Arte e funcionariado. Ou da difícil autonomía das institucións culturais respecto das políticas 

 

O pasado 17 de marzo a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia fixo pública a convocatoria dunha praza “de libre designación” para a elección da persoa que deberá substituír na dirección do Centro de Arte Contemporáneo a Santiago Olmo, director durante os últimos dez anos. Malia o rexeitamento case unánime suscitado dentro do sector artístico, non só galego, senón estatal, con comunicados emitidos desde o departamento de Historia da Arte da USC e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra (UdV) ata a Real Academia Galega de Belas Artes, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural Galega ou a Mesa Sectorial da Arte (que integra a asociacións representativas das direccións de Museos e Centros de Arte Contemporáneo, de Galerías de arte, xestores culturais e artistas de toda España), o conselleiro de Cultura José López Campos non considerou necesario modificar nada e o día 20 de maio anunciou a resolución do concurso, ao que se presentaron nove candidaturas, facendo público o nome da persoa elixida: a artista plástica, doutora en Belas Artes e catedrática de debuxo en institutos de secundaria Eva López Tarrío. 

As protestas reiteráronse o día 22, coa irrupción de representantes do sector artístico portando pancartas co lema “SOS CGAC” na inauguración, á que asistía o propio conselleiro, da que será a derradeira exposición da etapa do CGAC dirixida por Santiago Olmo. Simultaneamente deuse a coñecer a renuncia de dous dos cinco vogais que compoñen o consello asesor do centro de arte, en desacordo co que interpretan coma unha radical modificación da concepción que ata o de agora viña guiando a traxectoria do CGAC. 

Cambiar o criterio de selección da dirección, tal como acaba de facer a Xunta, supón unha clara involución nunha dirección abertamente contraria ao contemplado no código de boas prácticas. 

Non é especificamente o nomeamento da nova directora o problema de fondo que aquí está en xogo, senón os cambios decididos pola Xunta mediante a aprobación en 2021 dunha nova Lei de Museos de Galicia, que establece que a dirección dos Museos galegos de titularidade pública dependente do goberno autónomo sexan exclusivamente exercidos por funcionarios, lei aprobada exclusivamente polo grupo do partido gobernante que retén a maioría absoluta no Parlamento autónomo. Con esta decisión, eminentemente política, o goberno do PP rompe abertamente cos criterios consensuados no Código de Boas Prácticas que se pode consultar na web do Instituto de Arte Contemporáneo (https://www.iac.org.es/). Este documento foi o resultado dun amplo debate entre expertos e representantes de diversas organizacións do sector artístico de toda España, que finalmente foi presentado ás instancias gobernamentais e asinado pola daquela (xaneiro de 2007) Ministra de Cultura, Carmen Calvo. Non se trata dun código con carácter normativo senón orientador, co que se pretendía establecer un marco de referencia común para museos e centros de arte, que inclúe criterios para as estruturas de xestión, composición, elección e funcións dos padroados, selección dos órganos directivos e consideracións sobre o papel social que deberán desenvolver. A partir de entón, este código foi asumido -en moitas ocasións de forma explícita, sumándose ás organización que o asinaron orixinalmente, e outras dun xeito implícito, recoñecendo a súa autoridade en tanto modelo orientador- por parte dunha boa parte, senón a maioría, das institucións museísticas de toda España. Con este código deuse un paso importante na dirección de configurar unha concepción institucional da arte capaz de harmonizar as esixencias dunha cultura propia dunha sociedade democrática e a independencia creativa das iniciativas artísticas, rompendo tanto coa tentación instrumentalizadora destas iniciativas por parte do poder político, como da entrega dos movementos artísticos e as institucións museísticas ás forzas do mercado. 

Cambiar o criterio de selección da dirección, tal como acaba de facer a Xunta, supón unha clara involución nunha dirección abertamente contraria ao contemplado no código de boas prácticas. Converter a figura do director ou directora (como será neste caso) nunha funcionaria, implica unha evidente desvalorización do seu papel, non só como xestora dunha institución, senón como deseñadora dun proxecto capaz de actuar como dinamizador dos potenciais creadores da sociedade, tanto no sentido de dar visibilidade aos artistas locais como conectándoos cos movementos creativos internacionais. 

Na xustificación do cambio, no seu momento o conselleiro apuntou tres obxectivos: “ampliar a internacionalización, unha maior apertura á creatividade dixital coa irrupción das novas tecnoloxías e darlle pulo a súa descentralización dentro e fóra da Galiza”. Obxectivos que, primeiro, non implican ningunha novidade respecto do pasado do centro; e, segundo, non xustifican en ningún caso esa funcionarización senón que máis ben, en todo caso, a contradín. 

Lamentablemente este movemento da consellería de Cultura parece apuntar na dirección de limitar o papel da dirección do centro de arte, como se veu na escasa importancia concedida ao proxecto dentro do prego de condicións que os candidatos debían presentar. Por un lado, é evidente que ao limitar a elección entre funcionarios, limítase tamén o seu perfil, descartando xustamente a quen adoitan contar coa experiencia que habitualmente se demanda para exercer a dirección dun centro de arte, como se constata na escasa experiencia que acredita a nova directora de acordo co currículo que se pode ler na súa propia web persoal. Por outra, convertendo a directora nunha funcionara co rango de subdirectora xeral, convértea tamén nun cargo político de libre designación e acrecenta a súa dependencia respecto de quen a nomeou. 

En definitiva, todo isto alimenta interpretacións nunha dirección: o interese do PP, desde o goberno da Xunta, de intervir sobre o espazo artístico a través do que ata o de agora foi o buque insignia institucional no ámbito da arte contemporánea. En que dirección? Os antecedentes noutros ámbitos (control informativo na RTVG, instrucións sobre “neutralidade ideolóxica” na Consellería de Educación) non presumen nada especialmente prometedor.