A nova regulación das universidades privadas. O impacto en Galicia 

| As claves

O pasado 1 de abril, o Consello de Ministros autorizaba a tramitación administrativa urxente do proxecto de Real Decreto polo que se modifica o Real Decreto 640/2021, de 27 de xullo, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios. 

Aínda que na tramitación desta disposición xeral os medios conservadores viron axiña un “ataque bolivariano” ao vizoso sector privado do ensino superior, o certo é que a súa razón de ser –polo menos do punto de vista formal– non é outra que o deber de adaptar o previo Real Decreto 640/2021 á nova Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario e, en particular, ás determinacións do seu artigo 4.2, que funciona como precepto habilitante dos Reais Decretos reguladores das condicións de creación e funcionamento das universidades privadas.   

Estas potestades de regulación que debe desenvolver o proxecto de Real Decreto en marcha parten da premisa legal, expresada polo artigo 1.2 da LOSU, de que as universidades privadas fan parte do sistema universitario e, en consecuencia, a súa creación, funcionamento e extinción, aínda que protexida polo dereito constitucional de creación de centros docentes (artigo 27.6 CE), está tamén condicionada polo deber de inspección e homologación que a propia Constitución (artigo 27.8 CE) lle atribúe aos poderes públicos educativos (máis concretamente, e con carácter ordinario, ás comunidades autónomas) para garantir o cumprimento das leis. 

Mentras que as universidades públicas seguen estancadas nos últimos 25 anos en número (50) e matriculación de estudantes, o sector privado do ensino superior experimenta en España un boom sen parangón no panorama europeo. 

Daí que a LOSU exixa, por unha banda, que as universidades privadas deban ser recoñecidas por Lei autonómica (ou estatal, cando se trate de universidades de “especiais características, artigo 4.1.b) LOSU); e, por outra, que deban observar toda unha serie de pautas para que a calidade dos seus servizos educativos poda homologarse á das universidades públicas. Este é o punto onde o novo Real Decreto incrementa as exixencias de creación, autorización e funcionamento das universidades privadas.  

O problema de fondo: un crecemento exponencial do sector universitario privado en España que dualiza e desequilibra o sistema. 

Hai boas razóns para facelo. Segundo os datos oficiais, mentras que as universidades públicas seguen estancadas nos últimos 25 anos en número (50) e matriculación de estudantes (desde o curso 2014-2015, apenas se acrescentou nun 2%), o sector privado do ensino superior experimenta en España un boom sen parangón no panorama europeo: 42 novas universidades creadas desde 1983, e 27 creadas desde o ano 2000, cunha tendencia exponencial á creación de novos centros, nos que as matrículas (moito máis elevadas que as do sector público) poden facerse sen “nota de corte”. Algo que choca frontalmente co discurso neoliberal hexemónico, que ven repetindo machaconamente desde hai anos que sobran universidades e sobran universitarios para xustificar os recortes do gasto público en universidades. 

A realidade subxacente, porén, pon de manifesto que o ensino superior privado goza dunha alta demanda: constitúe un nicho de negocio moi rendible, que atrae a cada vez máis fondos de investimento en busca de altas taxas de gañancias. Isto é o que provoca o acrescimento da oferta privada de títulos universitarios.  

Dous subsistemas, un lento e outro rápido, con distintas regulacións e exixencias, non garanten a mesma calidade académica e non concorren en pé de igualdade na captación de estudantado. 

Hoxe, as universidades privadas (sen contabilizar aos estudantes dos centros privados adscritos ás universidades públicas) absorben un total de 301.000 estudantes fronte aos 1.077.000 das universidades públicas, téndose especializado na docencia virtual ou on line, pola súa vez sometida ao seu propio boom tras a pandemia. A súa distribución xeográfica é tamén singular, pois conviven comunidades ainda libres de privadas (Castilla La Mancha, Extremadura, Asturias) con comunidades nas que prolifera este tipo de oferta (Catalunya, Madrid, Valencia e La Rioja, polo peso da Universidad Internacional de La Rioja, on line, e Castilla-León). 

Distribución xeográfica da matrícula en universidades privadas. Fonte: Estadística de estudiantes universitarios. Avance curso 2023-2024. Sistema Integrado de Información Universitaria. Ministerio de Ciencia, innovación y universidades [ampliar mapa].

Hai, pois, cada vez máis demanda de familias dispostas a pagar uns prezos privados elevados, a cambio da obtención dun título universitario que habilite para acceder ao mercado laboral en profesións con alta demanda (administración e dirección de empresas, ciencias da saúde). Esta alta demanda de títulos atrae o apetito de investidores que pretenden obter rendibilidade no curto prazo, con independencia da calidade do servizo educativo docente prestado, isto é, da calidade da formación universitaria adquirida.  

Porén, o modelo de negocio rápido na obtención dun título oficial fronte a un modelo público máis riguroso e regulado está construíndo unha dualización nociva do conxunto do sistema. Dous subsistemas, un lento e outro rápido, con distintas regulacións e exixencias, non garanten a mesma calidade académica e non concorren en pé de igualdade na captación de estudantado. Esta dualización provoca múltiples efectos perversos nas universidades públicas, como é a fuga de profesorado universitario público cara as universidades privadas; o último exemplo é o do profesor Juan Romo, ex reitor da Universidade Carlos III e ex presidente da CRUE, fichado como reitor da Universidad Alfonso X.  

Esta regulación e o control da oferta trata de reequilibrar ambos subsistemas público e privado, eliminando aspectos clave da desregulación da oferta privada que constituiron causa directa da súa expansión.  

A aposta polo reequilibrio do sistema universitario mediante a regulación e o control da oferta 

Esa é a razón de que a política pública do Goberno pase, pois, por aumentar os requisitos de autorización e funcionamento das universidades privadas. Esta regulación e o control da oferta trata así de reequilibrar ambos subsistemas público e privado, eliminando aspectos clave da desregulación da oferta privada que constituiron causa directa da súa expansión.  

Podemos facer o seguinte inventario de requisitos previstos pola nova norma, requisitos que, convén advertilo, son básicos e vinculan ás Comunidades Autónomas no exercicio das súas propias competencias de control dos seus sistemas universitarios: 

  1. Aumento dos requisitos de solvencia económica e académica do proxecto global (“Memoria”) que se someta a autorización, que deberán manterse todo o tempo que a universidade manteña a súa actividade. As universidades terán tres anos desde a entrada en vigor da modificación do RD 640/2021 para adaptarse a todos estes novos requisitos.
  2. Oferta académica mínima de títulos de Grao (10), Mestrado (6) e Doutoramento (3) en tres ramas de coñecemento distintas. 
  3. Acreditación obrigatoria dun número mínimo de 4.500 estudantes matriculados  aos cinco anos do comezo da súa actividade. Igualmente, nese periodo deberá acreditarse que polo menos 2.251 son estudantes de grao. 
  4. A maoiría do profesorado debe ser doutor permanente a tempo completo, e gardar unha ratio 1/25 co número total de estudantes matriculados. Os programas de doutoramento deben ser impartidos por doutoras/es. Engadíndose ademáis a prohibición de compatibilidade do profesorado dos corpos docentes universitarios e laboral en situación de activo a tempo completo, prevista polo artigo 64.2 LOSU. Algo que evita en parte a utilización do reservorio de profesorado público por parte das universidades privadas. 
  5. Exixencia de investigación e de actividade de transferencia, que se consideran consustanciais coa noción de universidade e do seu profesorado: alomenos un 5% do orzamento da universidade privada debe dedicarse a programas propios de investigación. Asimesmo, no prazo de cinco anos desde o inicio da actividade deberán acreditar a captación de un 2% do seu orzamento en convocatorias, programas e contratos de investigación, incluídas cátedras institucionais e valorización de patentes. 
  6. Maiores requisitos para as universidades con docencia exclusiva ou maioritaria (máis do 80% dos seus créditos) non presencial. 
  7. Compromiso de dispor, aos tres anos de comezo da actividade, dunha capacidade de aloxamento mínimo estudantil (residencias) equivalente ao 10% das prazas de grao previstas. 
  8. Duplo control do proxecto global, mediante informes preceptivos e vinculantes dos órganos autonómicos de calidade universitaria e do Ministerio, a través da Conferencia General de Política Universitaria. 

O impacto da reforma no sistema universitario galego (SUG) 

En Galicia, o impacto do Real Decreto está chamado a reducir fortemente o desenvolvemento incipiente do sector universitario privado, regulado pola Lei 6/2013, do sistema universitario de Galicia. Un desenvolvemento polo que vén apostando claramente a Xunta de Galicia co argumento clásico de que “complementan” a oferta das universidades públicas sen custo para o contribuínte, e adaptan mellor esa oferta ás “necesidades da sociedade” (léase das empresas). 

A Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), propiedade de Abanca, non parece que en tres anos poida chegar a cumprir os novos parámetros para continuar coa súa autorización (10 titulacións, 4.500 estudantes, investimento do 5% en investigación, etc.). 

Como é sabido, até o momento só foi recoñecida no SUG unha universidade privada: a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), propiedade de Abanca, mediante a Lei 12/2021, do 15 de xullo.  

Esta universidade imparte cinco titulacións (Enxeñaría en Sistemas Intelixentes, Administración de Negocios Dixitais, Enxeñaría da Empresa, Administración e Dirección de Empresas e Psicoloxía) nos seus dous campus de A Coruña e Vigo. Conforme ás estatísticas do Ministerio, tiña no curso 2023-2024 un total de 239 estudantes. O prezo anual de matrícula oscila entre os 10.500 e os 11.100 €.  

A UIE remata en xullo do 2026 os cinco anos desde súa creación, e non parece que dentro de tres anos poida chegar a cumprir os novos parámetros para continuar coa súa autorización (10 titulacións, 4.500 estudantes, investimento do 5% en investigación, etc.). Só coa complicidade explícita da Secretaría Xeral de Universidades sería capaz de aumentar parámetros como a oferta de graos. Isto é o que está ocorrendo na actualidade co grao en Dereito, cuxo proceso de verificación está en tramitación para comezar a impartirse xa no vindeiro curso. As tres universidades públicas opuxéronse a este grao, e tiveron que acceder ao expediente de autorización pola vía de transparencia. A Xunta negouse a permitir o acceso, alegando a confidencialidade da documentación. Mais se un acode á publicidade do grao da propia páxina da UIE, verá que o programa deste grao contén máis materias non xurídicas que xurídicas, o cal non foi un atranco para que a secretaría xeral de universidades dera o seu informe favorable.  

A tramitación do Real Decreto supuxo xa unha xerra de auga fría sobre CESUGA, o proxecto educativo que mostrou a súa intención de lograr o seu recoñecemento como segunda universidade privada galega. 

Esta atitude de cooperación necesaria do goberno galego no despregue da universidade privada pon de manifesto que, de cara ao futuro, o maior desafío será lograr que a Xunta, encargada de tutelar o cumprimento do futuro Real Decreto, exerza correctamente as súas potestades e obrigas de control do sector universitario privado, sen colocarse do lado da universidade privada polas súas evidentes complicidades ideolóxicas e de intereses. A alta inspección educativa do Estado, garante último do sistema (art. 71.4 da Lei 6/2013), terá que estar moi atenta, porque levamos 12 anos de aplicación da Lei 6/2013 sen que a Xunta dotase persoal especializado para a inspección das universidades. Algo que non deixa de ser marca da casa dun goberno especializado en incumprir ou inaplicar o que publica no Diario Oficial de Galicia.  

En todo caso, e de entrada, a tramitación deste Real Decreto supuxo xa unha xerra de auga fría sobre CESUGA, o proxecto educativo que mostrou a súa intención de lograr o seu recoñecemento como segunda universidade privada galega, e que agora deberá reconfigurar a súa estratexia á vista das novas regras de xogo.