A caza do Fiscal Xeral

O Tribunal Supremo ordena rexistrar o despacho do Fiscal Xeral na procura dos correos sobre o noivo da señora Isabel Ayuso.

Neste días de novo volvemos ter probas contundentes de como sectores moi poderosos do poder xudicial vixían polos intereses dos políticos de dereitas. Para que eses intereses non sexan cuestionados aínda cando choquen coa legalidade, os intereses xerais e a democracia. Repasemos os feitos que nos levan a estas avaliacións.

En marzo deste ano 2024 o informativo dixital eldiario.es dábanos a información sobre unha trama de facturas falsas e empresas pantallas coas que o señor González Amador, parella da Presidenta da Comunidade de Madrid, intentaba enganar á Axencia Tributaria: unha fraude estimada en 350.951 euros. Ese mesmo medio achegaríanos outra nova que tamén daba conta de que o piso de 208 metros cadrados, valorado nun millón de euros, no que vivía a citada parella fora comprado cometendo tamén fraude fiscal. Irregularidades ás que se sumaría o posible cobro de comisións, por contratos de máscaras durante a pandemia da COVID-19, por un importe de 2 millóns de euros.

Fronte ao barullo e o lóxico escándalo, tanto pola natureza dos delitos fiscais como pola notoriedade das persoas afectadas, a señora Isabel Díaz Ayuso monta o espectáculo vitimista que acostuma nestes casos e contraataca acusando ao PSOE de estar detrás das investigacións e ao Ministerio de Facenda de crear unha trama contra ela. En medio do rifi-rafe montado pola Presidenta da Comunidade de Madrid que arrastra detrás dela ao Partido Popular, o avogado do señor González Amador proponlle á Axencia Tributaria, suponse que co beneplácito do seu defendido, un pacto de conformidade no que se recoñecen os delitos dos que se lle acusa e se acepta unha sanción económica e penal. En base a este recoñecemento a Fiscalía de Delitos Económicos interpón unha denuncia contra o señor González e os seus colaboradores polos delitos de defraudación tributaria e falsidade documental. Denuncia que se remite ao Xulgado de Instrución Decana de Madrid, quen o rexistra. Paralelamente a Fiscalía, como é preceptivo, remite a denuncia ao avogado do señor González.

Fronte ao barullo e o lóxico escándalo, tanto pola natureza dos delitos fiscais como pola notoriedade das persoas afectadas, a señora Isabel Díaz Ayuso monta o espectáculo vitimista que acostuma nestes casos.

Pero, e sen que poida sorprender aos mais informados, todo este intercambio de correos e comunicados entre as partes chega a determinados medios de información e comunicación afíns ao Partido Popular, que poñen o foco nos mesmos desvirtuando de xeito premeditado e calculado a realidade como, por caso, poñendo no facer da Fiscalía Xeral actuacións e declaracións que non se axustan á realidade dos feitos pero que serven para deteriorar a imaxe tanto daquela como dos seus membros. En defensa tanto da verdade como da honorabilidade da súa institución, o Fiscal Xeral do Estado emite un comunicado desmentindo o bulo, que era xa moi coñecido por mor da actuación deses medios, sinalando que en contra do filtrado polo entorno da Presidenta da Comunidade de Madrid, non fora a fiscalía quen ofrecera un pacto ao defraudador e presunto delincuente, o señor González Amador, senón que fora este quen pedira o pacto para non ir a xuízo. Ofrecemento que, de facto, supoñía un claro recoñecemento de ter cometido un delito fiscal.

Sucede entón que o citado señor presenta unha denuncia contra a Fiscalía Xeral, a Fiscal Xefe de Madrid e o Fiscal do caso por “ter filtrado datos persoais do señor González Amador na nota de prensa da Fiscalía”. Denuncia que como anticiparía o xefe de prensa da señora Isabel Díaz Ayuso, o señor Miguel Ángel Rodríguez, é admitida inmediatamente polo Tribunal Supremo, quen abre unha causa contra o Fiscal Xeral do Estado por “presunta revelación de secretos”. Unha acción xudicial totalmente insólita e sen precedentes.

Da análise pormenorizada dos feitos acontecidos é fácil sacar unha serie de conclusións, pero antes parece necesario facer algunhas aclaracións importantes. A primeira sexa seguramente a de sinalar que Miguel Luis Hurtado, maxistrado instrutor do caso aberto pola sala do penal do Tribunal Supremo contra o Fiscal Xeral, foi o que no seu día se negou a que actuara como testemuña Mariano Rajoy (cando era presidente do PP) no proceso pola GURTEL (rede de corrupción política vencellada ao citado partido), o que tamén discrepou da condena ao PP como participe na trama. A pregunta más lóxica é se un maxistrado con estes antecedentes agocha a credibilidade mínima necesaria para actuar en nome do Tribunal Supremo no caso que nos ocupa.

Un maxistrado que terá de explicar se esta dilixencia xudicial cumpre coas obrigadas normas de ponderación que debería seguir. Así, por exemplo, a adecuación da mesma   -se esa actuación resulta eficaz para os resultados que se buscan-, a necesidade -se non había outras formas alternativas, outros modos menos lesivos de actuación- e a proporcionalidade -se estamos diante dun caso o suficientemente grave que xustifique a vulneración de dereitos fundamentais-. Fontes xurídicas consultadas afirman que o que está fallando neste dilixencia son a necesidade -non era necesaria unha actuación desta natureza xa que hai outras alternativas-, e a proporcionalidade -os feitos non teñen a gravidade que se lle aplica pero que si están afectando aos dereitos fundamentais no ámbito dunha instrución penal: como atinadamente sinalou Javier Pérez Royo, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Sevilla: “no rexistro do despacho do Fiscal parecera que se estaba combatendo unha célula terrorista ou unha banda de narcotraficantes”-.

Cómpre tamén informar sobre as probables consecuencias negativas que poden carrexar as formas e modos que se están empregando no rexistro da Fiscalía dada a natureza de moitas das informacións aí arquivadas -causas de natureza nacional e internacional de grande relevancia e moi alto segredo- e que agora están ao alcance de policías, gardas civís e moi seguramente determinados medios de información que xa sabemos como actúan, o que pode causar danos gravísimos á seguridade do Estado e á loita contra a delincuencia e o terrorismo nacional e internacional.

Cabe tamén pensar que estas dereitas estanlle querendo pasar factura ao señor Álvaro García Ortiz, un home honesto e un maxistrado moi competente, pola actuación que no seu día tivo en relación co desastre do Prestige e coa desfeita dos grandes incendios forestais en Galiza.

Como resumo final deste despropósito xudicial pódese sacar unha serie de conclusións que considero relevantes. A primeira relativa ao enorme poder de influencia das dereitas madrileñas tal que chega ás mais altas instancias do poder xudicial como, por caso, determinadas salas do Tribunal Supremo. A segunda, que nesas salas hai maxistrados que vixían e amparan os intereses destas dereitas chegando a protagonizar, se fora preciso, feitos xudiciais como o que estamos vendo. A terceira, que esta alianza político-xudicial-mediática lle está facendo un enorme dano á democracia e á convivencia social en España. Unha alianza que parece disposta a que no poder xudicial non caiban voces discrepantes por parte de maxistrados que, en liña coa Constitución Española e as leis, poñan os dereitos e as liberdades democráticas por diante dos intereses corporativos.

Cabe tamén pensar que estas dereitas estanlle querendo pasar factura ao señor Álvaro García Ortiz, un home honesto e un maxistrado moi competente, pola actuación que no seu día tivo en relación co desastre do Prestige e coa desfeita dos grandes incendios forestais en Galiza cando, dunha forma tecnicamente impecable, desmontara as mentiras e trolas con que tanto o Goberno español como a Xunta de Galicia, ámbolos dous en mans do Partido Popular, intentaron desviar as súas responsabilidades neses casos. Unha factura que está adoptando o formato dunha cacería.