Técnica estándar de privatización: quitas financiamento, asegúraste de que as cousas non funcionen, a xente enfádase e dásllo ao capital privado. (Noam Chomsky).
Como é ben sabido o neoliberalismo defende a hexemonía do privado argumentando en base aos supostos fallos do público. Unha defensa que recibiu o nome de teoría da elección pública. Unha teoría que sostén que “o fallo de goberno prodúcese cando os intereses privados «capturan» ás autoridades por medio do nepotismo, o enchufismo, a corrupción ou a captura de rendas, a mala asignación dos recursos, como a inversión de diñeiro público en novas tecnoloxías que fracasan (escoller perdedores) ou a competencia inxustificada con iniciativas privadas (desprazar o que doutro modo podía ter sido unha inversión privada exitosa). A teoría da elección pública enfatiza que as políticas deben permanecer alerta para asegurarse que as ganancias procedentes da intervención do Goberno na economía son superiores ao custo dos seus fracasos· (O valor das cousas, Mariana Mazzucato). Esta teoría conduce a defensa de que o goberno, sexa o que sexa, debe intervir na economía o menos posible para así minimizar os custos dos seus fallos que derivan tanto da súa tendencia a corrupción e o dogmatismo como da súa ineficiencia.
Baseándose nestas hipóteses os partidarios desta teoría da elección pública son tamén os defensores das privatizacións e as externalizacións (que non son mais que unha forma de privatización) que en Europa occidental tiveron como pioneira a Gran Bretaña, na década dos oitenta con Margaret Thatcher ao fronte do goberno británico, e o sector sanitario como modelo. Posteriormente, paseniño, paseniño, esta ideoloxía apoiada polo FMI e o BM foi estendéndose por moitos outros países europeos pero sen que que as “tendencias a corrupción” desapareceran senón que en moitos casos se multiplicaron.
Iniciativas de financiamento privado (PFI)
Centrándonos logo no sector sanitario a adopción da teoría da elección pública supuxo a aparición de intermediarios (bancos, fondos de investimento, empresas da construción) como financiadores da actividade pública. Unha aparición que tomou basicamente dúas formas “unha, as iniciativas de financiamento privado (PFI polas súa siglas en inglés), por exemplo para construír hospitais; outra a externalización a provedores privados da xestión dunha ampla gama de servizos. En ámbolos dous casos, a actividade pública se financia de maneira privada. Recorrer as PFI desta maneira denominase pseudoprivatización por que as empresas privadas reciben os seus ingresos non dos clientes no mercado senón do Goberno, mediante unha marxe de beneficio garantido. Un contrato de externalización é, na realidade, unha clase de monopolio que sitúa ao Goberno como cliente único” (Mariana Mazzucato).
Un sistema que, como no seu día puxo en evidencia o Consello de Contas en Galicia, leva a que os proxectos sexan moito mais caros que se os fixera so a inversión pública xa que “os gobernos pagan a contratistas privados unha tarifa anual, que pode durar décadas e normalmente está indexada á inflación, para cubrilo pago do capital mais os xuros e os custos de mantemento… o resultado final pode supoñer que os custos nos que incorre o Goberno sexan, con frecuencia, maiores que si el mesmo prestara o servizo” (Mariana Mazzucato).
Gran Bretaña como paradigma, o NHS como vítima
Como dixen antes o paradigma inicial estivo na Gran Bretaña e o seu Servicio Público de Saúde (NHS) que creado no ano 1948 fora durante décadas un dos sistemas sanitarios mais eficientes do mundo. O seus resultados apoiábanse “na súa misión pública e o seu principio de universalidade, que se traduciron nun servizo central eficiente dos servizos sanitarios, cuxo obxectivo foi reducir custos de transacción. Os cidadáns británicos recoñeceron repetidamente a importancia da súa natureza pública”(Mariana Mazzucato).
Uns resultados que empezaron a cambiar cando se foron introducindo (polo novo laborismo ao cuxo fronte estaban Tony Blair e Gordon Brown) iniciativas privadas no sistema. Iniciativas coas que os hospitais transformáronse “en fundacións do NHS con autogoberno e os seus recursos se volveron dependentes dos contratos estipulados con os compradores. Tamén se introduciu, como primeiro elemento da externalización, a contratación de quen fixera a oferta mais baixa, e o NHS foise afastando progresivamente do seu papel de provedor para irse convertendo nun mero cliente. Dende 1992 o proceso de externalización creado polas iniciativas de financiamento privado implicou tamén aos edificios dos hospitais do NHS. Mediante as PFI permitiuse que as empresas privadas construiran hospitais que logo eran alugados de novo ao NHS por un prezo substancialmente alto. As PFI utilizáronse moito durante os gobernos do <novo laborismo> para aforrar en investimento en infraestruturas, mentres o prezo do alugueiro dos hospitais sobrecargaba o orzamento do NHS” (Mariana Mazzucato).
Hai un mercado competitivo para os servizos públicos?
O obxectivo destas reformas era, segundo os seus defensores, “producir un NHS mais eficiente e rendible, mediante a introdución de elementos de mercado na asistencia sanitaria” (Mariana Mazzucato), pero a realidade puxo en evidencia que o NHS non se volveu nin mais rendible nin mais eficiente por que, como ben subliña a autora repetidamente citada neste artigo, “as reformas da sanidade orientadas ao mercado non aprecian a evidencia de que non existe tal cousa como un mercado competitivo para eses servizos; os contratos duran varias anos e son concedidos a un pequeno número de empresas que chegan a dominar o mercado da externalización. Na realidade esas empresas convértense en especialistas en conseguir contratos co sector público en distintos eidos nos que teñen unha experiencia similar. En consecuencia, o mercado atópase moi concentrado e a diversidade das tarefas fai difícil obter un resultado que xunte calidade e eficiencia en tódolos servizos prestados”. As evidencias acaban mostrando como a presencia do sector privado na sanidade pública, Galicia é un caso de libro, supón redución na calidade da asistencia cuxos custos son pagados polo sector público co agravante de que en non poucos casos deben cubrir tamén as perdas cando o sector privado nun cumpre cos seus obxectivos.
Este sistema supón tamén que o custo final dos contratos é moi superior o valor real dos activos subxacentes e varias veces superior o estimado inicialmente. Tamén son sistematicamente mais caros que si foran financiados polo erario público. Estas experiencias na sanidade, que se poden estender a outros servizos públicos, deixan en evidencia que a defensa de que o privado é bo e o público é malo non resiste o contraste coa realidade. Galicia non é mais que outro exemplo.





