A CRTVG está a vivir a primeira folga indefinida da súa historia. O apagón informativo que a propia canle impuxo sobre este fenómeno inédito leva implícito un recoñecemento tácito da razón que asiste aos convocantes. As súas reclamacións non teñen un carácter estritamente laboral ou salarial, senón que supoñen unha chamada de atención sobre o progresivo abandono do carácter de servizo público con que naceu a compañía catro décadas atrás. Trátase dunha mobilización por un servizo público para o conxunto da cidadanía galega do que os seus traballadores se erguen como valedores ante o desleixo de quen debera exercer esa función.
Na xustificación da folga atópase a substitución do veterano espazo A Revista por O Termómetro, unha produción externalizada cuxa contratación agrava o modelo de desmantelamento da CRTVG, a xuízo do comité intercentros convocante. Nun primeiro momento programáronse catro días de paros que tomarían o actual carácter indefinido se a empresa non se aviña a negociar, cousa que non sucedeu.
Os paros estanse a celebrar en días alternos entre o luns e o venres e durante a hora e media de duración de O Termómetro -11.30h a 13h-. Este mércores 16 de outubro, os traballadores conseguiron evitar a emisión do espazo, optando a cadea por repor un programa de Hora Galega.
Non é posíbel analizar esta folga nin as reclamacións do persoal da compañía de radio e televisión públicas galegas sen ter en conta o anteproxecto de Lei de medios que está a preparar o Goberno autonómico. Esta norma ameaza con rematar con calquera rastro de pluralidade na compañía, ao permitir ao Goberno nomear a dedo o máximo responsable, eliminando polo camiño os órganos de protección da independencia dos xornalistas. Preocupante é tamén que abra a porta, por primeira vez na historia do ente, á emisión de contidos que non estean en galego. A promoción da lingua foi a razón de ser do nacemento dos medios públicos galegos, pero é un deses consensos que parecen ter rachado en silencio hai moito tempo en Galicia.
Os traballadores da CRTVG alertan de que o que sucede coa externalización de O Termómetro pode actuar como unha proba piloto do modelo que se estableza a partir da reforma legal, onde os mecanismos de regulación e o organigrama da entidade perdan cada vez máis peso en beneficio de proxectos externalizados sen ningunha clase de compromiso cos principios fundacionais da CRTVG e, igualmente preocupante, non sometidos a ningún tipo de verificación dos valores de pluralismo e transparencia.