Non cabe a menor dubida de que a nova e agora contundente vitoria de Donald Trump trae malos sinais para Occidente e para o mundo en xeral. Pero seguramente que non serán mellores, nin moito menos, para os Estados Unidos.
Como entender esta nova vitoria de Donald Trump? Non resulta doado xa que a xestión a nivel interno de Joe Biden non foi mala (unha política fiscal claramente máis progresista que a dos anteriores presidentes demócratas Bill Clinton ou Barack Obama) con resultados económicos moi positivos (case sen desemprego e cunha inflación baixo control). Por outra parte, e unha vez confirmado o declive físico e psíquico de Joe Biden, a candidata demócrata Kamala Harris aparecía como unha política moi competente e brillante, relativamente moza, clara ganadora do único debate habido con Donald Trump e que foi quen de aglutinar tras de si a todo o Partido Demócrata dando unha imaxe de maior pluralidade e liberalidade.
Con estas premisas como entender que na vitoria de Donald Trump tivera moito que ver o voto da mocidade e das minorías étnicas? Un resultado que puxo en evidencia que o Partido Republicano, en realidade Donald Trump, pescou en abundancia no que se consideraba o caladoiro tradicional do Partido Demócrata. Desde a distancia custa traballo interpretar estes cambios, así como que un candidato que acusa os/as inmigrantes de moitos dos problemas dos Estados Unidos e que ameaza con deportacións masivas gañe o voto migrante. Así mesmo, como un candidato que anuncia que “protexerá ás mulleres queiran ou non queiran” e que, no mellor dos casos, mantén unha posición ambigua -”que lexislen os estados”- sobre o aborto pode recibir un importante apoio entre o electorado feminino?
Será por que, como apunta Bernie Sanders, o Partido Demócrata se converteu nun partido das rendas altas e por iso se mostra incapaz de entender as condicións na que viven millóns de estadounidenses? A grande perda de votos parece confirmar tal análise: Kamala Harris, a pesar da súa campaña millonaria, perdeu case 13 millóns de votos con relación ao Joe Biden, mentres que o seu rival Donald Trump gañaba 2 millóns.
Será por que, como apunta Bernie Sanders, o Partido Demócrata se converteu nun partido das rendas altas e por iso se mostra incapaz de entender as condicións na que viven millóns de estadounidenses?
Pode esta catástrofe electoral sinalar que unha importante maioría de estadounidense se mostra descontenta co actual sistema e opta ben por absterse (45%), ben por votar a un candidato antisistema como Donald Trump? Ou quizais vote a este por que as súas políticas lle resulten mais convincentes? En relación con isto último pode estar sucedendo nos Estados Unidos que moitos votantes demócratas estean, a pesar da bonanza económica, moi descontentos coa xestión do seu partido noutros asuntos relevantes (vivenda, inmigración, seguridade, medio ambiente…)?. Ampliando o foco, pode a policrise neoliberal estar creando un malestar profundo entre sectores amplos da poboación occidental a quen non lle satisfacen as propostas das esquerdas -aínda que resultaría moi ousado cualificar ao Partido Demócrata como un partido de esquerdas-, o que os leva a optar ben pola abstención ben por opcións populistas porque tamén claman contra o sistema?
A pesar das dúbidas, algo parece evidente, e pódese aplicar a todo o Occidente: ou as esquerdas cambian os seus discursos nos que ademais de preocuparse pola crise económica son quen de presentar un programa de futuro, crible e convincente, ademais de cuestionar o actual sistema de seguridade, ou o populismo sairá vencedor nesta policrise. Un populismo, non o ignoremos, que se presenta como antisistema.
Pero do que non deberan quedar dúbidas é de que tanto nos Estados Unidos como en Europa hai un malestar profundo co statu quo actual tal que castiga aos partidos tradicionais, aos partidos sistémicos.
Un cambio de discurso que, por exemplo, neste tempo de incertezas e medos aposte decididamente pola paz con tódalas súas consecuencias. Non poucos analistas estadounidenses afirman que a política exterior e de defensa do Joe Biden e do Partido Demócrata, claramente belicista e armamentista, tivo bastante que ver coa súa derrota. Non pasa algo parecido en Europa pola aposta da Unión Europea pola guerra en Ucraína e ao apoio a Israel en Oriente Medio? Nestas incertezas e medos seguramente que a política ambigua, cando non claramente negacionista, en relación a crise medioambiental tamén estea condicionando os resultados electorais.
Pero do que non deberan quedar dúbidas é de que tanto nos Estados Unidos como en Europa hai un malestar profundo co statu quo actual tal que castiga aos partidos tradicionais, aos partidos sistémicos. Un malestar profundo moi notorio entre as clases de rendas medias e baixas que, historicamente, formaron a base electoral dos partidos das esquerdas. Como moi ben sinala Bennie Sanders en relación ao resultado electoral nos Estados Unidos, “que o Partido Demócrata, que abandonou aos obreiros, sexa a súa vez abandonado por estes non é cousa que nos debera sorprender”. Uns obreiros a quen preocupan moitas máis cousas que os empregos: preocúpalles o futuro.