A saída sur é moito máis

Despois de tantos anos realizándose  estudos e traballos, esta no aire a saída sur ferroviaria entre Vigo e o Porriño anunciándose un novo atraso. Esta obra longamente esperada estivo sometida a unha falta de previsión. Falta unha formulación seria e unha boa  programación. Estamos a esquecernos do verdadeiramente importante que, entre outras cousas, significa que a saída sur é a continuación das obras do Eixo Atlántico, similar ao que representa a AP-9 para Galicia, unir Coruña-Vigo-Tui. A comunicación de Galicia co norte de Portugal é unha comunicación transfronteiriza e unha das prioridades nas normas europeas, rede RTE-T. No proxecto inicial, tamén se solucionaba o estrangulamento en Porriño co paso a nivel existente.

Por suposto cómpre darlle continuidade ao tren con dirección a Portugal, facer que o servizo futuro de AVE se realice con  tempos  de viaxe razoables, para darlle eficacia ao transporte de viaxeiros. Tamén se debe abrir as posibilidades de instalación dunhas proximidades Pontevedra-Vigo-Porriño (Tui ou Valença) e dunha conexión ferroviaria para darlle servizo de mercadorías ao porto de Bouzas.

A saída sur é factible porque para iso se construíu a estación de Vigo/Vialia. A viaxe en tren de Vigo-Porriño leva actualmente 25 minutos. Coa saída sur pódese facer en 10 minutos, isto supón un aforro de 15 minutos de viaxe, o 60% do tempo. A rendibilidade do investimento a realizar polo minuto de tempo gañado é das máis eficaces de España.

Existen outras externalidades que  tamén son moi importantes, como a sustentabilidade e o traslado do uso do vehículo de estrada pola demanda do ferrocarril, alén da diminución da pegada de carbono e do CO2 segundo marcan as condicións europeas Yuso de enerxías limpas. Ademais, diminuirían os accidentes e abriríase a posibilidade de billetes máis baratos, mediante as subvencións ao transporte de proximidade

Resumindo: a obra da saída sur non é unha obra calquera, é eficacia e é rendibilidade económica e social.