As tensións no mercado da vivenda (pouca oferta e prezos disparados), no mercado eléctrico (chegando a un apagamento de varias horas) e no mercado financeiro (abuso de posición dominante) están a danar as rendas e benestar de moitos cidadáns, ao tempo que supoñen grandes beneficios para uns poucos. Por iso considero sintomático de como andamos de desnortados -e abducidos polo neoliberalismo- peneirar na recente Memoria Anual do Consello Económico e Social de España (2024) a presenza ou ausencia dunha alternativa pública a eses tres asuntos centrais na vida dos cidadáns.
Empezarei polo seu Resumo Executivo (de case 40 páxinas) na procura dalgúns conceptos que considero chave. Así, o concepto “público” utilízase unhas vinte veces pero nunca en relación á vivenda pública, a empresas públicas da electricidade ou ao bancario. Si se fai, por exemplo, para o caso das universidades públicas e para o das administracións públicas.
No xigantesco problema da vivenda de alugueiro, por vez de falar dun parque público de vivenda utilízase o máis difuso concepto de vivenda social na súa páxina 21.
No caso da electricidade despois das turbulencias nos prezos e do recente grande apagamento, e malia que existen empresas públicas de primeiro orde na electricidade en Alemaña (Uniper), Austria (Verbund, EVN), Francia (EDF, Engie), Italia (Enel), Noruega (Equinor, Statkraft), Suecia (Vattenfall), Finlandia (Fortum) e Dinamarca (Orsted), nada nesta liña atopamos neste documento de resumo (nin nas páxinas 84-87 da versión completa). Só unha referencia ao bono eléctrico na páxina 23 para ver de paliar un galopante progreso da pobreza enerxética. Pois estamos duplicando xa a incapacidade para manter a vivenda a unha temperatura axeitada respecto da media europea.

Fonte: (Memoria Anual do CES (páxina 396) [ampliar gráfico]
Só sobre a vivenda, se ben non se fala dun parque público para alugueiro, si se fala de “titularidade pública en alugueiro” con algún detalle na páxina 390. Así, o parque de vivendas sociais en España sitúase arredor de 596.693 unidades, das que 318.000 son de propiedade pública en alugueiro. Unha cifra que apenas abrangue o 3,3 % das vivendas principais, unha proporción que contrasta coa superior ao 15 % nalgúns dos principais países europeos[1] (Países Baixos, Austria, Dinamarca, Francia ou Suecia), e dunha media do 8 % na UE. Polo tanto, España tería que aumentar o seu parque de vivendas públicas de alugueiro en 4,7 puntos porcentuais. O que implica que para achegar as súas cifras á media europea España tería que construír arredor de 850.000 vivendas de propiedade pública en alugueiro. Pero de momento só se fala de engadir 180.000 a ese parque público.
Algo é algo. Porque no caso dos bancos e das eléctricas, a menor concentración nun caso e a presenza de empresas públicas no outro, nada se propón na axenda política para acercarnos á media europea.
[1] Observatorio de Vivienda y Suelo. Boletín Especial Vivienda Social 2024 (xaneiro 2025).









