A Xunta de Galicia sacou a exposición pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de Altri para Palas de Rei, unha fábrica que cada día que pasa vai tomando máis olor de celulosa. Mentres colectivos sociais e veciñais amosan publicamente o seu malestar, o Goberno galego reitera o seu apoio a este proxecto impulsado pola firma portuguesa. Como parte da estratexia de lexitimación deste, o Partido Popular tenta acurralar a oposición no “si” que en febreiro de 2022 deu ao proxecto cando se debateu no Parlamento. Alfonso Rueda acusa a BNG e PSOE de ter votado a favor da iniciativa e de ter experimentado nos últimos meses unha mudanza de posición por motivos electorais e, en todo caso, sen un recoñecemento explícito do cambio.
Resulta, porén, dubidosa esta afirmación. No seu momento, o que o Parlamento aprobou cos votos de PP, BNG e PSOE foi unha proposición non de lei onde se apoiaba a instalación da primeira fábrica de fibras téxtiles de España na provincia de Lugo, con preferencia na Mariña. Naquel momento nin sequera se mencionara Palas de Rei. Tampouco, velaí o grave, se falaba de celulosa. Hoxe sabemos que Altri producirá catro toneladas de celulosa por cada tonelada de biofibra nesta futura fábrica. Tamén que Alfonso Rueda non descarta a man dura coa expropiación forzosa de terreos se os veciños non chegan a acordo coa empresa.
Difícil acordo coa veciñanza terán, con todo, se persiste a actitude de Altri desta semana. Tras unha serie de encontros en Palas, Monterroso e Melide, decidiu paralizar as conversas con veciños, que presentaba como un achegamento pedagóxico ao proxecto, ante o ambiente que atopou. Postas en cuestión do proxecto e preguntas incómodas que levaron aos representantes da firma lusa a suspender os encontros de Agolada, Santiso e Antas de Ulla alegando problemas de seguridade.
O propio venres, Paula Prado, a secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, amosou o seu pleno apoio á iniciativa de Altri malia recoñecer non coñecela en profundidade. Cando un ten preguiza de atender ao interlocutor, decote díselle que “si a todo” para que cale a boca. Parece que foi o que fixo Prado, pero non o que fará a oposición: o BNG prometeu pelexar contra o que considera unha “bomba ambiental no corazón de Galicia”, mentres que o PSOE optou por un perfil menos decidido pero confiou en que a dependencia dos fondos Next Generation faga a Altri pasar polo aro dos estándares europeos contra a contaminación.
Precisamente, Xosé Ramón Besteiro expuxo a postura dos socialistas o mesmo día en que presentou un milleiro de avais para concorrer pola secretaría xeral do partido. O sábado 23 proclámase secretario xeral ante a ausencia de contrincantes. O 27 de abril, o PSdeG-PSOE escollerá unha nova Executiva Nacional e dará cabo dun a un proceso rápido e, a priori, pouco doloroso para pór a punto o partido. Achéganse catro anos onde os socialistas terán que pelexar, dende os seus nove escanos, para recuperar unha posición hexemónica na esquerda que perderon hai xa oito e que os mantén moi lonxe do soño de repetir a xesta de Emilio Pérez Touriño en 2005.
A semana tamén deixa relevo na alcaldía de Cambre. Óscar García Patiño presentou a súa dimisión a comezos de mes ante o bloqueo que alegou sufrir por parte da secretaría e da intervención do Concello. Un feito inédito en Galicia que deixou en evidencia unha realidade non sempre tida en conta na política municipal galega: o choque entre as direccións políticas e o persoal administrativo. A nova alcaldesa, María Pan, do mesmo partido -a agrupación local Unión por Cambre- terá o reto de sobrevivir neste ambiente hostil e rematar co alegado bloqueo. O doado sería dicir “si a todo”.