A Unión Europea na era Trump

| As claves, Global

A brutal incompetencia política -si, INCOMPETENCIA- dos dirixentes da Union Europea está conducindo a que en Ucraína a resolución da guerra, en definitiva a paz, quede finalmente en mans dos Estados Unidos e de Rusia. Uns países cuxos máximos dirixentes (Donald Trump e Vladimir Putin) xa puxeron enriba da mesa a factura: no caso de Rusia pasa por unha paz a cambio de territorios ucraínos, maiormente daqueles que agora ten baixo control. No caso dos Estados Unidos pola explotación dos seus recursos naturais como as terras bravas, o petróleo, o gas e poida que os cereais. Pola súa parte a Unión Europea, que dende o primeiro momento se apuntou a opción belicista, pasa a ocupar un papel secundario neste novo escenario.

Para mellor entender as razóns desta perda de relevancia no escenario internacional por parte da Unión Europea debemos votar a vista atrás e pasar revista a algunhas das decisións mais relevantes tomadas polos seus órganos de goberno, en especial o Consello de Europa, a Comisión Europea e o Banco Central. Decisións que contribuíron firmemente ao seu actual declive.

Empecemos dicindo que se no ano 2009 a Unión Europea tiña un PIB practicamente equivalente ao dos Estados Unidos e que case triplicaba o de China, no ano 2023 (últimos datos fiables), o PIB da UE foi o 72,5% do de Estados Unidos e o 104,5% de China. Se temos en conta que o ano 2009 foi o da gran crise financeira, os datos son contundentes: nestes anos a perda de peso da Unión Europea na economía mundial resulta indiscutible, pois pasou de representar o 25,8% do PIB mundial ao 17,6%. As razóns hai que buscala en que nas últimas dúas décadas a Unión Europea no seu conxunto sufriu unha enorme desaceleración económica por un moi débil crecemento que afectou tanto á produción como ao comercio, cuxa cota mundial caeu do 18,9% ao 14,8%. Velaí a seguramente maior causa do declive da Unión Europea: o débil comportamento económico que afectou tanto á produción como ao comercio.

Velaí a seguramente maior causa do declive da Unión Europea: o débil comportamento económico que afectou tanto á produción como ao comercio. 

Un declive económico que non debera sorprender, pois era algo que tiña que pasar. O grande economista Josep Stiglitz xa avisara no seu día (2016), cando afirmaba que aínda “sendo demasiado cedo para saber se as esperanzas e os soños dos fundadores do euro acabarán por facerse realidade (…) o que hoxe esta claro é que Europa -ou para ser máis exacto a eurozona- tivo un comportamento penoso… A crise da eurozona prolóngase xa dende hai oito anos, e non parece que Europa vaia recuperar un crecemento sólido a curto prazo. É evidente que nos enfrontamos a unha década perdida e corremos o perigo de que dentro duns anos esteamos a falar dun cuarto de século perdido” (JOSEPH E. STIGLITZ: “O euro. Como a moeda común ameaza o futuro de Europa”.)

Un comportamento penoso derivado da asunción dun cúmulo de dogmas neoliberais sen fundamento científico algún pero que fixeron que a eurozona non funcionase… Porque era imposible que funcionara. O que resulta más difícil de entender é como os dirixentes europeos non foron conscientes, seguen sen selo, de que cunha moeda única para estados con diferenzas comerciais e de balanzas de pagos tan acentuadas (uns con elevados superávits, outros con déficits) podía funcionar a eurozona sen que se acentuaran os desequilibrios e as desigualdades que impedirían o crecemento económico e conducirían a crises recorrentes. Unha moeda única que se viu acompañada de políticas monetarias ortodoxas que puxeron a loita contra a inflación por diante de calquera outro obxectivo macroeconómico. Por se isto non fora suficiente, cando estouparon as crises a resposta foi terriblemente decepcionante, pois fronte a unha recesión provocada pola caída da demanda as autoridades europeas impuxeron axustes fiscais e reformas estruturais de corte neoliberal que converteron o que era unha crise financeira nunha grande recesión da que aínda hoxe os estados da eurozona non deron saído, nin parece que vaian saír no curto prazo. A proba témola en que o estado da eurozona que inicialmente se beneficiara destas políticas, como é o caso de Alemaña, está atravesando unha profunda recesión económica como non coñecera dende a II guerra mundial.

Unha crise económica a nivel europeo, cun nivel de desemprego xuvenil moi elevado (15,2% fronte a un 5,9% global) e un índice de pobreza tamén moi elevado (21,7%), que trouxeron aparellada unha falta de confianza cidadán non só na Unión senón na democracia. Falta de confianza que se manifesta tanto nunha perda de apoio aos partidos tradicionais (moi especialmente da socialdemocracia) como nun moi forte ascenso dos partidos totalitarios e de extrema dereita en practicamente tódolos estados europeos, como demostra o dato de que logo das eleccións alamanas recentemente celebradas a extrema dereita xa suma o 25,% dos votos nos parlamentos dos estados membros. Que se nalgúns estados do Leste é a forza maioritaria como por caso en Hungría (54,1%), Chequia (40%) ou Polonia (35,5%), no Mediterráneo en Italia gobernan co 34% dos votos, en Francia suman mais de 10,8 millóns de votos e en España nas últimas eleccións xerais sumaron o 12,4% dos votos. Alemaña tampouco escapa a este fenómeno extremista, pois nas últimas eleccións a extrema dereita sumou 10,3 millóns de votos. Só en tres estados da UE (Eslovenia, Irlanda e Malta) a extrema dereita non ten representación parlamentaria. Dende os anos previos a II Guerra Mundial nunca se dera unha situación semellante.

Só en tres estados da UE (Eslovenia, Irlanda e Malta) a extrema dereita non ten representación parlamentaria.

Recesión económica e crise política debuxan en Europa un panorama moi, moi preocupante. Un escenario ao que hai que sumar a guerra en Ucraína. Un conflito que, se está provocando tanto un enorme dor e sufrimento á poboación ucraína (mortos, feridos, desprazados, refuxiados) como unha tremenda desfeita interior (vivendas, hospitais, fabricas e comunicacións destruídas), está tamén derivando en grandes diferenzas entre os estados da unión europea en como enfoca-lo conflito e nas posibles saídas ao mesmo.

A nivel internacional, estas discrepancias, así como a incualificable postura tanto en relación a Oriente Medio (especialmente en Gaza, pero tamén en Siria, Iemen, Libia….) como a zonas de Africa (a guerra no Congo, os conflitos no Sahel e no golfo de Guinea…) derivados maiormente do seu total seguidismo da OTAN, están conducindo a que a imaxe da Unión Europea entre os estados do Sur global teña sufrido un enorme desprestixio.

Todo isto sucede cando aparece Donald Trump na escena internacional, como un elefante nunha cacharreira, querendo mudar tódolos marcos e de xeito expeditivo, autoritario. Un Donald Trump que, como sinalaba ao principio, parece decidido a poñer fin a guerra en Ucraína mediante unha negociación bilateral con Rusia, o que supón deixar a un lado a unha Unión Europea quen segundo aquel se “formou para foder os Estados Unidos”. Non cabe dúbidas de que este viraxe na guerra en Ucraína colleu a Unión Europea por mor do citado seguidismo da OTAN co pé cambiado, sen una estratexia propia, con notables divisións internas en canto a solución ao conflito e sen capacidade para facerse un oco no novo marco de negociación. Unha irrelevancia internacional que será maior cando os dous grandes imperios da actualidade (Estados Unidos e China) enfronten posicións tendo ao Océano Pacífico como escenario territorial.

Unha irrelevancia internacional que será maior cando os dous grandes imperios da actualidade (Estados Unidos e China) enfronten posicións tendo ao Océano Pacífico como escenario territorial.

Velaí o que cabe esperar da Unión Europea na era Trump. A nivel externo, unha maior satelización en relación á OTAN, que é o mesmo que dicir aos Estados Unidos. A nivel interno, unha prolongación da gran recesión e o baixo crecemento económico das últimas décadas, maiores diverxencias entre estados e unha continuación no auxe das ideas e as políticas totalitarias, antiinmigración e militaristas. Sei logo da pandemia a prioridade da Unión Europea fora a loita contra o cambio climático (NEXT GENERATION), agora na era Trump iso esquécese e substitúese polo incremento do gasto en armamento (3%?, 5%? do PIB). Pero coa Unión Europea engaiolada nunha grande recesión económica, de onde van saír os fondos públicos para a compra das armas? E, por certo, a quen se lle van comprar?