A crise de Ceuta: necesidades de España e responsabilidades de Marrocos

| As claves, Global

En Agosto de 2026 España está a sufrir unha das súas maiores crises de fronteiras. En tan só dous días, tivo que xestionar a chegada de entre 50.000 e 60.000 persoas a Ceuta, facendo imposible o control fronteirizo. A imaxe é forte nos medios e serve de arma contra o goberno de Pedro Sánchez.

A dereita usa termos como “invasión” e “guerra hibrida”, mentres carga contra o goberno acusándoo de non ser capaz de salvagardar as fronteiras. Mentres, grupos ultras como Núcleo Nacional desprazáronse para exercer violencia sobre os migrantes, pero foron expulsados polos veciños a berros de “Nazis non, Ceuta si”.

O que está claro é que é un problema de relacións internacionais con Marrocos. Cada vez que España toma unha decisión contraria aos seus desexos, este xera unha crise de fronteiras como método de presión. O exemplo máis claro foi en 2021, cando tras prestar atención médica ao líder polisario Brahim Gali, nun só día cruzaron dez mil persoas.

Sexa como for o Estado Español debería ter unha resposta ante este tipo de crises. Por un lado a condena ante o uso da poboación civil para a presión política (recordemos que se está a organizar un mundial entre ambos países). Pero por outro contar con dispositivos de emerxencia que poidan facer fronte a estas problemáticas, pois o cinco de agosto xa se dataran 145 mortos na tentativa de cruzar a fronteira.

As ONGs “No name kitchen” e “Asociación Eilin” quéixanse das condicións nas que se ven estas persoas migrantes. Dende a falta de acceso a auga e alimentación, pasando polo uso excesivo da forza para a identificación e a devolución en quente.

Os servizos dos xulgados vense sobrepasados á hora de identificar que cidadáns marroquís son menores. As cifras van medrando, e o goberno de Ceuta apunta a necesidade de repartir entre as comunidades autónomas un total de 862 menores. Algo similar aconteceu en 2025, cando as Illas Canarias tiveron que xestionar 2500, mentres as comunidades autónomas se negaban a acollelos. Nesas datas púñase o debate enriba da mesa: existen poucas prazas nos centros, a maioría están privatizados, as condicións de traballo son precarias e é difícil non crear guetos.

Se todos os veráns temos situación similares, por que non temos un sistema de resposta rápida para lle facer fronte? No 2005 fundouse a UME como unha rama do exercito para facer fronte de xeito áxil a grandes incendios, riadas, riscos químicos etc. Pese a que as crises migratorias son cada vez máis presentes, non se engadiu a atención humanitaria como unha das súas competencias.

Non debería ser o exército o encargado desta atención rápida, pero si que é cousa do Estado. Deixar nas mans das ONGs, e polo tanto na iniciativa privada, a atención inmediata é unha neglixencia.