Acumúlanse os riscos nas finanzas internacionais

A guerra en Irán reavivou o medo á sacudida nos mercados financeiros internacionais. Porén, o verdadeiro risco pode non estar no propio conflito (aínda que este xa sexa grave de por si), senón en algo máis profundo: a acumulación silenciosa de fraxilidades moi perigosas no sistema financeiro global.

Nos últimos anos foron formándose desequilibrios que lembran a patróns observados antes de crises anteriores; e non sería a primeira vez que unha crise financeira aparece cando, aparentemente, todo segue funcionando con normalidade.

Sinais de alarma recentes

Nos últimos días, diversos medios informaron de que BlackRock, o maior xestor de activos do mundo (que administra uns 14 billóns de dólares), limitou temporalmente a cantidade de diñeiro que algúns investidores poden retirar de certos fondos. Algo parecido ocorreu con outros xigantes do crédito privado como Blackstone ou Blue Owl Capital.

En termos sinxelos, isto significa que moitos investidores solicitaron retirar o seu diñeiro ao mesmo tempo e os fondos non poden devolvelo de inmediato porque os seus activos non son líquidos (non se poden vender rápido e fácil).

Isto expón dúas cuestións:

  1. Por que tantos investidores queren saír agora?

  2. Como é posible que institucións tan grandes teñan estas dificultades?

A resposta á segunda é que os fondos de crédito privado invisten en préstamos a empresas que duran anos. Cando as solicitudes de reembolso aumentan de golpe, os xestores atopan dificultades para obter efectivo. Aínda que estes límites son parte do funcionamento normal, o preocupante é que a demanda de retiradas fose tan alta: os investidores están anticipando problemas e tratan de poñerse a salvo.

O crecemento do crédito privado

Nas últimas dúas décadas, os fondos de investimento ocuparon o espazo da banca tradicional no financiamento de empresas. Xurdiu así un mercado de crédito privado moi rendible, pero menos transparente e regulado.

Para operar, estes fondos utilizan o apalancamento: endebédanse para ampliar a súa capacidade de préstamo. Se as empresas pagan e os investidores non retiran o capital, o sistema funciona; pero se as condicións económicas empeoran, o sistema vólvese extremadamente fráxil.

Un sistema financiero na sombra (Shadow Banking)

Despois da crise de 2008, a regulación bancaria endureceuse, provocando un efecto perverso: as operacións máis arriscadas desprazáronse cara ao chamado sistema financeiro non bancario.

Segundo o Financial Stability Board, este sector alcanza os 240 billóns de dólares a escala global e aséntase en tres piares vulnerables:

  • Activos ilíquidos: Préstamos a longo prazo financiados con capital que pode retirarse en calquera momento.

  • Alto apalancamento: Un endebedamento fóra do control das autoridades reguladoras.

  • Interconexión: Unha crise no crédito privado afectaría inevitablemente aos bancos tradicionais a través das liñas de crédito que comparten.

O risco engadido: o mercado Repo

Outro signo de fraxilidade está no mercado de financiamento a moi curto prazo coñecido como repo (repurchase agreement). Son préstamos entre institucións (ás veces dun só día) usando bonos como garantía ou colateral.

Neste mercado móvense uns 16 billóns de dólares diarios. Se este mecanismo se bloquea, todo o sistema colapsa. Institucións internacionais advirten que o elevado apalancamento de algúns participantes e a concentración de operacións en poucos intermediarios son riscos críticos. Aínda que non hai un colapso actual, as mostras de fraxilidade estrutural son cada vez máis visibles.

As poxas de débeda do Tesouro

Outro indicador de alerta son as poxas de débeda do goberno estadounidense. Recentemente, a demanda foi máis irregular mentres a emisión de nova débeda non para de medrar. Hai menos compradores estranxeiros e os grandes bancos están tendo que quedar con máis bonos do desexado.

Un patrón coñecido

Nada disto significa que unha crise sexa inevitable hoxe mesmo, pero existe unha coincidencia de factores que xa vimos antes: activos pouco líquidos, alto apalancamento e burbullas de crédito (antes na vivenda, agora posiblemente no exceso de expectativas coa Intelixencia Artificial).

Cando as fraxilidades se acumulan, calquera shock inesperado —como a guerra en Irán e o seu impacto no prezo do petróleo— pode actuar como o detonante inmediato.

Tradución do texto publicado orixinalmente en castelán no blog de Juan Torres.