Juan Torres é unha das voces referenciais na análise económica española en coordenadas progresistas. Catedrático xubilado de Economía Aplicada na Universidade de Sevilla, é autor dun bo número de publicacións e análises de actualidade onde trata de interpretar a realidade económica do mundo contemporáneo, marcada pola emerxencia dunha nova doutrina da barbarie e a extorsión que encarna Donald Trump.
Cales son os obxectivos reais de Donald Trump cos aranceis? Está a cumprilos?
Tratar de manter o dólar como moeda de reserva e condicións que fagan sostible a débeda de Estados Unidos. Como é difícil chegar a acordos cos seus socios e que os demais países acepten que iso se faga á súa costa, utiliza a extorsión. Recoñeceuno expresamente o presidente do seu Consello de Asesores Económicos, Stephen Miran: “Como pode Estados Unidos lograr que os seus socios comerciais e de seguridade acepten un acordo deste tipo (reforzar a débeda e soster a débeda)? En primeiro lugar, está o pau dos aranceis. En segundo lugar, está a cenoria do paraugas de defensa e o risco de perdelo”.
Vostede criticou o acordo da UE con Trump. Cales cre que son os seus aspectos máis lesivos? Que efectos terán os aranceis sobre Europa?
O acordo é o resultado dunha chantaxe e dunha vasalaxe. Iso xa é lesivo de seu. É asimétrico, impón condicións leoninas en materia de investimento e compra de material tecnolóxico e militar. Reforza a dependencia de Europa e é unha proba que os seus dirixentes renunciaron a ter un proxecto autónomo en materia económica, tecnolóxica e militar. É, en realidade, unha rendición.
A dependencia é tan atroz que custa comprender até que punto se deixou que Europa estea en mans de Estados Unidos.
Cal debe ser a posición europea ante isto? E a española? Pódese resistir ese vendaval proteccionista?
Non é un vendaval proteccionista. É unha agresión colonial. Pódese resistir? Loxicamente iso depende a vontade e da dignidade dos dirixentes europeos. Eu creo que a maioría deles deron probas de estar literalmente entregados, por non dicir vendidos, aos intereses estadounidenses. Outra cousa é que esa situación é xa de longo percorrido e iso naturalmente fai difícil reaccionar cando se desexa reaccionar. Estados Unidos podería deixar a Europa sen internet, sen luz, sen defensa militar, sen plataformas de servizos dixitais… a dependencia é tan atroz que custa facerse unha idea de ata que punto se deixou que Europa estea en mans de Estados Unidos.
Os aranceis provocan custos a moitas empresa e produtores agrícolas, subida dos prezos ao consumidor e perda de competitividade para moitos sectores.








