A porcentaxe de poboación galega en España segue minguando

Segundo as últimas cifras do INE sobre evolución demográfica (relativas ao terceiro trimestre deste ano) Galicia tería medrado en porcentaxe nos últimos doce meses a metade do que o fixo o conxunto de España. Nos dous casos o aumento dependería da recepción de inmigrantes. Seguiríamos tendo un peso minguante dentro de España. Pero convén desagregar este resultado para ver se hai diferenzas nas forzas que están detrás destas cifras totais.

Pois en Galicia, por unha banda, diminúe máis a poboación autóctona por causa dunha menor natalidade (que á súa vez deriva dunha perda migratoria crónica de mozas e mozos) e dunha maior mortalidade (asociada a un maior avellentamento). E, por outra, en Galicia aumenta menos a poboación non autóctona. Nos dous casos por unha menor probabilidade de emprego, é así que seguimos a ser un país minguante dentro de España.

Para o conxunto do reino de España o resultado dun aumento de 474.454 habitantes -nese terceiro trimestre de 2025 respecto do mesmo trimestre de 2024- deriva dunha incorporación de 575.716 nacidos no estranxeiro fronte a unha caída de 101.262 nacidos en España. ¿Que sucedeu en Galicia? Poño os datos a continuación nunha táboa.

EVOLUCIÓN DA POBOACIÓN (entre 3º trimestre de 2024 e do 2025)

EVOLUCIÓN DA POBOACIÓN (entre 3º trimestre de 2024 e do 2025). Fonte: elaboración propia con datos do INE

No total dos últimos doce meses Galicia medrou en 14.652 habitantes o que supón unha taxa da metade do conxunto de España1. Seguimos a ser minguantes. Cousa que tamén se observa e confirma coa porcentaxe que supón esa cifra no conxunto español (só o 3,1% do total).

Pero tanto ou máis importante que esta confirmación é a desagregación entre o que sucede cos nacidos no estranxeiro e os nacidos dentro de España. Porque mentres que a cifra positiva dos nacidos no estranxeiro supón un 5% do total español (o que supón unha cota de inmigrantes recentes semellante ao noso peso demográfico2), a sangría da poboación galega acada un 14% do total español. O que nos converte nun país minguante. Pois triplica o noso peso demográfico.

Unha sangría da poboación galega que é resultado dun saldo vexetativo negativo (morren moitos máis dos que nacen) máis da emigración de poboación autóctona fora de España. Unha emigración que leva sendo crónica durante décadas e que está detrás do afundimento dos que nacen no país. O que últimamente se titula, con razón, “A Galicia invisible”.

1 Non me podo limitar a constatar que a poboación galega xa non cae en termos absolutos nos últimos anos.

2 Na porcentaxe do acumulado ou histórico aínda estamos moi por baixo da media española, cousa que ten moito que ver -como a emigración de galegos- coas nosas menores, e peores, oportunidades de emprego.