Andan estes días centos de grandes tractores polas estradas europeas manifestando o seu descontento coa situación do mundo agrario e gandeiro. Atrapados nun círculo vicioso entre os crecentes prezos que teñen que pagar polo que precisan para producir (gasóleos, pensos, fertilizantes, agroquímicos) e os non tan crecentes que se lles pagan polo que producen, mentres os consumidores pagamos ben caro. E atrapados na rateira dun colapso climático que pon patas arriba o medio natural (auga, clima) do que precisan, e un xeito de producir que alimenta ese colapso. Tamén atrapados por unhas axudas millonarias da Unión Europea sen as que terían que pechar, que se condicionan a novas esixencias e trámites. E en moitos casos por todas esas causas xuntas.
***
Pouco antes desta encrucillada víñamos de tomar conciencia recente, pola experiencia crítica da pandemia, que hai traballos esenciais. Os sanitarios, os de distribución, certas manufacturas (non a maioría),… e os ocupados nas actividades agroalimentarias (agro, gandería, pesca). Este carácter esencial está na base dese enigma que tiña que explicar aos meus alumnos: por que a agricultura recibe a maior parte do orzamento da UE? Pois si: porque dende o comezo do Mercado Común sabíase que a seguridade de autoabastecemento alimentario é un asunto estratéxico para os países europeos. Daquela sabíase por un problema máis gordo que a recente pandemia: polo desastre das guerras europeas.
De xeito que precisamos protexer e manter as actividades agroalimentarias dentro da UE. Porque aínda que un neoliberal diría que non ten sentido facelo, e que o mellor é mercar alimentos por onde anden máis baratos polo mundo fóra, que non é problema quedar sen labregos, o sentido común dinos que precisamos labregos por se os mercados globais non funcionan (nunha pandemia, nun conflito bélico -como o de Ucraína- ou nunha guerra comercial).
Aínda que teñamos que pagarlle aos nosos labregos prezos máis caros dos que teríamos que pagar máis lonxe. Iso si, xogando a favor o feito de que aprovisionarse cerca máis caro non só asegura que poidamos mercar o que precisamos comer, senón que evita mover millóns de toneladas por milleiros de quilómetros. Un dobre bingo: seguridade alimentaria e menor economía fósil e colapso climático.
Mercar alimentos a labregos da contorna próxima (pode que algo máis caros pero con menos custos de distribución) tamén favorece ao comercio de proximidade fronte as grandes superficies. Esas que teñen tanto poder de compra que xogan (á baixa) cos prezos recibidos polos agricultores e manexan (á alza) os prezos pagados polos consumidores. Mesmo utilizando produtos “cebo” (leite, patacas, etc.) vendidos a perdas durante un tempo para controlar o mercado.
De todo o que levo anotado dedúcese ben que os alimentos non se poden xestionar coa “man invisible” dunha sociedade de mercado pura e dura. Que, de feito, na UE, no Reino de España e en Galicia a hora da verdade está moi ben que así non sexa. Porque só así podemos ter seguridade nos aprovisionamentos, prezos decentes para os agricultores, prezos competitivos para os consumidores e aforros de custes na cadea de distribución dende as explotacións agrarias á mesa.
***
Pero o certo é que podemos facer mal as cousas que veño de anotar para facer ben. Porque os grandes produtores de alimentos (grandes empresas agrarias e non empresas familiares) para reducir custos poden facer trampas e forzar ao resto a estragar a autosuficiencia. E así recibir subvencións millonarias para producir con fertilizantes, químicos, pensos, gasóleos, antibióticos para os animais, etc. importados. Sendo así que a procura do máis barato (leite, carne, patacas ou froitas) por labregos do país pode derivar nun sistema moi vulnerable e dependente do exterior. Iso si, con xigantescos tractores e con cada vez menos ocupados agrarios. E pouco queda entón da autosuficiencia alimentaria que se predicaba.
Tamén podemos facer mal iso de que os produtores reciban prezos decentes. Prezos que lles permitan vivir dignamente da súa actividade e pagar os medios de produción fabricados no propio país. Porque o poder dos que comercializan permite que capturen un marxe comercial que come ingresos imprescindibles para o produtor, forzando a este a procurar mercar o máis barato e producir cuanto máis por menos. Unha espiral que destrúe o autoabastecemento, a calidade, a seguridade alimentaria e o futuro das explotacións familiares e máis pequenas.
Tamén podemos facer mal as dúas cousas anotadas por xunto e, por riba, que os consumidores paguen prezos cada vez máis altos sen que iso axude a corrixir aquelas dúas cousas (autoabastecemento e rendas decentes para os agricultores). E así colleitamos un triplo desastre no que andamos metidos sen saber como desenguedellalo.
En Galicia, apenas foron quedando explotacións especializadas e moi produtivas pero con pouco emprego, moi dependentes dos compradores oligopólicos e co país subordinado aos alimentos importados e aos medios de produción que non temos. En resume: un truco cos pés de barro.
Unha treboada perfecta da que só sacarán tallada os grandes empresarios (non lle chamemos agricultores) agroalimentarios e os da distribución. E no que os pagáns seguirán a ser os orzamentos públicos (subvencións da UE e internas), a maioría dos agricultores en risco de ruína e os consumidores empobrecidos. Tamén a protección do clima, da saúde humana, da terra e das augas, e mesmo aquela autosuficiencia alimentaria que ao cabo non vai ser máis que un espellismo para papar subvencións millonarias.
***
No caso concreto de Galicia, teño resumido o noso milagre alimentario como un troco de centos de miles de ocupados por millóns de cousas que temos que mercar: gasóleos, maquinaria, pesticidas, concentrados, fertilizantes, fármacos, etc. Con esta metamorfose apenas foron quedando explotacións especializadas e moi produtivas pero con pouco emprego, moi dependentes dos compradores oligopólicos e co país subordinado aos alimentos importados e aos medios de produción que non temos. En resume: un truco cos pés de barro. Moito máis se temos en conta que as melloras de cobertura nas producións cárnicas e lácteas dependen de orientacións nas que estamos a perdela (pastos, cereais). Unhas melloras cos pés de barro. Tamén polo cambio cara unha alimentación con moitas proteínas animais dende outra máis vexetal.
Saír desta encrucillada e case tan difícil como facelo dunha rúa sen saída. Porque só os cambios alimentarios dos consumidores (do cárnico ao vexetal e da cantidade á calidade), o retorno a un sistema de distribución de proximidade, a xestión cooperativa dos pequenos produtores, a progresiva non dependencia de medios fósiles (gasóleos, fertilizantes, etc.) e de sopa química, a non dependencia de concentrados e o recurso a pastos propios, e unha reorientación da política agraria europea de coparse polos máis grandes empresarios a facelo polos agricultores familiares… só todo iso xunto pode facer que podamos dispor dun complexo agroalimentario que non dependa do exterior, non estrague o medio natural e o clima, e manteña emprego de calidade no país.