A inmigración como chibo expiatorio

O ascenso das extremas dereitas en practicamente todo Occidente está provocando, entre outros asuntos, que a inmigración se sitúe no foco do debate político pero, no maioría dos casos, cun enfoque tal que sinala a inmigración como un chibo expiatorio dos males occidentais. Así os inmigrantes pasan por seren os grandes responsables do desemprego, a precariedade laboral e os baixos salarios, o empobrecemento dos estados de benestar, a inseguridade cidadá… Andrómenas que levantadas polas extremas dereitas acaban sendo asumidas por practicamente tódolos partidos políticos tanto de dereitas como de esquerdas, aínda que ningunha teña unha base obxectiva.

Se as políticas neoliberais provocan un deterioro do mercado laboral, as elites políticas responsables buscan desvia-lo foco e, contra todas as evidencias, culpar a inmigración de abarata-los salarios e roubar empregos. A xustificación desta andrómena é que como os inmigrantes están dispostos a traballar máis duro e por menos diñeiros están turrando á baixa os salarios e incrementado a inseguridade laboral. As evidencias din todo o contrario, que os inmigrantes cobren traballos que non queren os nativos, colaborando así a que medre o emprego, e que a perda de peso dos salarios na riqueza nacional vén de moito atrás a pesar de terse incrementado a produtividade. Tódolos estudos feitos ao respecto confirman que o impacto da inmigración nos salarios é mínimo, cando non é positivo.

Á inmigración tamén se lle culpa de deterioralo estado de benestar, pois os inmigrantes desprázanse buscando beneficiarse dos servizos públicos que non teñen nos seus países de orixe. Outra andrómena que, por caso, se pon facilmente en evidencia se miramos en dúas direccións: Estados Unidos e a Unión Europea. Resulta que o estado que recibe máis inmigrantes son os Estados Unidos, que precisamente é un dos que ten un estado de benestar mais deficitario. Na Unión Europea, a pesar da recesión económica e da apertura de fronteiras a nivel interno, non tivo lugar un desprazamento (inmigración) de cidadáns dos estados máis deficitarios a nivel de benestar a aqueles con maior nivel de desenvolvemento do mesmo.

Non menos responsabilidade se lle atribúe á inmigración no suposto crecemento da violencia: “os inmigrantes traen drogas, son delincuentes e violadores”. Un discurso propagado polas extremas dereitas que desgraciadamente é asumido por un número crecente de partidos políticos, medios de difusión e cidadáns que chegan a aceptar que a “particular forma de vivir” dos inmigrantes xera violencia e inseguridade. A evidencia é que os informes xudiciais dan conta dunha realidade moi distinta, como que a poboación inmigrante tende a cometer menos delitos que a poboación autóctona, algo que se confirma ao estudar a poboación reclusa. O mesmo sucede cos barrios nas grandes cidades: non está comprobado que sexan máis violentos, con frecuencia sucede todo o contrario, aqueles nos que viven máis poboación inmigrante son menos violentos.

O que realmente está sucedendo é que as elites políticas e os seus aliados mediáticos e xudiciais están buscando, e conseguindo, desvia-la atención sobre as reais causas dos problemas actuais que derivan das políticas neoliberais á inmigración, que converten no chibo expiatorio dos males das sociedades occidentais. Males que xa veñen de atrás e que derivan do propio sistema. Para desgraza destas sociedades, unha maioría crecente de cidadáns rematan adoptando ese discurso xenófobo e racista.

Finalmente, e en relación ao fenómeno migratorio, subliñar que non é verdade que esteamos asistindo a nivel mundial a unha implosión de emigración, porque o que realmente está sucedendo é que mudaron as orixes e os destinos pero seguramente haxa, a nivel global, menos poboación que emigre.