A encrucillada da xestión dos menores migrantes na Galiza

O concepto de mena nace no ano 1997 da man do Consello da Unión Europea para definir a todos aqueles menores que, procedentes de países terceiros, cruzaban sós as fronteiras ou quedaban sen adultos que exercesen as funcións de garda ou tutela unha vez dentro da UE. Un concepto técnico que agora, 28 anos despois, se pon en dubida polo significado negativo adquirido polo seu uso por parte da ultradereita. Algunhas ONGs, como Save the Children, apostan por “Nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados” (NNAMNA), e a Xunta usa ese acrónimo nalgúns informes dende 2021.

A experiencia xeral do territorio galego na xestión destes NNAMNA até o presente foi positiva. Isto  derívase de factores clave como:

  1. Os rapaces chegan en pequenas cantidades, e o sistema de protección de menores pode facerse cargo dos mesmos nos centros de acollida do territorio, acompañados de mozas e mozos naturais dos concellos galegos. Isto evita a creación de guetos e os NNAMNA gozan de grupos de pares que até a data socializaron no noso contexto cultural.
  2. O traballo educativo e social feito dende os centros, que aproveitando os recursos do territorio conseguiron que estes rapaces gozasen de cidadanía plena. Estes rapaces acoden aos nosos centros escolares, forman parte dos equipos deportivos, realizan voluntariado, etc. No mesmo nivel que calquera rapaz promedio. Os equipos educativos marcan un Proxecto Educativo Individualizado (PEI), que guiarán as accións educativas cara o maior éxito posible.
  3. Os rapaces coñecen casos de éxitos vitais anteriores, tendo motivación de cara a obter un título profesional e un traballo o antes posible. Neste caso o Programa Mentor permítelles prologar a protección por parte da Xunta un tempo, mentres acadan a maior autonomía posible.
  4. Até a data os centros de menores de Galiza pretenden simular no máximo posible as condicións dun fogar familiar, e, salvo aquelas instalacións grandes (como poden ser o Príncipe Felipe en Pontevedra ou o Santo Anxo en Rábade) son vivendas familiares que se atopan integradas nas cidades sen ningún tipo de indicación da función das mesmas (isto é, que podedes vivir ao lado dun centro sen sabelo).

Os centros de acollida nos que só se atende a persoas migrantes teñen o efecto contrario:

  1. Os exemplos de experiencias vitais salientan os elementos negativos, sendo máis difícil a integración no territorio.
  2. Rómpese o anonimato dos centros, pasando a ser elementos mediáticos.
  3. O persoal educativo tende a estar máis “queimado” co seu traballo. Se a esta realidade lle sumamos a xestión privada dos centros, o resultado é a existencia de equipos cuxa composición se atopa sometida a frecuentes cambios.

O maior exemplo mediatico témolo no caso de Hortaleza en Madrid, onde se deron dende persecucións aos rapaces por parte de grupos de ultradereita, agresións e roubos por parte dos rapaces residentes nos centros, acusacións de violacións, manifestacións continuas en contra do centro…

O goberno central pretende enviar a 317 menores NNAMNA á nosa comunidade autónoma. Esta cantidade non pode ser absorbida polo sistema de protección actual, e polo tanto o executivo vese cunha única solución posible: a creación dun centro específico para este colectivo.

Ningunha destas solucións é óptima, pero é necesario dar unha atención con urxencia a estas persoas.

É un feito obxectivo que non temos ningún recurso socioeducativo construído e operativo para albergar estes rapaces. Neste caso, sabemos que o primeiro espazo ao que a Xunta apuntou foi a Monforte, concretamente a entidade PRODEME. Unha asociación que se centra no traballo con persoas con Discapacidade Intelectual, e que entre os seus obxectivos a día de hoxe non tiña a atención de persoas migrantes. Quero supoñer que se pensou nela polo aproveitamento de recursos cos que xa contaba e non estaban a ser utilizados. Outra posible resposta de emerxencia puido ser a mesma á que se recorreu no caso dos refuxiados: contratar a ONGs e espazos hostaleiros para facer fronte á necesidade de atención básica. Ningunha destas solucións é óptima, pero é necesario dar unha atención con urxencia a estas persoas.

Agora mesmo atópamonos nun punto de inflexión en canto á atención de NNAMNA. Probablemente non se trate dun momento puntual, e estas persoas sigan chegando nas mesmas cantidades ou máis ao Estado Español. Como sociedade galega non podemos aceptar estes feitos con resignación e ignorar o caldo de cultivo que poden ser de cara á conflictividade (tanto por parte dos rapaces como por parte de grupúsculos sociais de ultradereita que realicen actos como o ataque dos cócteis molotov que sufriu o centro). Debemos esixir un novo modelo cun orzamento axeitado. Un modelo que mire ao éxito das pasadas décadas e o manteña: darlles a estes rapaces formación, emprego e unha perspectiva de futuro.

O autor é Educador Social.