A xefatura de Estado e a democracia en España

Non fomos poucos os que con motivo da intentouna golpista do 23 de febreiro de 1981 (23 F) tivemos dúbidas tanto sobre os seus auténticos promotores como os seus reais obxectivos. Unhas dubidas que co transcurso do tempo se incrementaron, acercándose á certeza, pero que nos últimos anos xa parecen un clamor. Un clamor a prol de que na realidade a posición do Xefe de Estado en relación á tentativa golpista non foi, nin moito menos, de oposición e enfrontamento senón que en realidade formaba parte da mesma, era un dos seus cerebros. Un clamor na crenza de que o obxectivo do simulacro de golpe era fortalecer a posición de poder do Xefe de Estado na súa relación cos demais poderes.

Unha operación que cada vez se parecía mais a que tivo lugar no ano 1923 sendo Xefe de estado Alfonso XIII, o bisavó do actual Xefe de Estado, e que tivo ao xeneral Primo de Rivera como protagonista. Unha operación golpista esta que triunfou a diferenza da do 23 de febreiro do 1981. Aínda que sinceramente non se pode negar que non conseguira unha parte non menor dos seus obxectivos, xa que dende aquela data o Xefe de Estado (Juan Carlos de Borbón) pasou a ser unha sorte de personaxe inviolable (Art. 56.3 C.E.) que se situaba por riba do resto de poderes do estado (Xefatura de Goberno, Parlamentos, Poder Xudicial….), aos que non rendía contas, o que non deixaba de ser un claro déficit democrático.

Unha posición que, como estamos vendo agora en que a súa condición de “emérito” permite unha maior transparencia informativa sobre a súa figura e actuacións, tanto lle facilitou incrementar a súa fortuna persoal mediante prácticas corruptas e ilegais como levar unha vida persoal pouco acorde co seu cargo e condición. O mais grave é que na práctica Juan Carlos de Borbón colaborou para frear as aspiracións democráticas dos pobos de España sen xénero de dúbidas. O temor a un golpe de Estado, fronte a cal o emérito aparecía como un paraugas, paralizou moitas reivindicacións democráticas.

En relación á súa colaboración para que medrara a fraude fiscal en España o formato adoptou varias modalidades, que foron dende a existencia de contas e sociedades en paraísos fiscais nos que ocultaba os diñeiros procedentes de supostos negocios opacos no estranxeiro (comisións pola venda de armas ás monarquías arábigas, operacións ocultas coa grande banca española…) a pagos e regalos (por exemplo, ás súas numerosas amantes) con fondos públicos non rexistrados.

En base a todas estas evidencias resulta correcto asegurar que a monarquía borbónica trouxo, e segue traendo, para os pobos de España custos políticos e sociais. Unha monarquía que non debemos esquecer foi imposta por unha das ditaduras mais crueis e sanguinarias do século XX e que, como puidemos comprobar ao longo desta etapa democrática, está axudando a perpetuar o dominio das forzas conservadoras que controlan a maioría das institucións do Estado español (policía, poder xudicial, exercito, igrexa….). Un control que, a pesar dos avances habidos nas etapas de gobernos progresistas, garanta que as desigualdades sociais e territoriais se manteñan ao longo do tempo. Un control e un dominio que se fai máis visible nos momentos en que se intentan avances tanto en materia social como territorial, cando as forzas conservadoras atopan o apoio das institucións citadas e da propia xefatura do Estado.

Un dominio que chegou incluso a atemorizar as esquerdas, que baixaron o seu nivel reivindicativo, como estamos vendo en temas tan significativos como a recuperación da memoria histórica e a forma e o carácter do Estado español. A feroz resistencia a reparar ás vítimas da ditadura (“para non levantar feridas”) e a firme oposición á defensa dos ideais republicanos (os que se segue identificando co caos político, a división, a España roxa…) son unha proba do dominio dunhas forzas conservadoras que teñen no vértice superior a xefatura do Estado, a monarquía borbónica.

Resistencia que tamén se traslada ás medidas fiscais e sociais que turran por unha maior igualdade cuestionando os privilexios das clases dominantes moi especialmente da oligarquía financeiro/inmobiliaria coa que a xefatura do Estado mantén unha indiscutible camaradería.