describir a magnitude do desastre -ambiental, económico, e humano- destas semanas en Ourense e o sur de Lugo que, ademais, hipoteca a economía do rural e o futuro de moitas pequenas ou medianas iniciativas que están tratando de manter a vida no rural (ganderías ecolóxicas ou extensivo, apicultura, viñedos, casas rurais, empresas de guías de natureza,…).

2022, 2025, dúas veces xa en catro anos, a ‘nova normalidade’ meteorolóxica chegou para quedarse. O temor pola problemática dos lumes no futuro inmediato medra entre os que ollamos a realidade con atención.

Dúas veces xa en catro anos, a ‘nova normalidade’ meteorolóxica chegou para quedarse.

Pero algo mudou nesta ocasión. Hai medios de comunicación que non agardan á información tardía e sesgada que facilita a Xunta e recorren á subministrada, con rigor e independencia, polas imaxes dos satélites da Unión Europea (Copernicus) ou da NASA. Os datos son demoledores e deixan en evidencia á Xunta: despois de 36 anos de economía do lume centrada na extinción, volvemos á casiña de saída de 1989.

Desta vez, Sr. Presidente, a Xunta está espida, completamente.

Aínda está por ver se esta situación servirá para cambiar o paradigma, abordar as causas estruturais e desenvolver estratexias conxuntas e consensuadas a longo prazo para promover paisaxes máis resilientes fronte ao lume.

O futuro de Galicia depende deses cambios.