A compra do Banco Sabadell polo BBVA: a gran banca gaña outra vez

A interferencia da Comisión Europea a prol das intencións do BBVA pon en evidencia varios feitos relevantes. O primeiro, que non parece que as autoridades europeas aprenderan nada das recorrentes crises bancarias, algunha das cales provocou unha crise económica xeral como foi o caso da de 2007-2008. O segundo, que esta decisión vai claramente en contra do interese xeral, polo que cabería preguntarse que intereses defende realmente a Comisión Europea.

Unha das leccións que nos deixou a crise bancaria foi os enormes riscos que para o sistema supón a existencia de megabancos. Estes, conscientes do seu enorme poder, asumen riscos excesivos, suicidas -elevado apalancamento, enormes sumas de activos tóxicos, preferencia polas prácticas especulativas… que derivan en grandes burbullas financeiras que, como é natural, rematan estourando e poñendo ao descuberto unha situación bancaria crítica -problemas de liquidez-. Unha situación que pola dimensión destes megabancos –too big to fall–  afecta a todo o sistema forzando aos gobernos, grazas ao seu enorme poder, a saír no seu rescate empregando cantidades moi elevadas de fondos públicos que se retiran doutros programas -servizos de benestar, emprego, medio ambiente…-. En base a estas experiencias resultaría lóxico esperar que as autoridades públicas -como neste caso a Comisión Europea- impediran unha repetición deste tipo de operacións de concentración bancaria privada.

A experiencia tamén nos ensina que estas concentracións bancarias prexudican aos clientes -familias, pequenas e medianas empresas… – pois traen aparelladas unha notable redución de oficinas e de empregados e unha suba das comisións, o que dificulta o acceso ao crédito por parte de aqueles axentes e, xa que logo, o normal funcionamento da economía.

Velaí dúas razóns de peso para poder afirmar que a OPA do BBVA sobre o Banco Sabadell vai en contra do interese da maioría dos cidadáns e tamén da economía. O mesmo se pode dicir sobre a seguridade do sistema bancario. Tamén sorprende que quen afirma defender a libre competencia dos mercados -Comisión Europea, BCE, Comisión Nacional de Valores, Banco de España- avalen este tipo de operacións que claramente reducen a competencia bancaria, favorecen o auxe dos oligopolios e incrementan a posibilidade de riscos sistémicos na banca e, de rebote, en toda a economía.

O que tamén queda en evidencia é o enorme poder da banca en España -grazas entre outras ás portas xiratorias- que se reflicte nunha elevada concentración bancaria -tres grandes bancos controlan o mercado- moi superior á da maioría dos países da eurozona.

En base a estas evidencias cabe preguntarse: que intereses defenden realmente a Comisión Europea?, o BCE?, o Banco de España?