A corrosión meritocrática

Tanto no Congreso dos Deputados como nos Parlamentos Autonómicos ten aumentado a porcentaxe de deputados que manifestan ter un título universitario do setenta por cento a máis do noventa por cento nas últimas décadas [1], (BAPOLDATA 2022), cifra a que tamén está próxima o Parlamento de Galicia (87%).

Este impresionante nivel final —e a súa progresión— confirma a intensa presión meritocrática baixo a que se recrutan os nosos representantes políticos. Esta mar de fondo, aínda que non o xustificaría, explicaría en parte por que algúns deles vimos de saber que declaran títulos que non teñen. Para non perder reputación nunha meritocracia aparentemente tan selecta.

Estas porcentaxes son particularmente rechamantes se se comparan coas dos titulados universitarios no conxunto da poboación activa española. Pois segundo o INE (Instituto Nacional de Estatística), só o 44 % da poboación activa ten actualmente estudos superiores no conxunto de España. Dedúcese que, polo tanto, o 56 % restante da poboación contaría cunha porcentaxe como máximo do 10 % dos parlamentarios.

Fonte: elaboración propia con datos  INE e ANDULI

Fonte: elaboración propia con datos INE e ANDULI [Ampliar]

Considero, polo tanto, moi sensata a reflexión da nosa vicepresidenta Yolanda Díaz, que diante dos casos recorrentes de falsos titulados universitarios entre os nosos cargos políticos, destacou o feito de que quizais o problema máis grave non sexa ese, senón a ridícula porcentaxe deles que veñen de profesións como condutoras, limpadoras, labregas ou dependentas.

Porque se estas, e outras profesións que non requiren títulos universitarios, estivesen proporcionalmente representadas nas nosas institucións, é moi probable que esta xeira de falsos titulados universitarios (deputados e cargos públicos variados postos a dedo) relaxase as súas pretensións de facerse pasar por algo que non son.

Fariña doutro muíño son as pretensións daqueles que si teñen un título universitario (ou varios) e daquela se consideran suficientemente cualificados, e moi merecido, o acceder mellor que outros a estas carreiras políticas e máis alá.

Michael Sandel leva anos traballando extensamente sobre estes delirios para axudarnos a comprender como e porqué unha grande parte da esquerda se converteu en crente da meritocracia (os da dereita sempre se consideraron este dominio exclusivo debido aos seus méritos de nacemento), abandonando a unha boa parte daquel 56 % da poboación á condición de subordinados, mesmo pola súa indolencia e falta de esforzo. Fracasados.

Sandel explica moi ben como, neste ambiente, os Trump (e todos os seus seguidores por Europa adiante e máis aló) prometen a esta xente común unha revolución contra os “progresistas universitarios” (a esquerda “brahmánica” de Piketty) que os miran por riba do ombreiro, e os teñen entregado ao destino dun comercio global no que son perdedores.

[1] Cito por: Benítez, Andrés y Carrasco, Beatriz (2023). Evolución del Perfil de los Políticos Andaluces en 40 años de Autonomía Regional (1982-2022). ANDULI. Revista Andaluza de Ciencias Sociales, (24), 103-121. https://doi.org/10.12795/anduli.2023.i24.05