Morre a Europa campesiña?

Dende que comezou este ano 2024, e con Francia como avanzada (como tantas outras veces), son cada vez máis os agricultores europeos que saen ás estradas cos seus tractores (Francia, Alemaña, Portugal, España, Holanda, Bélxica, Romanía, Polonia…) nunha mobilización que poida que non teña precedentes nas últimas décadas, pero que parece ter collido aos gobernantes europeos co pé cambiado.

Unha mobilización campesiña protagonizada por sindicatos agrarios de esquerdas e dereitas (por caso, en España conflúen COAG, UPA e Jóvenes Agricultores), campesiños individuais (moitos deles convocados a través das redes), organizacións agrarias territoriais… que coinciden en manifestar que “está en xogo a súa supervivencia como produtores agrarios”.

A realidade é que se botamos a vista atrás, os sinais eran inequívocos de que se estaba incubando unha poeira de fenómenos que inevitablemente remataría estalando. Cambio climático, secas, inflación e alzas nos prezos dos carburantes e outros suministros, competencia exterior desleal que fai caer os prezos (en España está o caso do leite importado de Portugal, en Romanía e Polonia os cereais subvencionados de Ucraína…), lentitude na concesión das axudas públicas que, por outra parte, benefician máis ás grandes explotacións, actitudes egoístas dos grandes centros comerciais… Todo combinado, ou por separado, conduce a unha caída dos ingresos e unha suba dos custos que minguan as rendas e fai inviables non poucas explotacións. Unha situación de inseguridade no futuro que se viu incrementada pola desconfianza que provoca a nova PAC con medidas que moitos agricultores (especialmente os franceses) pensan que lesionan a súa capacidade competitiva.

E por se non foran poucos os problemas, xorden as acusacións de deteriorar o medio ambiente. Unhas acusacións que teñen algo de verdade, pero da que non son os campesiños os únicos responsables, polo que precisa outro tipo de solucións que as que se están dando (suba das cargas fiscais)  e que lesionan a concorrencia das explotacións.

No centro de todo iso, a sensación de estar sendo abandonados polas administracións públicas respectivas (nacionais e europeas) nun momento en que á carón dos problemas estruturais e comerciais, aparece unha sacratísima ofensiva dos fondos de investimento e as grandes empresas cerealeiras. Por se isto non fora suficiente, nos países do Leste europeo (Romanía, Polonia….) está o impacto da guerra en Ucraína e as xa citadas axudas comunitarias aos produtos agrarios deste pais que esnaquizan a competencia.

Como sucede sempre, hai quen tenta aproveitar o conflito para sacar réditos políticos, como é o caso dalgunhas organizacións políticas e sindicais de extrema dereita. Algo que, a pesar diso, non debera servir nin para negar os problemas reais do sector agrario europeo, nin para satanizar aos campesiños.

Estamos diante dunha morte anunciada da Europa campesiña?