A débeda de Ucraína: un instrumento de presión e expolio

| As claves, Global

A débeda pública interna e externa de Ucrania aumentou un 60% entre principios de 2022 e finais de novembro de 2024. Ascendía a pouco menos de 100 mil millóns de dólares antes da invasión e alcanzou case 160 mil millóns a finais de 2024, incluídos 45 mil millóns de débeda pública interna. Os acredores cos que a débeda ucraína aumentou máis están nesta orde: a Unión Europea, o Banco Mundial e mais o FMI.

A morea de débedas acumuladas en dous anos coa Unión Europea

A débeda de Ucraína coa Unión Europea multiplicouse por máis de 8. Pasou de 5 mil millóns a principios de 2022 a 43 mil millóns de dólares. E se a isto engadimos a débeda de Ucraína co Banco Europeo de Investimentos (BEI) e o Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (BERD), son 47 mil millóns.

A axuda financeira da Unión Europea realízase en forma de préstamos e non en forma de doazóns.

Este é un primeiro punto a destacar: a axuda financeira da Unión Europea realízase en forma de préstamos e non en forma de doazóns. Como resultado, a UE acumula débedas que non deixan de aumentar, o que lle dá un importante poder de presión sobre as autoridades de Kiev. A política crediticia da UE é perversa: os pagamentos non comezarán até dentro de varios anos. En troco de créditos, a UE esixe a Ucraína que adapte a súa lexislación aos requisitos dos tratados europeos, todos os cales favorecen o sector privado, a apertura dos contratos públicos á competencia privada… As grandes empresas privadas europeas cobizan os beneficios que poden obter da integración de Ucraína no gran mercado europeo cando se atope nunha situación de gran debilidade e haxa contratos moi importantes para a reconstrución.

A débeda de Ucraína antes da invasión rusa

Cando Ucraína se independizou logo da disolución da Unión Soviética, non tiña débedas. Foi sobre todo a partir de 1994 cando Ucraína comezou a endebedarse, especialmente co FMI e o Banco Mundial. Nos últimos 30 anos Ucraína asinou 14 acordos de préstamo co FMI. Con cada acordo, o FMI esixiu a profundización das políticas neoliberais que tiveron efectos prexudiciais nas condicións de vida da poboación, cunha degradación dos servizos públicos, privatizacións, unha redución dos salarios reais e das axudas sociais… En Ucraína, do mesmo xeito que noutros países de Europa do Leste, aplicáronse unha sucesión de terapias de choque que foron utilizadas por oligarcas locais e empresas estranxeiras para enriquecerse. A corrupción adquiriu proporcións moi graves.

No caso de Ucraína, pódese identificar facilmente o papel desempeñado polos créditos do FMI e do BM, xa que Ucraína non tiña débeda externa antes da súa entrada neste xogo. De 1994 a 1999, co fin de convencer ás autoridades ucraínas de levaren a cabo a política desexada polo dúo FMI – Banco Mundial, as dúas institucións concederon importantes créditos pospondo o inicio das devolucións, que só representaron realmente un peso para o orzamento do Estado a partir de 2000. Pola contra, a partir dese momento, Ucraína tivo que facer un gran esforzo de restitución.

Foi sobre todo a partir de 1994 cando Ucraína comezou a endebedarse, especialmente co FMI e o Banco Mundial.

Entre 2000 e 2007, Ucraína devolveu 4 mil millóns de dólares, mentres que só recibiu 700 millóns en novos créditos. Tras o estourido da gran crise financeira do Atlántico Norte en 2007-2008 e as súas depresivas consecuencias para a economía mundial, Ucraína recibiu unha quenda de novos créditos até 2011. Unha vez máis, os pagamentos da devolución pospuxéronse. Entre 2008 e 2010, recibiu 14.300 millóns de dólares de novos créditos do FMI e só pagou de volta 800 millóns de dólares. Pero a partir de 2011, o FMI e o BM esixiron enormes devolucións (10 mil millóns de dólares de retorno en 3 anos entre 2011 e 2013). Para poder realizar os pagamentos solicitados, as autoridades reduciron un pouco máis o gasto social, tamén tomaron prestado de Rusia e todo isto provocou un gran descontento social alimentando os diversos factores que provocaron as grandes protestas populares na praza Maidan en Kiev en febreiro de 2014.

Protestas do Euromaidán en Kíiv. CC- Ввласенко.

As protestas levaron ao derrocamento de Viktor Yanukóvitch, un presidente prorruso. O conflito envelenouse entón entre Ucraína e a Rusia de Putin, que en marzo de 2014 anexionou Crimea. Despois diso, o FMI e o BM volven conceder importantes cantidades aos novos gobernantes prooccidentais de Ucraína e leva a cabo unha nova dose de privatizacións. A partir de finais de 2015, Ucraína detén o pagamento da súa débeda con Rusia (ver o que escribín respecto diso en 2022). O FMI presta 11 mil millóns en 2 anos, a débeda de Ucraína con el multiplícase por 2, o que aumenta de novo a capacidade de presión deste acredor sobre as autoridades de Kiev, que deben facer grandes esforzos de devolución entre 2017 e 2021.

Á parte da Unión Europea, cales son os demais acredores?

A débeda de Ucraína co Banco Mundial máis que se triplicou, pasando de 6.200 millóns a 20 mil millóns de dólares estadounidenses.

A débeda de Ucraína co FMI entre principios de 2022 e finais de novembro de 2024 aumentou de 14 a 17.600 millóns de dólares. É importante destacar que tanto o FMI como o Banco Mundial están a recibir as devolucións a pesar da guerra. Ademais, o FMI cobra tipos de xuro abusivos de ata o 8%.

Tanto o FMI como o Banco Mundial están a recibir as devolucións a pesar da guerra.

Ucraína devolveu 2.400 millóns de dólares ao FMI en 2022, 3.400 millóns de dólares en 2023 e 3.100 millóns en 2024. Así que case 9 mil millóns de devolucións recibidas á conta das e os ucraínos polo FMI en tres anos de guerra!

Poderíase engadir Canadá, con quen Ucraína non tiña ningunha débeda antes de 2022, cando a finais de 2024 ascendía a 5.250 millóns de dólares estadounidenses.

A débeda con Estados Unidos é nula porque Washington prefire doar a Ucraína que prestarlle diñeiro. Con todo, debido a que Washington domina a política do FMI e do Banco Mundial, Estados Unidos pode exercer a presión que desexe. De todos os xeitos, Ucraína depende tanto das armas de Estados Unidos que Washington pode influír na política do goberno de Zelenski na dirección que desexe.

A débeda con Rusia está en suspensión desde 2015, non cambiou e ascende a 600 millóns de dólares.

As débedas públicas externas de Ucraína debidas aos acredores privados

A débeda de Ucraína debida aos mercados financeiros en forma de valores soberanos adquiridos por fondos de investimento como BlackRock ou grandes bancos diminuíu un pouco de 20 mil millóns a 18.200 millóns de dólares. Por tanto, o stock reduciuse un pouco, pero a posición dos acredores consolidouse grazas á reestruturación da débeda que tivo lugar no segundo semestre de 2024.

Os acredores privados aceptaron trocar os títulos antigos que estaban, desde xullo de 2022, en suspensión de pagamento, por outros novos que son de menor valor pero que producirán tipos de xuro moi atractivos, porque son máis altos cós antigos. Ao final, os acredores privados saen vitoriosos da negociación porque antes dela os valores ucraínos perderan o 70% do seu valor. Revendíanse no mercado secundario da débeda ao 30% do seu valor inicial.

 A débeda pública externa de Ucraína ascende a case 115 mil millóns de dólares

Desde o inicio da invasión de Ucraína en febreiro de 2022, a débeda pública externa máis que se duplicou, pasando de 56 mil millóns de dólares a 115 mil millóns de dólares.

A débeda pública externa de Ucraína, que ascende a pouco máis de 115 mil millóns de dólares, distribúese da seguinte maneira: algo menos de 50 mil millóns de dólares debidos á UE, 20.000 millóns de dólares debidos ao Banco Mundial, 18 mil millóns de dólares debidos ao FMI, 5.200 millóns de dólares debidos a Canadá, mil millóns de dólares debidos a Xapón, 20.000 millóns de dólares debidos a acredores privados nos mercados financeiros.

En porcentaxe: no que respecta á débeda pública externa ucraína, á UE correspóndelle o 44%, o Banco Mundial e o FMI representan xuntos preto do 33%, Canadá e Xapón respectivamente 4% e 1%, os acredores privados estranxeiros (que posúen principalmente valores soberanos ucraínos reestruturados en setembro de 2024) arredor do 18%.

A Unión Europea, o Banco Mundial e o FMI son os principais acredores, cal é a consecuencia?

O goberno ucraíno aceptou, en troco dos créditos concedidos pola Unión Europea, o FMI e o Banco Mundial, 325 condicionalidades e recomendacións.

Como indica o Ministerio de Finanzas de Ucraína no seu sitio web, as 325 condicionalidades e recomendacións recompílanse nunha lista de reformas e medidas que Ucraína se comprometeu a tomar para recibir apoio financeiro dos socios internacionais. 

Para os acredores trátase de profundar na aplicación das políticas neoliberais aplicadas desde hai máis de 30 anos.

Para seguir a aplicación destas condicionalidades e recomendacións, adoptáronse 531 indicadores. Se Ucraína non respecta o calendario e a lista de reformas, os socios, e en primeiro lugar o Banco Mundial, o FMI e a Unión Europea, poden suspender ou pospor a concesión dos préstamos que o país necesita. Este tres institucións verifican constantemente a aplicación e a profundización das políticas neoliberais que esixen e que apoia o goberno neoliberal de Zelenski.

Se Ucraína non respecta o calendario e a lista de reformas, os socios poden suspender ou pospor a concesión dos préstamos que o país necesita.

O mencionado “plan ucraíno” que se refire ao período 2024-2027 rexístrase nun documento de 331 páxinas. Foi elaborado pola Comisión Europea. A aplicación do plan, que contén unha multitude de medidas que o goberno se comprometeu a implementar, contrólase constantemente. Como di a Comisión Europea:

“A axuda está supeditada ao cumprimento de requisitos relacionados con elementos esenciais como:
-A estabilidade macrofinanciera, a supervisión orzamentaria e a xestión das finanzas públicas.
-As reformas sectoriais e estruturais e os investimentos (necesarias para a adhesión á UE)”.
Fonte.

O goberno tivo que designar un coordinador que é o interlocutor da Comisión Europea e que ten importantes poderes para facer cumprir o calendario previsto no plan.

“A autoridade responsable da aplicación efectiva do plan ucraíno é o coordinador nacional (coordinador). O coordinador actúa como punto de contacto único para a Comisión Europea no que respecta ao seguimento (…)”.
“O coordinador supervisará a aplicación do plan mensualmente para avaliar os progresos realizados.
O goberno aprobará un procedemento de seguimento da aplicación do plan (procedemento), que será obrigatorio
para todas as autoridades implicadas na aplicación do plan”.

 Nunca se dirá dabondo que non hai que difundir ilusións sobre o que representa o proceso de integración de Ucraína na UE

Lembremos que nos tratados europeos, que son vinculantes, non figuran o respecto e a promoción dos dereitos sociais. Foron conquistados con grandes loitas no marco nacional e non se atopan nos tratados europeos que, pola contra, fomentan a competencia das clases traballadoras dos distintos países membros da Unión. Dentro da UE, por dar só dous exemplos: o salario mínimo legal é de 477 euros ao mes (bruto) en Bulgaria, mentres que alcanza os 2.571 euros en Luxemburgo, isto é, 5 veces máis.

As obrigacións impostas polos tratados europeos refírense á apertura dos mercados nacionais á competencia ilimitada, o acceso dos servizos públicos á iniciativa privada, a liberalización do mercado da enerxía, a limitación do déficit das finanzas públicas, a relación débeda pública/PIB… Non hai obrigas en materia de protección social, de salario mínimo legal, ningunha obriga ou converxencia en materia fiscal (o que permite aos paraísos fiscais dentro da UE aproveitaren os tipos impositivos moi baixos sobre os beneficios como é o caso, por exemplo, de Irlanda ou o GD de Luxemburgo, por nomear algúns), ningunha forte obrigación ambiental, ningunha protección do patrimonio público…

Gran parte da poboación ucraína ten moitas esperanzas en canto á perspectiva de integración na UE, que se presenta como unha garantía de mellora das súas condicións de vida, salarios, dereitos sociais, loita contra a corrupción… É unha gran ilusión e mistificación.

En nome da perspectiva da integración europea privatizarase aínda máis en Ucraína, en particular a empresa pública de produción e distribución de enerxía. Tamén se venderán aínda máis terras de cultivo á agroindustria estranxeira.

En relación coa advertencia contida anteriormente, persoas da esquerda responden que, en calquera caso, o goberno ucraíno é neoliberal e que mesmo sen a UE tentaría levar a cabo as políticas desexadas por ela.

Certamente, o goberno actual é neoliberal, pero os acordos coa UE para a integración engaden medios de presión en mans de quen queren profundar cada vez máis nas políticas neoliberais. Ucraína asina memorandos coa UE que teñen valor de tratados internacionais e a UE atópase nunha posición de forza porque é o acredor de Ucraína. E serao cada vez máis porque as novas devolucións de créditos aumentarán aínda máis o stock de débedas debidas por Ucraína á UE. Supoñamos que un día, en futuras eleccións, as forzas de esquerda accedan ao goberno: enfrontaranse ás limitacións aceptadas polo goberno anterior. A marxe de manobra para romper coas políticas neoliberais será moi limitada, terá que entrar en conflito directo coa UE e desobedecer os tratados. Lembremos tamén que todos os créditos concedidos polo FMI e o Banco Mundial concédense a condición de que Ucraína continúe coas (contra)reformas necesarias para a integración de Ucraína na UE.

__

Artigo orixinal dispoñible na web en castelán do Comité para la Abolición de las Deudas Ilegítimas. Cedido polo autor para versión en galego.