Hai unha década chegouse a un acordo entre as tres universidades galegas e as Consellerías de Sanidade e de Educación, polo que as universidades de Vigo e A Coruña renunciaban ás crear as súas propias facultades de Medicina.
Este consenso estivo en perigo por dous motivos:
1. O Claustro da Universidade da Coruña acordou crear unha nova Facultade de Medicina, alegando a necesidade de máis persoal médico para combater a falta do mesmo no Sistema Sanitario Galego.
A Consellería de Sanidade alcanzou un novo acordo para descentralizar os estudos de cara a Vigo e A Coruña. Cando parecía alcanzarse o acordo, a Xunta de Facultade da Universidade de Santiago quixo rompelo, probablemente pola oposición dos catedráticos que non querían perder o monopolio da formación de novo persoal médico e o financiamento vinculado ao mesmo (investigación e outras actividades) coa creación de novas facultades.
Ao mesmo tempo, a Universidade e o Concello de Vigo reivindicaron a creación da súa propia facultade, ao igual que Lugo (e probablemente Ourense), presionando tamén á Consellería de Sanidade para romper o acordo, que finalmente foi aceptado polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago. Con todo, é máis que probable que o tema non quede pechado definitivamente.
2. Un segundo risco é que as grandes multinacionais, fondos de investimento, industria farmacéutica… pretenden tamén abrir unha Facultade de Medicina na Coruña.
Esta é unha titulación con moitísimas solicitudes, moi atractiva para o sector privado polo seu potencial de xerar ingresos. O número de facultades privadas creceu moito en España nos últimos anos (Universidade de Navarra, Universidade CEU San Pablo en Madrid, Universidade Internacional de Cataluña en Barcelona, Universidade Francisco de Vitoria en Madrid ou a Universidade Católica de Valencia).
As familias con alto poder adquisitivo ven nas Facultades de Medicina privadas a posibilidade de que os seus fillos, especialmente os homes, poidan acceder aos estudos de medicina (de gran prestixio social e posibilidades profesionais) ao non alcanzar as notas de corte esixidas para acceder na universidade pública (que superan os 13 puntos, mentres que as superan o 70% das matriculacións en medicina). O custo anual desta carreira nas Universidades Públicas está entre 800 € e 1.300 € anuais, dependendo da Comunidade Autónoma, mentres que nas privadas se sitúa entre os 10.000 € e 24.000 € por ano.
Ademais da desigualdade e a inxustiza que xera a privatización dos estudos de medicina, queda clara a falsidade do principio de esforzo para superar obstáculos e alcanzar metas, o desenvolvemento persoal e a consecución de obxectivos significativos. O que prima é o principio da capacidade económica familiar.
Outro risco para o Sistema Sanitario Público é que facultades de medicina privadas están orientadas a formar profesionais imbuídos de ideoloxía neoliberal e, particularmente, das vantaxes da privatización.
Son necesarias máis facultades para superar a pretendida falta de médicos?
A media da UE é de 4,1 a 4,2 médicos por cada 1.000 habitantes, España a supera con 4.3-4.5 por 1.000 h, situándose nos primeiros postos da UE. O problema é que están mal distribuídos como o demostra que a taxa de médicos de familia sexa de 0,8 por cada 1.000 habitantes, mentres que a dos hospitalarios estea ao redor de 1,93. A OMS recomenda un cociente de 1 médico por cada 1.000 habitantes. Crear novas facultades de medicina supoñería crear parados a medio longo prazo.
Nesta batalla, non acabada, por construír novas Facultades de Medicina mestúranse intereses científicos, políticos, educativos e localistas, moi afastados das necesidades reais do Sistema Sanitario.





